O disco da semana: Birthdays, de Keaton Henson

153ed666ea5fd81f8f076a7f515fb09bDisquecool non é tan só un medio de tendencias, de comentarvos o que nos gusta para que vos guste. Por aquí estamos ben comprometidos cunha labor social, solidaria. E mentres o mundo se volve tolo porque o zombie Bowie saíu da tumba na que se rumoreaba que estaba, compartindo partida de dominó (porque Bowie xoga ao dominó na taberna cos colegas, seguro) con Elvis, Hugo Chávez, Robert Smith e outros artistas dados por mortos; mentres, dicimos, en Disquecool queremos sentarnos a falarvos de Keaton Henson.

Londinense de apenas 24 anos, o señor Keaton Henson é un cantautor (si, a palabra asusta, pero ao fin e ao cabo é o que é) que na disquerredacción nos ten estupefactos. Bebendo de influencias coñecidas por todos, unha fórmula tan vella como repetida ata a saciedade: instrumentación sinxela, letras preciosas, coidadas, falando tanto da vida, da morte como do amor e da xenreira. Voz terriblemente persoal e misteriosa. Non estás nunca seguro de por que nun mundo onde a oferta similar se conta por centos, é mister Henson o que se queda coa nosa admiración e atención. Ou si, si estás seguro do motivo. Señoras, o rapaz este é moi bo, está tocado por algo que o fai diferente entre un exército de iguais.

Tras un ‘Dear…’ que a piques estivo de atopar oco na nosa lista dos mellores discos do ano 2012, ‘Birthdays’ (Oak Ten Records, 2013) postúlase dende xa para volver entrar na pelexa. Doce e fráxil, vingativo e coa intensidade dunha preciosa The Best Today, a un sempre lle pode a idea de que Henson está contando algo que podes crer. Non confundamos iso coa vella farsa de dar por feito que as letras dos cantautores son necesariamente autobiográficas. Non, non se trata diso, trátase de que isto da música consiste en transmitir, en tocar coas tripas, en que sintan e te fagan sentir, en que alguén non poida acabar unha toma de Sweetheart, What Have You Done to Us porque se lle comen as bágoas, e a voz se entrecorta. Alguén que cre tan cegamente no que conta, e que che colle o peito e cho quebra, esgázao pola metade en Don’t Swim é alguén que, crédenos, debedes escoitar.

Tedes que esquecervos de todo e preparar o comezo con Teach Me como unha cerimonia sacramental, para que cando chegue a tormenta de Kronos, no medio da aguda e moza voz de Keaton, que fai que o efecto semelle aínda máis devastador, saibades que vos namorastes deste home escondido trala barba. E mentres el vai xogando a quebrar as cordas, as vocais e as da guitarra, nós participamos do xogo erguéndoo a metas que probablemente aínda lle son algo afastadas, e das que será máis propio falar dentro duns anos. Pero resulta doado deixarse levar pola emoción, soñar con que poidamos estar ante o nacemento de alguén que será moi grande se os medios lle prestan a atención debida a cortes como 10 a.m. Gare du Nord ou You. Mentres deixamos pasar ese tempo, e vemos se o novísimo Keaton se fai cun oco entre os grandes, iremos gozando desta marabilla. Silencio, escóitase.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *