Poderías saír con alguén que é fan de El Canto del Loco e cre que Maroon 5 son o mellor grupo de pop do século? Se es deses puristas que acaba de sentir un calafrío tan só con pensar na idea, se es deses que saben que a música está por riba do amor (que bo hipster non o sabería?), se algunha vez buscaches parella entre os usuarios cos que tiñas máis compatibilidade en Last.FM, que saibas que a tecnoloxía está a conspirar ao teu favor. Non unha, senón dúas novas apps de Spotify están pensadas precisamente para iso: facer que xurda o amor a través dos gustos musicais: Fellody e Tastebuds.
Ambas apps funcionan de forma similar: escanean a túa librería musical, que cancións escoitas máis, e buscan a usuarios cun perfil semellante, tendo en conta tamén idade, sexo e localización, con porcentaxe de compatibilidade incluído. A partir de aí, se queres, podes contactar a algún deses usuarios enviándolles unha mensaxe ou, en Fellody, onde no canto de “amigos” tes “groupies”, directamente dándolle ao botón “flirt”.
E é que aínda que no fondo ambas apps sexan para o mesmo, Fellody preséntase xa como un servizo para atopar parella e en Tastebuds disimulan dicindo que é tamén para simplemente atopar amigos cos mesmos gustos musicais ca ti. Iso si, Tastebuds chega cos deberes feitos: no Reino Unido, segundo aseguran desde a startup, onde xa levan un tempo funcionando de forma independente a Spotify (tanto Tastebuds como Fellody teñen unha versión web moito máis completa), xa lograron moitas moitas citas e ata unha que rematou en voda!
As apps contan ademais con outro elemento ao seu favor: o seu público obxectivo, os seus usuarios, non son os mesmos que xa están por todos os servizos online de busca de citas. Outra vez con datos de Tastebuds, o 48% dos seus usuarios nunca utilizaran un sitio de citas, algo que seguro que tamén está a atraer a moita xente nova ás apps. Ademais é ben sinxelo: están en Spotify esperando, o rexistro é vía Facebook e voilà, xa estás dentro.
E como estamos en Galicia de usuarios? Porque descubrir que a túa media laranxa vive en Singapur quizais non sexa o máis alentador (aínda que daría para unha historia ben bonita). De momento non moi ben, pero confiamos en que grazas a este artigo as apps se enchan de usuarios galegos que fagan os servizos moito máis interesantes (ese poder de convocatoria cremos que temos!).
Pode ser divertido probar, non? Só vos poñemos unha condición: se a cousa sae ben, invitádenos á voda.