O querido líder segue mirando cousas. Botou unha tempada facéndoo na rede, incluso despois de desaparecer, e agora farao para sempre en formato libro. Kim Jong Il segue a mirar cousas por 24 euros e nun libro de 192 páxinas con algunhas das mellores imaxes que foron recompiladas no Tumblr que lle deu fama eterna, Kim Jong Il looking at things.
Kim Jong Il non era unha moi boa persoa. Corea do Norte é unha das ditaduras máis férreas que existen aínda no mundo, cun control sobre o acceso á información dos seus habitantes que roza o irreal. O culto á personalidade do amado líder marca a vida cotiá dos seus habitantes, que viven nunhas condicións bastante lamentables. Pouco é o que podemos saber dende fóra do que pasa no país, porque os xornalistas non poden entrar, pero algunhas testemuñas (‘Pyongyang’, de Guy Delisle, é unha das máis accesibles) permiten imaxinar dalgunha maneira o que pode ser aquelo.
João Rocha é un director de arte que un día comezou un Tumblr estraño. Cada unha das súas publicacións era unha imaxe do entón dictador norcoreano, Kim Jong Il, mirando cousas: as típicas imaxes de propaganda. Descontextualizadas, perdían todo o seu sentido e de paso convertíanse en elemento humorístico. Kim Jong Il espertaba unha rara fascinación (houbo outros intentos de poñer a políticos mirando cousas, como o caso de Mariano Rajoy, pero non conseguiron o acabado totalmente WTF do ditador de Corea do Norte) e converteuse nun elemento máis do imaxinario de internet (ese internet que por outra banda os seus cidadáns non poden consultar) como un meme calquera.
Trala súa morte Rocha puido manter o seu Tumblr actualizado porque o caudal de imaxes do dictador mirando cousas con comitivas oficiais case non tiña fin. A derradeira actualización é de feito de hai tres semanas, tempo despois da súa morte e cando sobre Corea do Norte xa se debanten cousas como o papel da súa ‘primeira dama’, que quere dicir o satélite que lanzaron ao espazo ou que vai facer o presidente de Google, Eric Schmidt, na súa próxima visita.
Pero para non perder o espírito do Tumblr sempre queda o libro.