Hai varios motores que moven o mundo na era dixital e dous deles están a ser explotados en moitos recunchos da rede para lograr atraer aos usuarios, perdidos ante a inxente oferta de todo que ofrece Internet. Eses dous motores son o ego e o consumismo, e son precisamente os que están detrás do servizo do que imos falar hoxe: Svpply.
A forma máis sinxela de explicar que é Svpply é dicir que é unha especie de Pinterest enfocado ás compras. En Pinterest se comparten fotos de cousas que, moitas veces, están á venda, pero en Svpply é sempre así. O enlace leva á tenda onde se está a vender o produto en cuestión. Svpply busca simplemente centralizar e organizar todo o que está á venda na rede. Tarefa imposible?
Imposible ou non, o certo é que é necesario. Xa todos compramos por Internet e temos centos de recursos, pero moitas veces temos un pequeno problema de partida que non sabemos ben como solucionar: non sabemos que é o que estamos a buscar. Si, falamos deses momentos nos que o consumismo nos ataca e dicimos “vou mercar algo en Internet”. Chegamos ao buscador e quedamos en branco. Quero mercar algo… pero que?
Aí é onde entra Svpply. Podes ir buscando por categorías, que veñen de ser simplificadas nun redeseño, indo desde o máis amplo (“tecnoloxía”, “muller”) ata o máis específico (“tocadiscos”); ou utilizar o campo de busca. Podemos escoller o rango de prezo e dicir se queremos ver os produtos ordenados por popularidade ou momento no que foron engadidos. E despois está a parte social.
Porque, por suposto, Svpply non podería estar a ter éxito se non incluíse nada que a convertese nunha rede social. Así, ao igual que en Pinterest, podemos seguir a outros usuarios (amigos ou non) e dicir que produtos queremos dos que eles publican ou dos que atopamos nós pola rede (temos, claro, un botón “mercar despois” para engadir cousas a Svpply, como o “Pin It” de Pinterest).
Se es lector habitual de Disquecool quizais esteas a preguntarte algo máis: non falamos hai pouco de algo parecido? Si, non estás a ter un déjà vu: falamos de The Fancy, un servizo cunha filosofía similar á de Svpply, como Pinterest pero enfocado nas compras. Cal é a diferencia? En palabras do propio CEO de Svpply, a idea era “ter un sitio de compras que non asuste aos homes”. Fronte á beleza “cuqui-aséptica” de The Fancy, Svpply queda no aséptico. Svpply é sinxelo e bonito, pero de forma moi minimal.
E é que Svpply non quere ser simplemente o Pinterest das compras. Svpply quere ser como Pinterest, pero que a súa base de usuarios sexa de ambos sexos, e non abrumadoramente feminina como acontece en Pinterest e, todo parece indicar, en The Fancy.
Cres que o teu ego (todas esas cousas cool que atopas pola rede e amosas en Svpply) e o teu consumismo terán suficientes con isto? Posiblemente non. De feito, está xa a haber teorías acerca de como lugares como Svpply e Pinterest, no canto de fomentar o consumismo, acaban con el. Segundo parece, gardar para “comprar despois” fai que nos sintamos co deber cumprido e nunca cheguemos a facelo. Só pensa en todos eses artigos marcados cunha estreliña no teu lector de RSS (aínda utilizas?) para ler máis tarde. Cantos tes lido? Pois iso.