Intentemos cambiar de obsesións, hai varios meses que moitos dos textos de Disquecool (especialmente esta sección) empezan falando do tempo. Sabemos que nos perdoades (quen non falou e pensou durante horas e horas sobre o tempo desde que empezou 2013?), pero queremos cambiar. Nada de dicir que como xa é primavera (agora xa, agora si) xa queremos ir a festivais. Nada de pensar no que mola escoitar música ao aire libre sentindo o sol quentiño (aínda non fuximos del, ai) na cara. Non. Sabemos desfrutar da música en calquera situación e o tempo atmosférico non nos importa. Nunca. Nada. En maio iremos a festivais porque somos melómanos, non porque como xa saíu o sol xa nos atrevemos a saír da casa. A que festivais queremos ir? Un mes máis, recomendamos un en Galicia, outro no resto de España e un último no estranxeiro. Propostas pouco orixinais e variadas, todos eses festivais para os que quizais xa teñas entrada!
– En Galicia. Festival do Norte. Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 17 e 18 de maio. Un dos clásicos da primavera galega, no que polo menos sempre se pasa ben. Porque xa sabedes, aquí estamos un pouco fartos de festivais co mesmo cartel (di nomes ao azar, seguro que acertas varios), pero o certo é que non deixa de ser un bo cartel. E nós somos indies sen remedio e non podemos escoller o Reperkusión (do 10 ao 12 de maio) como festival destacado do mes. E quizais, quen sabe, quizais nunca viras a Delafé y Las Flores Azules en directo. Ou a La Habitación Roja ou a Xoel López. E deixémonos de elitismos, hai concertos que prometen ser grandes: Triángulo de Amor Bizarro, Jane Joyd, Novedades Carminha, Aerolíneas Federales (quen non quere cantar Non todo é o que parece??)… E Dover “presentan” ‘Devil Came to Me’, concepto do que somos moi fans. Prezos económicos, como sempre: abono anticipado 30 euros.
– En España. Territorios Sevilla. Sevilla, 17 e 18 de maio. Se non te apetece o plan do Festival do Norte, podes baixar ata Sevilla esa mesma fin de semana para unha proposta máis multicultural. Emir Kusturica & The Non Smoking Orchestra, Fuel Fandango, Ska Cubano… E non te preocupes, todo combinado coas necesarias doses de indie: Fangoria, Fatboy Slim, Corizonas, Pony Bravo, Hola a Todo el Mundo, Anni B. Sweet, Standstill… Os prezos, ademais, están moi ben (o que axuda cando xa houbo que viaxar ata Sevilla): o abono custa 27 euros. (En maio hai moitas máis opcións: o Primavera Sound en Barcelona, o SOS 4.2 en Murcia…).
– No estranxeiro. Optimus Primavera Sound. Porto (Portugal), do 30 de maio ao 1 de xuño. Encántanos que o estranxeiro quede tan preto da casa! E este ano si, este ano iremos ao Primavera de Porto e non faremos a pijada do ano pasado de escoller Barcelona (non hai home máis atractivo do mundo Father John Misty ao que perseguir). O cartel é máis sinxelo e a xente di que en Porto é todo máis tranquilo e non hai momentos de pánico e carreiras para intentar cuadrar os horarios de todo o que queres ver. E vaia, aínda que Foxygen xa non estean (snif), ver a Blur (en Disquecool somos fillos do britpop), Nick Cave & The Bad Seeds, Grizzly Bear, Neko Case, My Bloody Valentine, Deerhunter ou Los Planetas tocando esa semana no motor dun autobús non está mal, non? A cantos de vós veremos alí? Aquí as entradas xa non son moi económicas para os que aínda non teñen, pero vale a pena! Son 125 euros. E se tes unha semana de vacacións e ganas de gastar cartos, podes mercar o combo para Porto e Barcelona por 250 euros.
Foto | Hugo Lima (Primavera Sound)
Ver a Blur en directo o día do meu aniversario.
Non se me ocorre plan mellor!!! <3
É como cando cumprín 24 anos con Richard Ashcroft cantándome (si, a min) Sonnet <3
Eu voltarei a Porto, e a Vilagarcia. Non entendo que haxa xente que se queixe de que si son os mesmos, e tal.. eu prefiro ir a ver os mesmos, algúns que non vin nunca, ou que me apetece, pero polo menos ter a opcion. Mellor ter festival que non ter…
PD: Este ano, eu cumprin vendo McEnroe, non teñen tanto nome coma os vosos, pero foi un concertazo…