Top do 2012: discos

Chegou. Como non hai revista, web, fanzine, blog ou tarxeta de visita que non leve impresa a súa lista cos mellores discos do ano, nós non queriamos ser menos. Disquecool tamén elaborou unha concienciuda lista, absolutamente disposta para que todos a poñades a parir porque o disco que máis vos gustou de 2012 non aparece entre os 15 finalistas (si, son 15, puideron ser 10, 25 ou 40. Pero son 15.
E pode que teñades razón, fóra quedaron grandes traballos, mesmo moitos dos mellores do ano para outros lugares: Alt-J, Crystal Castles, Dirty Projectors, The XX…ou Richard Hawley, que non o veredes en ningures, pero que a nós nos encantou. En fin, non dariamos acabado. E ademais, o que vos importa é isto:

15: Sigur Ròs – Valtari. ¿Que? ¿Que só por ser Sigur Ròs xa teñen que aparecer?, diredes. Os islandeses estrearon, aló por maio, os nosos Discos da Semana. Cun traballo algo esquecido -mesmo pola propia banda, que o sacan pouco a pasear nos directos, dada a dificultade que entraña nese ambiente- pero de obrigada reivindicación. Deron un paso atrás no pop alegre de hai uns anos, que nos encheu o espírito, para volver a unha introspección máis marcada da que nunca tiveran. Nese triplo salto mortal do sinxelo, converteron “Valtari” nunha banda sonora vital. Na música do amor, do sexo, da chuvia e da morte. Na dos viaxes en bus cara a ningunha parte, ou na das apertas ao teu primeiro fillo. Unha cascada de bágoas vestida de bailarina.

14: Wild Nothing – Nocturne 2012 non foi, a bo seguro, un ano doado para Jack Tatum. Cando no solpor do verán pasado tocou estrear disco, e darlle un irmán a “Gemini”, a presión era máxima. A típica historia do debut que fai que todo o mundo se volva tolo por momentos, e comece a tratarte como o “novo… (encha o oco como guste)”. Pois ben, Wild Nothing non é dos que falla o tiro co cronómetro achegándose a cero, e “Nocturne” volve a ser un disco de pop fantástico. Para o que escribe, mesmo mellor en moitos aspectos que o previo. Aí queda a produción de Shadow, Dissapear Always ou Paradise. Un paso adiante en madurez sen retroceder un milímetro nesa frescura que, basicamente, buscamos nel.

13: Beach House – Bloom. Se falabamos da reválida de Tatum como “a vida ou morte”, imaxinade o que podemos dicir de Victoria Legrand e Alex Scally. E non, sabemos que non é o seu sophomore, pero tendo o mundo nas súas mans, o único que podían facer era perdelo. Redobran prestacións e paren un traballo meirande que o anterior. Na actualidade, falar dunha etiqueta como o dream-pop sería imposible se non nos veñen á cabeza, máis veloz que lóstrego calquera, o nome de Beach House. E con eles non seremos orixinais, con eles tamén falaremos marabillas de Myth ou Wild, auténticas pezas de arquitectura de gran escala feita a base de delicadas partículas de cristal. O máis fermoso do cotiá. E esa portada… ¿que me dicides da portada?

12: The New Raemon – Tinieblas, por fin. Ramón Rodríguez é, a dia de hoxe, un dos tipos máis en forma da música española. De feito, é o único que se mete nesta lista, a pesar de que outros , como os galegos Fantasmage e Unicornibot, estiveron preto. Cos mesmos ingredientes que lle reportaron innumerables alegrías con “Libre Asociación”, pero sumándolle quizais un gramos de ton épico (Risas enlatadas da boa fe de que así é), The New Raemon aproveita a máxima de “se algo funciona, non o troques”. Pero no seu caso non se pode falar de conformismo, senón de puro talento. Este home, dende a época de Madee, asina discos enormes un tras outro. Sen faltar nunca á cita.

11: Twin Shadow – Confess. Os primeiros segundos de Golden Light, o tema que abre o segundo disco de George Lewis Jr., apuntaban a esta lista dende hai xa uns cantos meses. E a quen non lle entre un deses remordementos culpables ao pensar o grandes que foron aqueles ’80 tan horteras escoitando Five Seconds, que acuda pronto a un especialista. Lewis Jr. revélase como a solución aos que buscaban no mundo do alternativo e dos aforamentos modestos a un personaxe que puidera dar aire ás súas ansias de escoitar a artistas anteriormente coñecidos como príncipes. Un tipo que, ademais, amosa ser un instrumentista notable neste traballo.

10: Passion Pit – Gossamer. Fagamos a proba. Ide todos a Spotify, Youtube ou o que prefirades, e escoitade de corrido Take a Walk e I’ll Be Allright. Que erga a man quen ten gañas de saír bailar e tomar unhas copas, deixándose levar polo “oooohhh” do primeiro. Para iso naceu Passion Pit (en realidade naceu porque Michael Angelakos lle quería facer un agasallo á moza, segundo Spotify). Un disco sen letras enrevesadas, sen virtuosos xiros melódicos. Un disco que nunca se converterá nun clásico. Pero un disco que te fai feliz, que che ergue o espírito e che arrinca un sorriso de orella a orella. Un disco de cores vivas e alegres, que ben merece estrear o noso Top 10. É de cumprida obriga pedirlle ao voso Dj de cabeceira que o poña nas festas de Noitevella.

9: Bat For Lashes – The Haunted Man. Trala tormenta de Passion Pit, chega a perfecta calma de Natasha Khan. A primeira das tres rapazas que nos quedaron seguidiñas na lista. Como diría un coñecido, esta muller segue sendo un SI. Unha aposta segura. Alguén polo que xogarse a casa e os fillos na última man dunha partida de póker. Laura é, sinxelamente, unha estremecedora marabilla, e as cordas e percusións case imperceptibles de All Your Gold fican na memoria durante horas. Unha delicia, unha estrela Michelín do pop internacional. Das que un visita para xogar coa comida na boca durante horas. E outra portada de alto impacto, cunha Khan levada á prehistoria na procura dun sustento animal.

8: Sharon Van Etten – Tramp. Pode que para as listas de música, literatura ou cine non o semelle. Pero xaneiro pertence ao mesmo ano que o decembro que lle segue, once meses despois. O de Sharon Van Etten foi un dos primeiros grandes discos do ano, e durante semanas nos acompañou como referente musical do 2012. Na clase formada polas rapazas que tocan a guitarra e teñen unha voz cálida para facer pop e folk (a lista sería innumerable), todas lle piden os apuntes a Sharon. Para algo é a máis lista, e, de paso, a mellor. Hai pouco moitos a puidestes ver polo noso amado norte de Portugal. En directo namorou tanto como as fermosas versións en estudo de Give Out ou In Line. Un traballo exquisito e conmovedor. Unha chulada.

7: Cat Power – Sun. O impactante troco de aparencia de Charlyn M. Marshall vai moito máis aló dunha mera anécdota estética. A súa carreira, tralos seus problemas de saúde mental (ninguén poderá dicir que a súa vida é un camiño de rosas), e algún disco algo errático, corría o perigo de ir esvaecéndose e caer no absoluto esquecemento. E, de súpeto, soa Cherokee, un corte onde Cat Power lle presta máis protagonismo á electrónica que á orquestracións, e tras 3,6,9 ou Ruin un está absolutamente convencido de que Cat Power marchara, pero só para volver de seguido. Agardamos que o parón que volve a sufrir na súa xira actual non sexa máis que outro pequeno obstáculo. Se se repón deles con discos así, esta muller estará connosco moito tempo.

6: Tame Impala – Lonerism. O último representante do conxunto “bandas que teñen que sacar segundo álbum, despois dun primeiro que foi a leche”, polo visto, o máis maioritario desta lista. Tame Impala arrástranos dende os abafantes arquexos cos que comeza Be Above It a un mundo de psicodelia onde os profes seguen a ser The Who, pero abrazan aos australianos como os alumnos máis avantaxados da actualidade. Espirais de cores e formas que te marean pero conseguen hipnotizarte, e manter a túa atención intacta, e a posición da túa boca nun entreaberto inmobilista. Se hai un disco que te transporta a outro mundo, a outra época, case que a outro planeta, é “Lonerism”.

5: Spiritualized – Sweet Heart, Sweet Light. Non é novo. A Jason Pierce as normas da música comercial importáronlle sempre entre pouco e nada. As regras métricas, temporais ou formais. Por iso é quen de gravar un tema de nove minutos e soltar no estudo “Esta, para primeiro single”. E vendo en Sweet Jane un dos mellores temas de 2012, (para o que escribe, o mellor), a ver quen llo discute. Gloria pura. Absoluto exceso, unha hipérbole que se continúa durante todo o traballo. Spiritualized volve a ser o xefe do conservatorio. O máis semellante que un pode atopar no rock actual á música clásica. Ben cargada e barroca. Neste caso, o single non devora ao resto do disco. Impactante Mary e fascinantes, ao borde das bágoas, Little Girl ou So Long You Pretty Thing.

4: Swans – The Seer. ¿Lembrades aquela escena de “Regreso ao Futuro” na que Marty McFly enchufa tódolos altofalantes do mundo á súa guitarra e ao primeiro golpe de corda sae despedido por unha onda expansiva de potencia decibélica?. Pois así se escoita “The Seer”, o disco que explora as entrañas de todo ser vivo, e que se pasa horas no laboratorio da paciencia humana, investigando ata onde chega. Lunacy soa a pregón sectario, deses grupos que te atraen ao descoñecido, pero que non podes deixar de seguir. “The Seer” lévavos a un buraco angosto do que seredes capaces de saír. Mais nunca volvendo a ser a mesma persoa.

3: Godspeed You, Black Emperor – AllelujaH! Don’t Bend! Ascend!. Seguramente, a mellor nova musical de 2012. Que GSYBE volvese a amosarnos material inédito de estudo xa era sensacional. Que, ademais, mantivese un nivel excelso de calidade, xa era o que nos faltaba. Coma sempre, unha cantidade ínfima de temas. Disco de catro creacións. Coma sempre, un traballo cun milleiro de discursos en cada minuto de son. Os reis do post-rock non abdicaran, tan só estaban tomando un descanso. Observando o que pasaba no mundo para soltarnos Mladic ou a banda sonora do caos, We Drift Like Worried Fire, de agasallo, e dicirnos que volvían para gobernalo.

2: Grizzly Bear – Shields. Grizzly Bear son unha das mellores bandas da actualidade. Os de Brooklyn forman parte dun grupo de escollidos, apenas catro ou cinco, dos grupos máis grandes que debutaron na pasada década. E se falamos de Daniel Rossen, ademais asinou un magnífico EP este mesmo ano. “Shield” é un as de picas, unha resurrección do espírito coral dos Beach Boys, e da eficiencia psicodélica de Syd Barret. Unha desas bandas que gardarían momentos inesquecibles cantando polas rúas repletas de edificios avermellados do barrio que os veu nacer. Como single, Sleeping Ute e sobre todo Yet Again, non admiten voces críticas. Se teño que escoitar unha música no futuro, en bucle, que sexa esta.

1: Dominique A – Vers les lueurs. O mellor do disco do ano estaba na veciña Francia. Nun artista amado aló, algo por aquí, e en ningún recuncho máis. O home que colleu a vella chanson e a mandou a tomar vento. Reinventouna e achegouna á esencia e visceralidade do rock espido. Mentres Contre un arbre se deixa saborear, Rendez-nous la lumière descúbrete pechando os ollos e imaxinando ao xigante monsieur Ané cantando nun teatro onde outrora o viches. As gañas de erguerte de inmediato e correr cara el, para agradecerllo todo, son irrefreables. Os berros da alma da brutal Le convoi morren afogados nun lugar do que queres fuxir, cara algún outro onde ser ceibe sexa posible. O artista convidado converteuse no cabeza de cartel, mentres soaban as percusións bélicas de Parfois j’entends des cris, e nos batíamos en batallas a morte, onde o sangue se misturaba coa terra mentres soaba Close West. Se temos que caer, que sexa por ti, Dominique. E se os ollos se nos teñen que ir apagando, se sexa mentres te achegas a nós entoando o himno de Parce que tu étais lá, e as nosas bágoas se suman ao resto do que deixaches tirado. O amo absoluto deste ano 2012, ano do dragón Dominique.

Shares

7 comentarios

  • Lilikoi Girl di:

    Parce que tu étais là Louis Michel…là bas.

  • Pois non, non pasou o efecto Dominique…
    Dito isto, e partindo da base de que me gusta a lista, rajemos un pouco:
    – Con Sígur Rós, pérdeche un pouco o pasado.
    – Wild Nothing, puto coñazo.
    – Passion Pit, os singles ben, pero ao disco entrar en listas quédalle ghrande, ghrande.
    – O de Grizzly Bear perdeume coas escoitas.

  • gabihey di:

    Tendo en conta os números un e dous… parto do mesmo que Poliptoton e de feito, pasábame a rajar do mesmo. O de Wild Nothing e o de Spiritualized son un coñazo soporífero Por moito que concorde contigo no de “Hey Jane”. O de Passion Pit é tan bó disco como o de Of Monsters and Men é dicir, qué o roio é moi majo e tal, pero NON.
    Sobre o “Bloom” xa falamos, e insisto, a min gustoume moitísimo máis o de Tamaryn. Non ten un “Myth”, pero en conxunto moito mellor.
    E sobre Swans non sei opinar. Non me desagradou en absoluto (non así o de Scott Walker) pero sinxelamente, non son quen de falar del nin de xustificar que esté ou non nunha lista.

  • Dr. Chou di:

    Grazas polos comentarios!!:

    1: Wild Nothing: si, pode ser. Recoñezo que non é un disco que vaia pasar á historia, algo monocorde… pero ten un bo puño de temazos. Para estar nun Top 15? Entendo que moita xente crea que non.

    2: Spiritualized: Non, por aí non paso. Discazo enorme. Completísimo, coplones everywhere. Estivo a piques de ser o 4… ou o 3, e é universalmente aclamado. O dito. Enorme.

    3: Passion Pit: Disco majo. Singles moi ben… entón? ah, non é un disco en plan snob, rollo atusarnos os bigotes

  • Dr. Chou di:

    (sigue, sorry) non é Swans… nin lle fai falla, nin o busca. É, básicamente, un disco que lle recomendaría a todo o mundo.

    Gabihey, encantado de que defenda a Tamaryn, discazo (o anterior gustoume máis). Por satisfacer curiosidades, quedou 17, xusto despois de Richard Hawley

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *