Facebook Graph Search: análise e exemplos do difícil que fará as nosas vidas

facebook-graph-search

Hai unhas semanas decateime de algo: había moito que Mark Zuckerberg, o CEO de Facebook, non aparecía en público. Os días pasaban e Mark seguía sen aparecer e eu, pequena xornalista tecnolóxica, empecei a botalo en falta. Onde estaban Mark e a súa sudadera? Onde esa forma de falar do nerd que está a facerse o guai? Onde o seu canciño Beast? Entón chegou a sospeita e case raiou a paranoia: e se Zucks estaba morto? A piques estiven de lanzar o rumor, impulsada máis pola preocupación e por poder volver ao pracer de escribir sobre Mark Zuckerberg que pola maldade da xente que fai estas cousas (eu son boa!). Despois de todo, Mark Zuckerberg é alguén a quen é fácil coller cariño.

Todos os plans e borradores de tuits coa mensaxe apocalíptica quedaron en nada cando Facebook anunciou un evento para a semana pasada. E no evento todos respiramos tranquilos: aí estaba Mark, presentando o “terceiro piar” de Facebook. Non foi, como se rumoreaba, un teléfono. Foi un buscador. Graph Search.

Que é exactamente Graph Search? Debe Google empezar a tremer? Google non treme por nada, que vos quede claro, pero é que ademais Graph Search é tan distinto ao buscador por excelencia que é difícil que poida supoñer unha ameaza. Basicamente, e polo menos de momento, Google busca fóra, Facebook busca dentro. Así, o Graph Search (un nome que, por certo, está a ter moitísimas críticas por non ter sentido para os usuarios) é un buscador interno: a súa base de datos é a de Facebook e os resultados serán páxinas de Facebook.

En que se diferencia ao buscador que ten Facebook agora mesmo? Promete mellores resultados (que, vaia, tampouco é que sexa difícil) e moita máis utilidade. Ademais, quere que cambiemos a nosa forma de buscar e que pasemos das palabras clave a utilizar a linguaxe natural, como fai Siri. É dicir, en vez de buscar “amigos universidade ukelele” teremos que buscar “amigos meus cos que fun á universidade que tocan o ukelele”. Este cambio parece bastante absurdo e non acabamos de ver que sexa unha boa idea (como mirades á xente que busca en Google frases completas? ter que pasar a buscar así non pode ser fácil) -e estaría ben saber se Graph Search tamén nos entenderá cando busquemos cousas à la Google-. Ademais de persoas, poderemos buscar cousas como lugares ou fotos e todas as categorías que Facebook vaia engadindo.

Despois vén a segunda parte e a que promete dar máis dun desgusto: ademais de buscar, nós como usuarios de Facebook tamén formamos parte das bases de datos que utilizará Graph Search, polo que quizais este sexa o mellor momento para botarlle unha ollada á túa lista de intereses (lembras aquela época na que nos facíamos fans de todo? en cantos grupos de “señoras que…” estás?) e empezar a borrar aqueles cos que non queiras que te relacionen. Imaxina que hai dez anos eras fan de Coldplay (vale, hai dez anos o que non existía era Facebook, pero isto é só para que se entenda ben o exemplo). Todos temos épocas escuras. O tempo pasou e ti empezaches a odialos e a contarllo a todo o mundo, pero esqueciches darlle ao “xa non me gusta”. Agora alguén pode facer a busca “fans de Disquecool aos que lles gusta Coldplay” e que ti aparezas entre os resultados. Alá vai toda a túa reputación.

Como en Estados Unidos hai xente que xa está a probar o Graph Search en beta, o exemplo disto que veño de explicar está xa nun fantástico e hilarante Tumblr, Actual Facebook Graph Searches con buscas como “Xente casada á que lle gustan as prostitutas”, “Empregadores de xente á que lle gusta o racismo”, ou “Xente á que lle gusta a English Defence League e o Curry”. Iso si, o seu obxectivo non é tanto facer rir como facer pensar: “A maioría do perigo online non vén de estraños facendo buscas de broma: vén da xente que te coñece”, di Tom Scott, o creador do Tumblr, nun post no que di que xa non vai a publicar máis destas bromas. E tamén contesta á pregunta de se a xente que sae nos contraditorios resultados é estúpida deixando claro que non. Simplemente non saben como poñer en privado as informacións.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *