Pode que sexas desas persoas con sorte que foron agraciados polos deuses co don da xardinería (o green thumb, que din en inglés) e teñas a casa chea de plantas ou un xardín sempre esplendoroso. Se ese é o teu caso, podes deixar de ler. Este post é para a xente que quere entender as plantas, que quere un balcón florido e unha casa verde, pero que non ten ese don (se non o tes pero tampouco te importan as plantas non tes moito problema). Cantas veces o intentaches? E, unha tras outra, todas as túas plantas foron morrendo. E non por falta de amor! Posiblemente por falta de auga ou por afogamento, por ter demasiada luz ou estar nunha corrente de aire… por tantas cousas! A punto de rendirte? Non o fagas! Tes unha última opción para salvarte: a tecnoloxía.
Na era dos smartphones e dos tablets, na que a frase de Steve Jobs there’s an app for that é xa un mantra para moita xente, o mundo da xardinería interior e exterior está a piques de recibir á xente sen don. E este recibimento non acabará con plantas mortas. Non nos cres? Tes moitas opcións! Aquí van algunhas, 7 gadgets para as túas plantas! (Podes pinchar nas fotos para acceder á fotogalería)
-

- 1. Digital Pot. É só un concepto, pero sabendo que toda a tecnoloxía existe seguro que non tardamos en velo no mercado: un testo intelixente que mide a humidade, temperatura, etc. da terra e llo comunica ao propietario dunha forma máis sinxela de entender que a linguaxe clásica das plantas (“estou triste, mira as miñas follas, estou triste, mírame”): a través dunha pantalla LCD na que se mostran cariñas que representan como se sinte a nosa planta. Está contenta? Quere auga? Está enfadada? O deseño é de Junyi Heo.
-

- 2. Botanicalls. Isto si que existe e seguro que vos encanta: facer que a túa planta logre comunicarse contigo… vía Twitter! Seguro que así non esqueces darlle de beber! Ademais, Botanicalls ten un elemento DIY moi atractivo. Recibirás un kit por correo no que terás ata que soldar algo! (pero iso será o máis complicado) Despois non tes máis que configurar a túa conta de Twitter e a planta enviarache tuits cando necesite auga! E, isto é o mellor, darache as grazas despois de ser regada.
-

- 3. Flower Power. Isto tampouco está aínda no mercado, vén de ser presentado estes días no CES 2013 en Las Vegas, pero segundo Parrot, os fabricantes, chegará ás tendas xa en 2013. Que é? Un pequeno dispositivo de plástico con forma de póla que colocas na terra da planta. Medirá humidade, temperatura e luz e, grazas a unha base de datos con máis de 6000 especies, saberá se a túa planta está nas súas condicións ideais. Comunícase contigo a través dunha app, na que podes ver como vai todo. E si, se algo vai mal, terás mensaxe!
-

- 4. Koubachi. Este invento vén de Xapón, xa está á venda (sae en 100 euros, gastos de envío e IVE incluídos) e non espera de ti que saques a caixa de ferramentas. A idea é similar á de Flower Power: dislle a Koubachi que planta é a túa e irá enviando consellos para o seu coidado. A conexión vai por wifi, e terás sempre os datos dispoñibles nunha app para iPhone ou na web. Ademais, no caso de que de súpeto esteas a matar á túa planta (abriches as fiestras e están a ter moita corrente), Koubachi emitirá un son de alarma! Outro punto ao seu favor: non tes que mercar un dispositivo por planta. Koubachi aprenderá sobre as distintas especies que tes na casa e poderá darche consellos ata de plantas nas que non está posto.
-

- 5. EasyBloom. Esta é para xardíns e vale tanto para os expertos como para os novatos. Coloca o dispositivo na terra e, como nos outros casos, ofrecerá consello sobre o coidado das plantas. Pero EasyBloom vai un paso máis alá: queres saber que plantar nun anaco do teu xardín no que agora non tes nada? Pon o dispositivo e este, medindo humidade, luz, temperatura poderá recomendar que especie é a máis axeitada para o lugar.
-

- 6. LightPot. Outro concepto que de momento non chegou ao mercado, pero que nós xa queremos poñer na mesa da redacción: un testo-lámpada! A idea é ademais moi fermosa: conforme a planta vai medrando, a lámpada vai subindo de altura tamén para deixarlle sitio. E seguro que esa luz ten un efecto invernadoiro perfecto para que a planta medre rápido e contenta.
-

- 7. Aerogardens. A forma é similar á de LightPot, pero a idea é outra: non tes plantas na casa porque non queres ensuciar as mans e os mobles de terra? Agora xa non tes escusa: os aerogardens son testos nos que o aire substitúe á terra. Na parte de enriba hai tamén luz e tamén irá subindo conforme a planta medra. Os Aerogardens si están á venda, hai moitos modelos que van desde os 80 ata os 250 euros.