O lado hipster de Mariano Rajoy

Podería ser: Rajoy mirando a Feijoo con entusiasmo desbordante e sendo mirado con reservas polo presidente da Xunta

Hoxe estamos de estrea. Temos novo presidente xa con posesión tomada. Temos novo corpo de ministros. Algúns de vós estaredes tristes. Outros non. Pero seguro que todos vós vos preguntades que lado hipster (e descoñecido) pode ter o novo presidente do goberno. Mariano Rajoy, tanto para fans como para os que non o son, é un señor. E os señores son como as señoras que, pouco cool. De onde ven o lado moderno de Rajoy? Do Tumblr.

Todo empezou en Lisboa, esa descoñecida capital das tendencias. Alí, João Rocha, un director de arte (quen se non?), montou en Tumblr o kim jong-il looking at things, un sorprendente compendio de imaxes do ditador coreano Kim Jong Il mirando cousas. Todo é moi surrealista se se visita dunha sentada: Kim Jong Il mira peixe, un pouco máis arriba a un cadete e noutra páxina comida conxelada nun supermercado con un aire tan desanxelado que podería ser o Lidl. Rocha, que continuará o blog a pesar da morte do ditador (ten moitas fotos aínda na recámara), emprega fotos oficiais do servizo de prensa oficial coreano.

Mariano Rajoy, mirando á cámara

Alguén pensou que unha idea tan magnífica non podía quedar sen equivalente peninsular e lanzou o blog con fotos de Zapatero mirando cousas, de Esperanza Aguirre tamén observando e o de Mariano Rajoy – o novo presidente do país –  fitando o mundo. ‘Rajoy mirando cosas’ é un blog de WordPress, no que se pode seguir a traxectoria dos últimos anos do entón candidato popular facendo cousas tan sorprendentes como homenaxear a Steve Jobs nun mitin (si, lixeiramente trapallada… porque ademais empregan para este sentido tributo un Vaio de Sony), sacar un polbo nunha feira e rodeado de cogombros españois, asexar ou tocar ducias e ducias de ovos.

A diferencia do blog que dá orixe a todo este movemento de ‘mirar cousas’, no que o seu autor non se pronuncia sobre o comportamento do seu suxeito de análise, aquí quen as escolle (imaxinamos que dos medios) si se posiciona sobre as actividades do seu analizado. E non moi amistosamente.

Sen embargo, todas estas fotos descontextualizadas, estrañas e chistosas danlle ao presidente un certo aire a medio camiño entre personaxe de banda deseñada tipo ’13, Rue del Percebe’ e Bridget Jones que resulta – para a súa causa – ata favorecedor. “Se ata parece riquiño”, díxonos unha votante do extremo completo do abanico político cando fixemos a proba de facerllo visitar sen pausa. Unha maquiavélica aposta dun community manager decidido a gañar para Rajoy ao público moderno?

Fotos | Andrés Fraga

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *