O disco da semana: AMOK, de Atoms for Peace

Atoms-For-Peace-Amok-cover Atoms for Peace é o proxecto paralelo de Thom Yorke. O que lle serve para facer iso que, en realidade, xa fai dende hai tempo con Radiohead. Explorar os recunchos máis sinxelos da súa adoración pola electrónica. Dá luz, entón, a ‘AMOK’ (XL Records, 2013), o disco de debut da banda creada para tan especial ocasión, e quen sabe se morta trala xira regulamentaria. A Thom o resto faille máis falla para dar a coñecer o que “AMOK” pode dar de si en directo, arriscada aposta, que para gravar estes nove cortes que supoñen un fantástico traballo, clara continuación daquel ‘Eraser’ que Yorke amosara en solitario, ou mesmo do recente ‘The King of Limbs’, da banda nai, filla e espírito santo das derradeiras dúas décadas.

Atoms for Peace nacen con bula. Poden facer o que lles pete porque, como diciamos sobre Nick Cave, Thom Yorke sabe que non se xoga nada, que xa é un artista tan grande que pode permitirse erros. Os seus erros serán tidos en conta como obras orixinais. E, se ademais acertas, xa non digamos. ‘AMOK’ acerta, e moito. Non nos enganemos, se non vos gustan os traballos antes nomeados nin o tentedes. Pero dende aquí temos que recomendalo. Por ben producido (Nigel Godrich non fará un disco malo nin se lle poñen cravos na cadeira do estudo), por elegante, ou cando menos moito máis que ese aspecto que o propio Yorke nos amosa ultimamente, e, basicamente, por sofisticado e ben bonito.

‘AMOK’ escolle empezar con Before Your Very Eyes… porque non quere enganar a ninguén. Yorke e compaña colocan unha das cancións máis difíciles de roer nada máis comezar, como dicindo “se non che gusta, mellor para aquí”, pero tamén para facer ese cribado, da xente que se merece o agasallo da xa previamente coñecida Default, unha peza emocionante, cirúrxica e precisa. E quizais será que un é deses dos que se cega con segundo que xente, e lle custa dar cera a artistas como o líder de Radiohead, pero ‘AMOK’, sen que ninguén aspire a atoparse un novo ‘Kid A’, é mellor traballo que o da banda raíz de Yorke. E dá igual se a cara ofrecida é a de Ingenue, delicada e sutil, ou a convulsa e tentadora Dropped, temazo inmenso, que te empurra violentamente a rañar o pelo, a axitarte nunha pista de baile improvisada no salón da casa.

A esas alturas da película (nun día tan cinematográfico permitídeme a licenza), Atoms for Peace xa non sorprenden. Nin para ben, nin para mal. Buscas, comparas, e se che gusta, mercas. Se non, fuxe. Aquí o magnetismo de Unless gusta moito, e énchenos o bandullo de gozo cando Thom se adica a estas pallas mentais, mentres no fondo seguimos suspirando porque Radiohead non volva afastarse demasiado do pop. E certo é, tamén, que outras pezas, como a final AMOK soan algo cargantes, créannos certa ansiedade e póñennos irritables, porque entendemos que non atopan o que buscan, pero sabemos perdoar. Porque alguén tivo o detalle de evadirnos dunha rutina na que se atreveu a debuxar outra. Unha moito máis fermosa, unha na que Stuck Together Pieces ou Judge, Jury and Executioner soan en bucle. ¿Como non iamos rendernos, logo?

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *