“En América había algo máxico en min, saíame todo ben”

Xoel López

Xoel López é alguén de sobras coñecido por todos, un deses músicos que hai uns anos, baixo o nome de Deluxe, enchía calquera lugar no que tocaba sen importar o aforamento. Entón fixo un deses movementos incomprensibles para moitos pero posiblemente imprescindibles para manter a súa saúde mental: como xa fixera Paul Weller con The Jam, Xoel finiquitou Deluxe. De Weller soubéranse cousas de seguido, Xoel desapareceu e dedicouse a descubrir América. Agora está de volta, un pouco nervioso, como confesa por teléfono. Por se ninguén se lembraba del. Pero Xoel pode respirar tranquilo. Había ganas de que volvese.

Como están a ir os primeiros concertos de volta en España?

De momento levo moi poucos, fixen un concerto en Albacete e outro acústico en Barcelona cun amigo (en plan guitarra e pandeireta), pero a verdade é que de momento está a ser incrible. Estaba bastante dubitativo porque, claro, levo tres anos sen facer un concerto meu, co meu nome, e non sabía moi ben con que me ía a atopar, se se lembrarían de min. Pero moi ben, sorprendeume para ben, non pensei que a xente se fose a lembrar tanto, que fosen a saber as cancións. Había como moitas ganas.

E que diferencias notas coas túas últimas xiras por aquí antes de marchar (sen contar a Caravana Americana)?

Nótome moito máis tranquilo, pero é difícil dicir exactamente como estou, estou aínda ubicándome, en proceso de adaptación. Porque claro, levo anos tocando para públicos moi pequenos, que non sabían quen era. Ou aínda que tivesen unha idea, era sempre un público novo, co que para conseguir aplausos había que esforzarse moito. Así que agora de súpeto ver a xente que se sabe as cancións (as de Deluxe, claro, as de Xoel López aínda non están gravadas) é todo un luxo. Estou tocando tamén cancións novas que non coñecen, o que é máis como un reto… así que estou así nese momento de cambio, de transición.

Cando marchaches na túa odisea americana hai xa case tres anos, que idea tiñas na cabeza? Que esperabas atopar (e que atopaches)?

En realidade non o tiña moi claro, fun a deixarme sorprender. Ao principio de todo tan só sabía que marchaba dous meses a Buenos Aires e dous meses a Nova York, é dicir, tiña casa dous meses en Buenos Aires e dous meses en Nova York. Despois non tiña nada claro, sabía que podía volver pero tampouco descartaba quedarme. Así que primeiro estiven un mes de vacacións en Buenos Aires, e o segundo mes xa empecei a facer contactos, a coñecer a xente, empecei a tocar nalgúns sitios… funme liando. Despois en Nova York non sei, foi distinto, digamos que non era o que buscaba, así que volvín para Buenos Aires e empecei a percorrer toda América Latina, e tamén algo de Estados Unidos (pero o Estados Unidos máis hippy, como San Francisco), e así xa me fun enganchando. Fun montando distintas bandas, dando concertos, poderíase dicir que facendo carreira. E ao final o que ían ser catro meses convertéronse en case tres anos

Pero se teño que resumir, dicir que esperaba atopar e que atopei, podo dicir que sen dúbida encontrei moito máis do que esperaba. Non sei, eu non son moito de crer no karma e esas cousas, pero parecía que había algo máxico, algo kármico en min que facía que todo me saíse ben. Cando marchei para nada esperaba esperar tocando tamén en sitios como San Francisco ou Bogotá, todo xenial.

Xoel López

O libreto do primeiro disco de Deluxe incluía nos agradecementos, ademais de á xente normal, a The Beatles, Small Faces, Beck ou Ocean Colour Scene. Que nomes habería agora? Ampliaches a túa carta de influencias?

En realidade agora para facer algo así tería que ir máis atrás, aos que marcaron dalgunha forma a miña base, faría un balance xeral. Estarían, claro, os Beatles, a música negra, o funk e o rhythm & blues e todo o que conforma a cultura mod (aínda que é moi amplo). Pero tamén os cantautores dos 70, que se escoitaban moito na miña casa, e a música latinoamericana que xa escoitaba pero sobre todo polo que agora significa para min. En realidade cada vez é máis difícil citar nomes para dicir a que soa a miña música… Antes podería dicirche “pois as miñas influencias son grupos como Ocean Colour Scene”, non porque soase a eles, senón porque era a quen querería soar, pero agora é todo cada vez máis persoal. É moi difícil dar nomes porque cada vez está todo máis mesturado.

Xa falamos de presente e de pasado, agora toca o futuro… para cando o disco e o documental?

Como o conto de Nadal… (risas). Pois agora mesmo teño eses dous proxectos, o disco e a película. Primeiro o disco, o meu primeiro disco como Xoel López (que está guai poder dicir que é o meu primeiro disco a estas alturas, aínda que sexa o duodécimo na miña carreira, pero é o primeiro firmado co meu nome). Estou agora a rematalo con Juan de Dios, hai xa cousas gravadas pero quedan aínda varios temas por gravar. Supoño que o terminaremos por setembro e que se poderá lanzar a finais de ano ou a principios do ano que vén.

E por outro lado está a Caravana Americana e a película, que estou agora a dirixila con Arturo Lezcano, e que contará un pouco a miña experiencia por América, con todo o material e as imaxes que se gravaron por alí, e tamén a outra parte da Caravana en España, cando viñen o ano pasado con todos os meus coleguis e dimos varios concertos.

 

E como está a resultar o de dirixir? Fixéralo antes?

Bueno, tiña xa algo de experiencia, tiña dirixido algunhas cousas como o último videoclip de Lovely Luna, e despois tiña tamén a experiencia do documental ‘En el Camino de Santiago’ de National Geographic, que non dirixín eu, claro, pero ao estar metido no medio sempre aprendes algo. Neste caso ademais sentía que tiña que estar eu, que tiña que formar parte de isto, porque ninguén vai a entender tan ben o que eu sentía coma min… Era unha forma de facelo máis real. E ao final é como todo, en canto te metes aprendes un montón e decátaste de cousas como que editalo todo, ver todas esas horas de vídeo e seleccionar, montar, etc., leva moitísimo tempo…

E xa para rematar, cando entrevistamos hai dous meses a Bart Davenport preguntámoslle pola súa experiencia na Caravana Americana, pero o que nos contou foi o que el pensaba que supuxera para ti… así que agora ti podes contarnos como cres que o pasou Bart.

Pois o de Bart Davenport é un caso moi particular, porque era o único americano anglosaxón, é dicir, o único que non falaba castelán. Estaban tamén os brasileiros, claro, pero non contan a ese nivel porque nos entendemos perfectamente. E aprendeu moitísimo, de feito acabou falando español moito mellor do que o facía ao principio (pero aínda moi pouco). E ao final díxome unha cousa que me fixo moita ilusión, díxome: “Xoel, nesta Caravana decateime de que teño que aprender español”. Eu levaba moito tempo dicíndolle “Bart, non pode ser, levas un montón de anos vindo a España, non pode ser que aínda non fales case nada de castelán”. Ademais unha das cousas que me motivaba máis e que máis ilusión me facía era que Bart, sendo americano, non coñecía nada da metade do seu propio continente, non tiña estado (e aínda non estivo) nunca en Latinoamérica, non coñecía a xente de alí… Así que para él foi tamén unha oportunidade nese sentido de saber máis sobre a xente e a música que se fai alí, de relacionarse máis con eles.

* Xoel López está agora de xira e estará este venres 1 de xullo no Vigo Transforma. Podes consultar máis datas na súa web.

Fotos | Lola García Garrido

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *