O novo MySpace: esqueceremos os horrores visuais do vello?

O MySpace clásico

O MySpace clásico

MySpace, MySpace. Unha vida enteira intentando entendervos a ti e a todos os teus usuarios. Unha vida enteira preguntándome por que, por que tiveras éxito. Ninguén comprendía. Só Jens Lekman, ao que empecei a amar por compartir ese odio por MySpace nun momento no que parecía que non eras ninguén se non tiñas unha conta. Intentei refuxiarme no Fotolog e aí vivín ata que chegou Mark Zuckerberg para salvarnos a todos. Mirade que cousas me fai dicir MySpace. MySpace non debería ter existido nunca.

Houbo algunhas alegrías. Ademais do día que descubrín o de Jens Lekman (e que utilizara os seus coñecementos de HTML para deixar o seu MySpace en branco), lembro tamén con nostalxia o día que MySpace gañou un premio ao peor deseño da historia. Non obstante, esas alegrías eran moi puntuais e non lograban acabar cos feos sentimentos e pensamentos que me provocaban o éxito do sitio web. Ata que entón, co paso do tempo, MySpace foi morrendo. Grazas, grazas, Facebook. E Bandcamp, e Soundcloud, e ata Spotify.

Cando lin por primeira vez que MySpace estaba a preparar o seu rexurdir e que este estaba a ser argallado por Justin Timberlake, non puiden máis que rir. Todo era absurdo, pero admito que no fondo desa risa había certo medo e nerviosismo. E se, maldita sexa, e se Timberlake logra que a xente volva en masa a MySpace? Aínda que fose una volta ao grande, con beleza visual e usabilidade, sen opcións de HTML para un pobo sen educación (perdoádeme, MySpace sempre fixo que o meu eu snob saíse á luz), aínda que o fixese todo ben. Eu só quería que MySpace desaparecese para sempre.

Non houbo sorte: a semana pasada Justin Timberlake estreou o novo MySpace (ademais do seu novo single, así xa de paso). Moito máis visual e bonito, con aparencia de web moderna. Ao ver as primeiras imaxes empecei a tremer. Sería posible que o novo MySpace si o tivese todo para atraer aos usuarios? Entrei. Abrín unha conta. Empecei a xogar. Tras unha hora pechei MySpace satisfeita: non hai perigo. O novo MySpace non ten nada que dicir.

novo myspace

Ao seu favor hai que recoñecer que o novo deseño está moi ben: con fotos grandes, letras grandes, un estraño sistema de navegación horizontal (pero moderno, si)… Podes conectar a túa conta con Facebook e con Twitter, seguir a usuarios e músicos, dicir se ti es un fan, un artista, ou un simple xornalista,… A cousa promete. Promete moito, prométeo todo, pero non cumpre case nada (Viva! -dixo o meu malvado interior).

O novo MySpace ten o gran problema de ter a música mal etiquetada: se fas unha busca pode que atopes o que queres, pero é igualmente -ou máis -habitual que os resultados non sexan satisfactorios. Podería ser porque o que buscas non está en MySpace, pero outras moitas veces é porque está pero é imposible atopalo. O de seguir a artistas é igual de inútil: aínda que teñan o perfil aberto, son poucos os que fan actualizacións. E hai moitos usuarios do MySpace clásico que se queixan da pouca integración entre ambas plataformas, un erro de entrada que pode ser fatal.

Pero sen dúbida o peor erro é esquecerse dun dos piares da vida moderna actual. Timberlake pensou moito niso de que agora todo é visual, pasou horas en Pinterest (isto é moi evidente) e creu dar coa fórmula. En ningún momento pensou no seu smartphone. Si, amigos, o novo e moderno Myspace chega sen app móbil! Esquecemento? Suicidio? Alguén que odia a Timberlake decidiu convencelo de que o das apps xa non se levaba? Non se sabe, o único que hai seguro é que se vas á App Store e descargas a aplicación de MySpace ao abrila atoparás o MySpace antigo. O clásico, como din eles agora.

Ah, que es dos que, quizais por un algo retorcido gusto polo vintage, non sofren epilepsias co MySpace clásico? Non te preocupes: o MySpace de toda a vida aínda é o que verás se entras en myspace.com. Para acceder ao novo, de momento en beta (vale, si, igual os problemas son porque está en beta), tes que ir a new.myspace.com.

De momento non parece que o novo Myspace (si, agora é con s minúscula) teña moito que facer contra sitios como Facebook ou Bandcamp. Sitios que teñen unha función e un traballo que desempeñan moi ben. Myspace quere ser un pouco todo iso pero queda a medias. Pobre Justin Timberlake, para outras cousas ten mellor tino.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *