Top 10 do 2012: Cousas que fan fotos

O título lóxico deste artigo debería ser “cámaras de fotos“, pero hoxe en día é difícil distinguir que é unha cámara de fotos e que non. De todos xeitos, neste ano presentáronse unha serie de utensilios que, mellor ou peor, axúdannos a conxelar os nosos momentos preferidos en papel ou, na maioría dos casos, uns e ceros. Aí vai unha lista dos trebellos fotográficos que máis nos gustaron de este ano.

10. Canon Powershot G1X. Cando Canon decidiu renovar a súa famosa e merecidamente respectada familia das Powershot G optou por dar un golpe sobre a mesa e dar un salto na calidade da imaxe. Cun sensor do mesmo tamaño que as súas réflex de gama baixa e media (18.7 x 14mm) esta “compacta” sitúase á altura de cámaras tan famosas como a 7D e convértese na mellor relación tamaño/calidade/prezo.

9. Lumix DMC-GF5. É pequena, boa, bonita e barata, e o máis importante, Micro Catro Terzos. Esta cámara é posiblemente a mellor opción para introducirse no na fotografía se tes intención de seguir aumentando o teu equipo sen deixar polo camiño a herdanza familiar. O sistema Micro Catro Terzos posibilita alcanzar unha gran variedade de ópticas de moi boa calidade e a un prezo moi inferior aos das réflex dixitais. Esta camariña de pouco máis de 400€ é o mellor exemplo.

8. Phase One IQ. Probablemente moitos de vós non saberedes que é un respaldo dixital, pero para que vos fagades unha idea é unha caixa cun sensor dixital de 80 millóns de píxeles que custa o dobre do salario mínimo interprofesional dun ano. Porén, esta caixa é capaz de xerar imaxes dunha gran calidade, definición e fidelidade que deixan a un coa boca aberta.

7. Olympus OM-D E-M5. Case a comezos de ano apareceu esta fermosa cámara que, a pesar da súa estética dos 80, representa unha das mellores opcións dentro das cámara de Micro Catro Terzos. Lixeira e discreta, a E-M5 inaugura unha nova serie de Olympus que recupera a tradición que esta casa tiña facendo cámaras de película, pequenas e fiables.

6. Canon EF 40mm f/2.8 STM. Porque as cámaras non son nada sen un anaco de vidro diante que xere as imaxes, os obxectivos tamén teñen un espazo nesta lista. Neste caso un 40 mm que retoma a antiga tradición das ópticas “pancake“, unha maneira de construír obxectivos que fan que sexan pouco máis grande que a propia tapa da cámara. Un obxectivo que todos deberiamos levar na nosa bolsa de cámara.

5. Nokia 808 Pureview. Xa vos falamos del hai uns meses, pero este teléfono pasará á historia non só por ser o último de Nokia en usar o vello sistema operativo Symbian, senón por contar cunha cámara que fixo que todos os competidores sigan 10 meses máis tarde tratando de achegarse á súa calidade. E non se trataba só de usar a barbaridade 41 millóns de fotosensores nun móbil, senón que a maneira na que se utilizan supuxo unha nova maneira de fabricar cámaras que aínda está a ser asimilada pola industria.

4. Fujifilm X10. Non supón un novo paradigma de calidade, non é a máis pequena nin a máis rápida, nin sequera é moi barata, é simplemente moi bonita. Fuji foi quen de construír, por un prezo razoable, unha cámara fermosa e de boa calidade, que lembra as antigas telemétricas. Certo é que un podería mercar unha Leica M e sentirse como unha estrela de Hollywood, pero por 400€ asegúrovos que é do máis bonito que podes atopar.

3. Filterstorm Pro. Non é que saque fotos, pero si que axuda. Esta aplicación para iOS é o que levo esperando dende que no 2007 tiven o meu iPod Touch. De fácil manexo, permite a edición e posprodución de arquivos raw con moita precisión, tendo aceso a curvas e histogramas. Permítenos ademais exportar en múltiples formatos e enviar directamente por mail ou subir a Flickr, outra redes sociais ou unha ftp. A xestión por lotes e a inclusión de metadatos son xa a guinda do pastel. Simplemente por esta aplicación vale a pena pensar nun iPad Mini.

2. Olympus M.Zuiko Digital ED 75mm F1.8: A existencia de obxectivos coma este confirman a maioría de idade do sistema Micro Catro Terzos. Cun acabado sólido e de gran calidade, esta óptica, equivalente a 150 mm en paso universal, é unha perfecta compañeira para unha sesión de retratos. A súa luminosidade, f/1.8 permite obter profundidades de campo moi pequenas, algo especialmente útil cando traballas con sensores bastante pequenos. Unha perfecta compañeira para a túa Micro Catro Terzos.

1. Canon EOS 5D Mark III. A terceira xeración da no seu tempo revolucionaria 5D de Canon segue a manter a esencia da serie. Sensor de 24×36 mm, máxima calidade de imaxe e corpo cómodo e sinxelo. Se ben neste ano tanto Canon como Nikon e Sony teñen sacado cámaras de sensor completo con tamaños máis reducidos e máis lixeiras, a 5D segue a ser a ferramenta máis versátil para o fotógrafo profesional, e a Mark III mellora, só onde é preciso, ás súas predecesoras. Iso si, hai que pagala.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *