O moi WTF comezo de Mega, a herdeira de Megaupload

MEGA

Hai agora exactamente un ano, a policía irrompeu na casa de Kim Dotcom, o ata entón non tan coñecido fundador de Megaupload. Megaupload era un dos servizos de almacenamento na nube máis empregados do mundo, un dos sites que concentraban unha porcentaxe interesante de tráfico de toda a rede e un dos destinos favoritos aos que enlazaban en páxinas como ‘SeriesYonkis’. Para a industria do cine, Megaupload era Satán e Kim Dotcom o seu – malévolo- profeta. Para o resto do mundo, Dotcom era un tipo gordiño do que non se sabía moito máis que que era un excéntrico. Vamos, un tío que se puxo como apelido legal Dotcom e que acababa de protagonizar un vídeo musical, a ‘Megaupload song’, pegañento ao tempo que musicalmente chungo.

Un ano despois, Dotcom estivo en prisión preventiva, sacou un par de cancións non moi boas pero si virais (como a que lle adicou a Obama, Mr. President, na que acusa a Hollywood de controlar a política e aos políticos de matar a innovación) e pasou de tipo raro ao novo heroe da rede. Como Dotcom se converteu en líder na loita pola liberdade da rede? En primeiro lugar, non debemos esquecer que lle interesa dunha forma crucial. En segundo, Dotcom demostrou ser un xenio en termos de comunicación. Lanzou unha conta de Twitter na que se presentou como un home normal, cunha muller e uns fillos aos que quere e polos que sufre (unha resposta bastante contundente á imaxe de millonario tolo e trapalleiro que creara o rexistro da súa casa) e sobre todo conseguiu darlle a volta á tortilla na súa historia coa xustiza estadounidense. El, aseguraba, non podía controlar o que facían os seus usuarios coas súas contas, que non só eran empregadas para arquivar contidos protexidos por copyright senón que ademais servían como almacén na nube dunha chea de cousas perfectamente lexítimas. Pero, sobre todo, explicaba, Megaupload non era máis que un paso intermedio: o próximo que Dotcom estaba ultimando era unha plataforma que cambiaría a industria dos contidos eliminando intermediarios entre os músicos e os compradores finais. 

O feito de que os medios neozelandeses destapasen unha chea de irregularidades no proceso que permitiu que deteran a Dotcom e o seu equipo non fixo máis que alimentar a lenda do fundador de Megaupload, quen – unha vez libre – se lanzou a traballar no seu novo proxecto, Mega, unha plataforma de almacenamento na nube máis segura que a defunta Megaupload.

Mega chegou este fin de semana, nun lanzamento digno de toda a extravagancia que se agarda de Dotcom (unha persoa sen oficina e que traballa nunha cama xigantesca e cara que importa de Europa, como desvelaba o perfil que Wired lle adicaba na súa versión en papel do pasado novembro). Ademais de ir creando emoción e máis emoción no seu Twitter (@kimdotcom), fixo unha chea de trapalladas como citar a todo o mundo no centro de Auckland a comer xeados. Nalgúns dos botes, había ocultas unhas invitacións douradas para asistir á festa de presentación do novo Mega.

A festa de lanzamento foi, por suposto, todo o WTF que era de agardar. Comezou con guerreiros maorís, logo Kim Dotcom apareceu entre fume, bromas e cunha detención de pega na que se repetía que o lugar (a casa de Dotcom) era a escena dun crime (con unha chea de antidisturbios). Dotcom anunciou que nas súas primeiras horas de vida, Mega tiña xa un millón de usuarios, na que posiblemente foi a máis estraña keynote do mundo da tecnoloxía dos últimos meses. O novo servizo é moi sinxelo de usar. Subir arquivos é tan simple como facelo a un enderezo de correo e abrir unha conta (con 50 GB de almacenamento gratuíto, moitos máis que os que ofrecen os seus competidores) un proceso do máis intuitivo. Dotcom promete que ninguén vai poder saber que é o que temos alí almacenado, porque todo estará encriptado (e só o usuario pode acceder a ese contido desencriptado), así que a xustiza non pode pedirlles a eles averiguar que é o que pasa nas contas dos seus usuarios. Conseguirá retomar o éxito que tivo a difunta Megaupload?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *