Efectivamente, a data oficial de lanzamento dun dos discos máis agardados do ano é, concretamente, o 18 de febreiro. Dentro dunha semana, vaia. Pero tendo en conta que isto dos lanzamentos cada vez é máis subxectivo, e que a propia banda puxo a disposición dos fans a escoita do álbum, en Disquecool permitímonos, sen que sirva de precedente, falar dun traballo antes de que chegue a tendas. E as ansias, neste caso, pódennos. O medo a que o vello Cave e os seus acompañantes puideran estar dándose algo máis cun descanso desapareceu hai meses, case da man da triste nova da disolución de Grinderman (se é que a cremos), e as novas que falan de novo disco dende hai meses fixeron a labor de Valium. Había disco, había dose.
E se hai disco das malas sementes, ten que ser disco da semana. Xa pode ser unha das súas innumerables obras mestras, ou un traballo algo menor. Falamos dun xefe. O xefe manda, ti limítaste a obedecer. ‘Push the Sky Away’ (Bad Seed Ltd., 2013) é un deses casos nos que Cave e compaña asinan un disco algo menor. Volvemos ao eterno debate de se o consideramos menor ao comparalo coa media das producións da banda, pero grandiosa comparada coa música en xeral. Os adiantos axudaron a ser optimistas. Cuns Bad Seeds que abrazaban aos Tindersticks e camiñaban da man cunha gran We No Who U R, pero, sobre todo, cunha absolutamente brutal Jubilee Street, que ergue a todo disco a categoría de magnífico.
Logo chegou a portada, cun Cave en plan dominante no medio dun ambiente de estúpido debate sobre micromachismos e bobadas varias. Mentres os machos que agardabamos o traballo completo nos preguntabamos de quen viña sendo a fermosura da portada, descubrimos que o mellor de ‘Push the Sky Away’ xa chegara. O seguinte só era agradábel, nalgunhas ocasións ata notable, pero nunca máis magnífico. Botamos algo de menos os ataques de megalomanía e de gritos intolerantes dun Cave continuamente contido, como se Wide Lovely Eyes marcase unha liña continua que prohibira ser traspasada. Niveis precisos de escuridade e misterio, de misticismo e personaxe grandilocuente, de Water’s Edge, que tras varias escoitas te conmove, te angustia e te namora. Esa liña continua que fai de ‘Push the Sky Away’ un rapaz adolescente que consigue ligarse á moza guapa a base de insistencia, máis que de boa presenza e atractivo de primeiras.
E entón temos o impulso de dicir que si, que Nick volveu facelo. Que é o máis grande, que queremos un fillo seu e que nos reformulariamos a nosa estrita heterosexualidade se ese home nos chamase á súa alcoba, pero non podemos pasar por alto que onde el pon un Finishing Jubilee Street algo descafeinado, ou calquera outra, a críptica Push the Sky Away, a Higgs Boson Blues… e dirédesme que todas son fantásticas, e pedirédesme que vos argumente o contrario. Non poderei facer máis que dicirvos que Nick Cave esqueceu as guitarras, e que deixou parte do nervio soterrado. E a el dálle igual. É tan grande que ten ben merecido facer o que lle pete, sen importarlle un carallo o que pesen os demais, ou que un disco deixe algo indiferente. Soltarache aquelo de “mira o que fixen, anano. Agora dime que non podo facer o que me pete”. Perdón, señor.
Segunda metade >>>>>>> Primeira metade.
E o resto, xa está aquí de sobra ben explicado.
Creo, estimada Gabihey, que confundes a dirección das frechas. Ou iso, ou estamos radicalmente en desacordo
Estamos radicalmente en desacordo.