O meu mozo é unha pantasma

As paixóns son pulsións misteriosas. Hai quen desenvolve unha paixón irrefrenable por Justin Bieber (e na nosa moral está o xulgala duramente). Hai quen namora de David Cameron (seguro que hai) e sinte que as pernas lle tremen cando aparece no telexornal anunciando o que sexa. E hai quen na adolescencia comeza a suspirar vendo no libro de literatura a foto de Bécquer (e si, xa se deu algún caso).

Esa xente – a que namora sen remedio daquel escritor tan guapo ou tan paixonal pero que leva xa cen anos morto – non está soa. Hai moitos máis que sofren do mesmo mal: internet vainos xuntar a todos. Tumblr, ese destino no que se publican tantas cousas bonitiñas e lixeiras e no que non hai que esforzarse moito para facerse fan, permítelles compartir e comentar a súa paixón.

Fuck Yeah History Crushes!! recopila todas esas fotos de pantasmas que farían que as pernas de máis de un e máis de unha boten a tremer. No seu FAQ apuntan que non xulgarán aos seus protagonistas polo que fixeron ou polas razóns polas que pasaron á historia: o único que lle importa é que sexan definitivamente guapos.

Reis crueis, pintores románticos, poetas malditos e estrelas de cine comparten así espazo. O mellor destino cando se quere botar unha un mozo pantasma.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *