Amores Prohibidos 2.0: Romeo e Xulieta agora usan Tuenti

Que pode facer que unha persoa adulta, redactora nunha publicación cool e estilosa, saque unha conta que se fixo un día para ver como era o Tuenti por dentro, faga o esforzo de lembrar cal era a súa contraseña e se poña a ler taboleiros (serán taboleiros tamén no Tuenti, non?) adolescentes con incrible interés? A resposta a esta gran dúbida existencial é Amores Prohibidos 2.0, unha aposta polo teatro na era do social media que protagonizan uns rapaces de Boiro e que conta co soporte de RedeNasa.tv e Chévere.

amores prohibidos 2.0A historia trae o presente o drama de Xulieta e Romeo, adaptado á problemática galega. No canto de loitar a morte polo que sexa que enfrontaba a Montescos e Capuletos, o drama aquí ten un compoñente lingüístico. Por unha banda está Xiana, a protagonista feminina, unha adolescente concienciada coa defensa da lingua galega. Pola outra, atópase Romero, o seu partener masculino, que fala galego na intimidade aínda que ninguén o sabe (el é un firme defensor do castelán de portas para fóra).

Entre medias está Rossi, a mala malísima (un portento de personaxe digna de calquera culebrón!) que era antiga moza de Romero e que enche o seu perfil no Tuenti de mensaxes nos que intenta saber se refixo a súa vida sentimental. A historia arrancou o pasado día 23 e rematará (esperemos que non con morte como no orixinal) o próximo día 27.

O drama avanza en tempo real nas redes sociais (Twitter, Tuenti, vídeos no YouTube) e pode ser seguido de forma unificada na páxina da RedeNasa.tv. Para facilitar o consumo da historia (e moi adaptados aos tempos que corren, no que ninguén pode saír á rúa sen ter un), a trama conta cun community manager, Xespir, que vai facendo un resumo guiado pola trama e que filtra de cando en cando avances vía… CachadaLeaks. Os seguidores poden facer comentarios sobre o avance da trama en cada unha das actualizacións da historia e nas redes sociais (e seguir o hashtag #amoresprohibidos20 é case tan divertido como seguir a obra), porque a aventura é interactiva.

Shares

1 comentario

  • Carlos di:

    Xenial!!! Estou enganchado! O twitter bota fume. O mellor proxecto audiovisual feito en Galicia. Noraboa ós Chévere. Teatro do futuro, sen dúbida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *