En Disquecool somos moi de namorarnos de moitas cousas. No que a min respecta, de xente que se adica a isto de facer música. Unha desas persoas ás que estou comezando a xurarlle amor eterno é o londiniense Keaton Henson. E por aquí non son o único. Hai non moito falabamos marabillas de ‘Birthdays‘, o seu disco anterior, e mesmo chegamos a incluílo na nosa lista dos mellores discos do ano. Tratábase dun traballo de folk moi delicado, que estoupaba unha vez chegado Don’t Swim, e que nos secuestrou a alma. Seguramente para moitos non era máis ca outro cantautor folk, de aire triste, compatible con algún trastorno de saúde mental (cousa bastante acorde coa realidade, por outra parte), pero que remataba por exercer un poder de atracción brutal. Dende entón ata agora, poucas novas. Un libro de ilustracións editado, algún concerto puntual que servía coma pelexa contra esa fobia social que padece, e nada máis. Tan calado estaba, que nin sequera os seareiros nos decatamos de que se aveciñaba, da man de Ren Ford, a chegada de ‘Romantic Works’ (Oak Ten, 2014).
Utilizamos labazada como termo para explicar que algo che sorprende e che fai caer de onde estás tan seguramente sentado, sen necesidade de levar a cabo unha agresión propiamente dita. O que Keaton Henson fixo en ‘Romantic Works’ foi darnos unha inmensa labazada. Como se nada, deu un salto estilístico maiúsculo, pasándose á neoclásica, e facéndose acompañar de Ren Ford, con piano e violín como protagonistas absolutos. Triplo salto mortal cara un xeito de traballar que non dominas (ou iso críamos), unha bomba que ten alto risco de estoupar nas túas mans. Achégaste a ‘Romantic Works’ crendo que o seu título é tan obvio que ata dá preguiza. Un ten un tope á hora de aturar voces carpideiras e queixas do malas que foron as mulleres ó longo da túa vida. Agardas os arpexos de Keaton Henson facéndose donos dos teus oídos, pero atopas unha intro duns cincuenta segundos de sons inconexos, seguidos duns pasos que nos lembrar á historia circular que fora ‘Birthdays’, e que nos achegan a Elevator Song. A labazada chega aquí.
Un piano espido, un acorde repetido eternamente, e uns amaños de corda. Unha peza enorme, que debuxa na túa imaxinación a unha solitaria bailarina xogando a trazar perfectas liñas das súas medias brancas en forma de infinitos círculos sobre fondo de manto negro. E así, con piano e sección de cordas, pensa Keaton Henson ventilarse o seu conto experimental. Nin unha soa letra, un xogo a banda sonora que estaría á altura dos grandes do xénero, e que mira cara a cara a bestas como Jóhann Jóhannsson. Sen inmutarse, coma se toda a vida a levase preparando este intre. Saír dun recuncho no que estaba escondido e dicir que onde el quere chegar é a sitios como Healah Dancing ou Field, que semellan gardados nun caixón do que só poderían saír ben protexidos, nun pano que vise décadas pasar sen perder de vista a súa misión de protexer tales xoias. Pouco máis de media hora que chega de sobra a ‘Romantic Works’ para encollernos o corazón, da man de obras tan delicadas como Josella, moito antes de que consigas vencer o estupor no que aínda andas inmerso, e que, en realidade, no te abandonará ata que o seu son cese.
E para os que non coñeciades a Keaton Henson previamente, ‘Romantic Works’ será, sinxelamente, un disco fantástico. Sen labazadas nin gaitas, só nove pezas (oito, en realidade), de composición rotunda aínda que fráxil. Que farán tremer as pernas do máis aguerrido utilizando as frechas sen arco de Pretichor, húmidas baixo unha chuvia épica, ou co piano de Earnestly Yours, unha das mellores e máis fermosas cancións escritas por Keaton Henson nunca. Aínda que ten pouco de coherente separar ‘Romantic Works’ por pezas, e non tratalo máis ben como un proxecto de personalidade única e unificada, abrindo agora a incógnita de a que se adicará Henson no futuro, se a volver a enfundarse unha guitarra que reportara un modesto éxito (principalmente en Gran Bretaña), ou se a seguir explorando este clásico experimento que deixou media hora digna de lembrar durante meses. Se o somete a referendo, agora mesmo o meu voto estaría entre os indecisos, e avogaría por unha de cal e unha de area. Parece que el, en todo caso, ten as cousas moi claras. Se non, un non concibe que sacase da manga ‘Romantic Works’.