Tumblr: o herdeiro máis digno do Fotolog

Tumblr

Lembras o Fotolog? Hai cousa de cinco ou seis anos tíñanos a todos enganchados coa súa sinxeleza, facilidade de actualización e a sensación de comunidade que creaba. Eran tamén os tempos do boom do MySpace, pero Fotolog parecía unha opción moito máis atractiva se un non era músico. Unha foto e un pequeno texto (se querías) cada día. O percorrido polos Fotologs dos teus contactos deixando comentarios. A marabilla de ver como o teu perfil (muro? era como un muro, non?) se enchía de comentarios.

Pero como a todas as modas, ao Fotolog tamén lle chegou o seu momento e comezou o abandono máis absoluto. As razóns parecían atoparse simplemente nos constantes redeseños nunca aceptados polos usuarios e na decisión de permitir deixar comentarios tan só a usuarios rexistrados para evitar o spam. Súmalle a iso a aparición de publicidade bastante intrusiva e a habilidade dos spammers para entrar igualmente nos muros e tes as causas do seu abandono. E o aburrimento quizais tamén. MySpace empezou a morrer (afortunadamente) tamén pola mesma época.

Os nostálxicos do Fotolog laméntanse, pero o certo é que o seu momento xa pasou e que entrar no sitio de fotos dá na actualidade bastante medo (parece estar tomado por bots). Queres un substituto? Queres ser cool outra vez? A resposta é desta vez sinxela é cun deseño de verdade fermoso: Tumblr. E tamén ten o importante detalle de crear unha comunidade ao seu redor. Xa con ganas?

David Karp e Rachel

Tumblr, engadiremos, non é unha plataforma nova. Xa leva na rede varios anos e desde o seu principio foi un lugar con proxección e intención cool. Non hai máis que ver ao seu creador, o pequeno David Karp, que cando lanzou o sitio tiña tan só 21 anos (agora ten 25); e non hai máis que ver o seu propio Tumblr para decatarse de que estamos a falar: fotos pasadas polo Instagram (ou algunha aplicación similar), pequenas transcricións de conversas con Rachel (a súa moza) e moitas, moitas fotos dela. Paixón adolescente tinguida de éxito e estilo. Porque si, David e Rachel son moi cool.

Fóra do Tumblr de Karp, pódense recoñecer xa varias tendencias de uso, normalmente baseadas na fotografía (non sempre orixinal, en Tumblr podes re-bloguear), con moito Instagram. De feito, a moda é un dos sectores que abrazou a nova plataforma con máis paixón e son moitas as compañías que en vez dun blog corporativo normal teñen un Tumblr.

A outra tendencia, moi relacionada coa curiosa recuperación dos gifs animados como forma de divertimento, son os Fuck Yeah! ou os Tumblr adicados á figura dalgún famoso ou simplemente a un tema en xeral. Temos desde os esperables Fuck Yeah sobre Johnny Depp (hai varios, por suposto) ou Kirsten Dunst (Jens Lekman seguro que é visitante asiduo), pasando por Steve Jobs; ata os adicados a músicos como Jarvis Cocker (con dúas variantes fantásticas, un Tumblr adicado ás súas pernas e outro ás súas mans), Neil Hannon, Erlend Oye ou mesmo Kate Nash.

En canto aos temáticos, temos de case todo o que queiras imaxinar: un Fuck Yeah sobre hipsters? Por suposto. Un de barbas e bicis? Tamén. Un adicado ao almorzos? Non hai problema. E xa xuntando tendencias de vangarda, temos ata Fuck Yeahs adicados a casetes ou a fixies. E se aínda tes tempo para investigar máis no mundo dos Tumblrs, recomendamos os adicados ao modernismo, a robots, ás narices grandes (si), e ás pecas.

Xa tes con que encher os ratos mortos diante do ordenador.

Fotos | Nick Gray e Josh James

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *