O disco da semana: We Are 21st Century Ambassadors of Peace and Magic, de Foxygen

wpid-foxygen21st1024x1024 Feliz aninovo. Agardamos que estas semanas que vos demos de descanso, servisen para repasar a lista dos mellores discos de 2012 segundo esta humilde casa, pero foi abondo. Ningún melómano que se atreva a denominarse así desconecta durante tanto tempo do mundo das novidades musicais, e os días de Nadal non son escusa para que o recen estreado 2013 deixe de agasallarnos con cancións do máis bonitiñas. Así pois, ao traballo. Comezamos cunha banda da que xa escoitariades falar no ano xa defunto. Foxygen, un dúo californiano que obtivo grandes críticas no pasado verán coa estrea de ‘Take the Kids Off Broadway’, o seu álbum de debut, un traballo de indie rock do máis fresco. Cheo de atrevemento, pero tamén algo sobrado de caos mal entendido, onde se confundiu levemente o son sucio coa desorde. Disco máis que recomendable, en todo caso.

Non pasou, pois, nin medio ano, e Foxygen xa nos traen nova entrega. ‘We Are 21st Century Ambassadors of Peace and Magic’ (Jagiaguwar, 2013). Título que convida ao imaxinarse un traballo algo máis pretencioso e con certa tendencia a unha psicodelia propia de hai catro décadas, e que semella querer volver atopar o seu oco entre a escena hipster actual. E si, só pasaron seis meses, pero as diferenzas entre os traballos son máis evidentes do que cabería pensar. ¿Foxygen perde frescura?. Si, dende logo. ¿Foxygen gañan en son, en calidade, en produción?. Tanto que ata semella insultante. Que cada un decida o que prefire, eu, dende logo, non o teño claro. ‘We Are 21st …’ é un disco onde nos podemos atopar aos Velvet Underground de ‘Loaded’, a Los Bravos, aos Doors de Light my Fire ou aos Spiritualized de hai unha década. E todos metidos nun saco de 36 minutos e pico.

E é que tras unha peza inaugural menos testemuñal do que nunha primeira escoita poida semellar, In the darkness, que non dubida en ensinar que Foxygen ergue ese pé do acelerador, e que está disposto a amosar unha cara menos diseminada, as influencias velvetianas aparecen por tódolos poros de No Destruction, e que non nos abandonan en On Blue Mountain, deixando paso a uns últimos acordes onde a referencia máis obvia da banda, os Brian Jonestown Massacre, aparecen ao fin, máis de vagar que no pasado.

Sen darnos conta, esvarando como area fina entre os dedos, aínda que pretendamos mantela agarrada, o disco vai encarando a recta final, de longo a mellor, cun fantástico entremés en San Francisco, e a perfectamente producida, traballada e construída Shuggie, con detalles de glam que son a mostra viva de que Bowie non está morto, só se retirou para darlles clase a esta xente. Chega Oh Yeah. Amigos, escoitade Oh Yeah, unha preciosidade de rock antigo, unha volta aos orixes, que se despeitea coa canción que lle presta título ao álbum, unha peza frenética e subida de revolucións, cunhas guitarras sen freo na que Jim Morrison sae da tumba e únese a Bowie no local de ensaio, e préstalles eses minutos finais, cando xa só Oh No 2 pode constatar a vitoria que supón esta segunda entrega. Morreu a promesa, naceu a banda.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *