Vencello: a primeira rede de blogues temáticos en galego

* Colaboración de María Villamarín

Cinema Friki

Cos tempos todas as palabras se reinventan. Un vencello para o meu avó era a corda de xuncos coa que se prendían os feixes de herba. Como lle explicaría eu que agora tamén se lle chama así á primeira rede de blogues temáticos en galego? De seguro que me diría ”eu non sei quen é ese Internes”. Pois si, é a primeira páxina web que reúne bitácoras especializadas en tecnoloxía, móbiles, videoxogos, telecomunicacións ou lingüística. Son nove en total. Un número que fai que aumente o peso do mundo blogueiro galego. Algúns teñen unha longa traxectoria, como ‘Cinema Friki’, presente en internet dende 2005. Outros teñen menos anos de vida como o conxunto de blogues ‘Mallando’. Iago Varela, un dos seus editores, di que conforman unha rede con características claras e que como tal ”quere ser algo diferente (…) paralelo ao blogomillo”, o conxunto de páxinas interconectadas en blogaliza, o servizo de creación e almacenamento de blogues.

O que nun principio naceu como unha forma de escribir sobre o que lles interesaba rematou por converterse ”nunha afección que lles ocupa tempo, esforzo e cantidades pequenas de diñeiro, pero que reporta grandes satisfaccións”, como ben di Iago. Detrás de Vencello hai xente con moitas ganas de comunicar e de facer algo propio, algo de seu… aínda que todo o mundo bebe de referencias. Eles din que colleron todo o que lles gustaba de páxinas como Microsiervos, Amazings ou a diversificación temática de Xataka.

Así, se entras en ‘Cinema Friki‘ non só verás ao mutante Lobezno pinchando coas súas poutas un rabo de polbo. Tamén verás presidindo o blogue a frase do crítico de cine Martin Pawley : “Só leo este blogue para saber o que non teño que ver”. Isto sucede porque estamos diante dunha serie de bitácoras de temática moi concreta (neste caso, os filmes que non verá Martin Pawley) e un target moi definido. Nesta liña, a ‘Malla dos Telecos‘ ten como público obxectivo aos interesados polo mundo das telecomunicacións, ‘Memoria Pixelada‘ atende as demandas dos frikis dos videoxogos (e non digo frikis en sentido negativo) e ‘A Mac-eira‘ adícase en exclusiva a falar sobre o mundo Apple.

Outra das características principais de Vencello é que non é unha iniciativa pechada. Así o demostra o seu proxecto viveiro ‘A Incubadora: un espazo para aqueles que estean interesados en escribir ou crear unha bitácora pero que, por outro lado, non dispoñan nin dos medios nin do tempo necesario para facelo. Vencello axuda a levar adiante todas aquelas iniciativas que lle cheguen ofrecendo asesoramento gratuíto e axuda na parte técnica. Logo, tamén ofrece un proceso de seguimento e análise para asegurarse de que o blogue que se cree teña éxito e visibilidade. Algo que, segundo conta Iago Varela, é ”máis doado de facer a través do paraugas de Vencello que en solitario”. Ademais, tamén pon en contacto a persoas de intereses semellantes para sacar adiante proxectos de blogues como xa sucedeu no caso de ‘A través‘ ou ‘Tipos e bits‘.

Como dicía o seu texto de presentación ”a rede tomou o relevo do papel como formato preferente escollido polos cidadáns para informarse”. Co nacemento de Vencello créase un espazo máis de discusión e diálogo, que achega contidos de actualidade que non se poden atopar con tanta facilidade noutros medios convencionais e funciona como catalizador das iniciativas de usuarios inquietos. Xa se di por aí ‘Deus cría e eles xúntanse’, ou para os ateos, ‘Internet créaos e eles (van) e xúntanse’.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *