Por que Draw Something mola? (tanto!)

Hai unhas semanas Zynga, a empresa que está detrás de todas esas invitacións que recibes no Facebook para cultivar tomates, montar unha cidade ou simplemente muxir unha vaca (unha compañía claramente diabólica con esas intencións), comprou unha pequena compañía, quen están detrás dunha sinxela aplicación que todo o mundo pon no seu teléfono. A comprada chámase OMGPop (posiblemente o mellor nome dunha corporación dende tempos inmemoriais) e a app Draw Something, que ao cambio vén a ser píntame algo. Canto pagou Zynga é un misterio (disque uns 210 millóns de dólares), pero as razóns polas que o fixo semellan claras. Draw Something podería ser o próximo Angry Birds (en 50 días conseguiu 50 millóns de descargas) e case mellor estar no punto álxido do movemento.

O funcionamento do xogo é moi sinxelo. Ti (afortunada persoa que tes un terminal Android ou iOS) descargas na túa app store de referencia a aplicación. Hai unha versión fremium, con moito anuncio de Google Ads (morte e destrución para eles) e con funcionalidades limitadas. Logo hai unha de pago (non moi cara) que che permite facer máis cousas e ter máis ferramentas para debuxar que as que che ofrecen sen custe algún.

Unha vez que tes a app no teu smartphone ou tablet xa podes xogar: poderás baterte con coñecidos do Twitter ou do Facebook e – o mellor e máis divertido – facelo con descoñecidos do mundo mundial cos que Draw Something te unirá ao chou.

Cada un dos xogadores recibe tres palabras das que poderá escoller unha (a que pense que poderá debuxar mellor) para que despois o seu contrincante a descubra. Se o consegue tanto o xogador debuxante como o que averigua levan puntos. Claro está non todas as palabras valen o mesmo e canto máis complicadas sexan (eu tentei, por exemplo, debuxar a Eminem sen moito éxito) máis puntos levarán de recompensa. Por exemplo, os nomes propios como Lady Gaga (e unha nova chea deles máis como Mad Men) son os que permiten conseguir un maior premio.

O xogo mantén a tensión dos momentos de adiviña, deixándote ver o momento no que o teu partner trata de averiguar que raio debuxaches. Hai xente que fai auténticas obras de arte, aínda que o importante é que se entenda a idea. Debuxar na pantalla do smartphone non é, por outra banda, moi sinxelo, así que non desesperedes se o único que conseguides son soles sorrindo e árbores dignas da clase de educación infantil 5 anos.

A idea é sinxela, non é algo novo e non cambia realmente moito pero o seu éxito é fulminante polo de adictivo. Unha vez que empezas a xogar con Draw Something non podes parar e, como comeces no traballo, terás que meter o móbil nalgún sitio pechado onde non o vexas para deixar de xogar.

Foto | OMGpop

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará