Os festivais que veñen: marzo 2013

southpopXa está, xa estamos fartos de hibernar. Hoxe empeza marzo e con marzo empeza a primavera, non queremos esperar ata o día 21. Non importa que siga a facer frío. Empecemos a revolución contra o clima vivindo como se fixese o tempo que queremos que faga. E en marzo, en primavera, xa case cheiramos o verán (calade todos os escépticos). En marzo xa queremos ir a festivais de música, maldita sexa, xa queremos saír á rúa e sentir o aire e o sol na pel. É por iso que damos por rematada a pausa invernal desta sección e volvemos a recomendar festivais! Un en Galicia, outro no resto de España e outro no estranxeiro. Alá imos!

– En Galicia. FIV de Vilalba. Vilalba (Lugo), 22 e 23 de marzo. Xa é un clásico entre os clásicos, que todos os anos abre dalgunha forma a temporada de festivais en Galicia. Que temos este ano? Moito vello coñecido como Delorean, La Casa Azul, Hola a Todo el Mundo ou La Habitación Roja e outros grandes nomes do panorama indie estatal que quizais aínda non teñas visto, como Nudozurdo ou Supersubmarina. Hai ata grupo internacional: The Whip, chegados desde Manchester. A entrada custa 15 euros anticipada e 20 en taquilla para un día e 20 e 25 o abono.

– En España. South Pop Festival. Sevilla, 22 e 23 de marzo. Xa, xa, non é compatible co FIV, pero por se tes ganas de viaxar un pouco a climas máis quentes. De momento están confirmados We Have Band, Julio de la Rosa (o seu último disco está a dar moito que falar!), The Primitives, Exsonvaldes, Azure Blue e Pegasvs. En canto ás entradas, os abonos valen 25 euros (30 en taquilla) e as entradas dun só día 15 euros (e 20 en taquilla).

– No estranxeiro. Caprices Festival. Crans Montana (Suíza), do 8 ao 16 de marzo. Tes uns aforros que non sabes como gastar? Colle un avión ata Crans Montana, un resort de esquí bastante luxoso en Suíza (que non é luxoso aí), e pasa unha semana vendo concertos en auditorios. Podes mercar as entradas por días, por packs de días ou de xéneros ou tirar a casa pola ventá e mercar un abono para todos os días. Só custan 714 francos suízos, uns 585 euros de nada… O cartel, iso si, é impresionante: Björk, Portishead, Fatboy Slim, Mika, Nelly Furtado, Black Rebel Motorcycle Club, Noa, Peter Doherty, The Spinto Band, The Killers, Tori Amos e moitos máis.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *