Musel: “Cantar en galego é máis doce, non ten arestas”

musel

Musel son os representantes de Lugo do Record Store Day Galicia (proxecto, por certo, no que aínda podedes participar!). O grupo, formado por Óscar Vilariño, Olalla Caamaño e o recén incorporado Omar Feijóo, adicounos uns minutos tras gravar o seu tema para o disco do RSD nos estudios Lithium en Pontevedra para unha entrevista na que falamos dos seus inicios, de Ace of Base e de tendas de discos. Falaron “os líderes” da banda (palabras de Omar, o novo batería, que se incorporou ao final, non miñas!), Óscar e Olalla.

Que é Musel?

Olalla: O porto de Xixón.

E por que escollestes Musel como nome?

Óscar: Estabamos a buscar palabras que nos gustase como soaban e estabamos coa sección de palabras que acabasen en –el (risas), e saíu Musel e gustounos. É o porto de Xixón e nada máis.

Desde cando existides?

Ós: Empezamos a principios do 2011 a quedar a tocar, pero para pasar o tempo, tocamos todos en máis grupos. Agora estamos xa máis en serio montando os temas, temos batería novo…

Ol: Case pode dicirse que temos só uns meses.

Tedes algo gravado ademais disto?

Ós: Non, por iso nos fai moita ilusión.

Ol: Empezar así está guay, gústanos moito a iniciativa. Encantados de que nos escollesen a nós!

Ós: Si, é a oportunidade perfecta para ver que tal funcionamos en estudio, ver se realmente nos gustamos a nós mesmos! Eu estou contento, a verdade, de como quedou todo.

Cal era a idea, cando empezastes, de que facer, a que soar?

Ós: As influencias son evidentes, sobre todo neste tema (refírese ao gravado para o RSD). Grupos como Galaxy 500, Low, Codeine… Algo así moi lento, moi slowcore, a min persoalmente gústame moito o grupo asturiano Mus.

E a pregunta parva do idioma… por que en galego?

Ós: A min paréceme básico cantar no idioma no que te expreses, e no meu caso, que son quen fai as letras, falo en galego e castelán. A miña lingua nai é o galego, coa miña familia falo en galego e dixen, pois adiante. E ben, soa mellor que o castelán para cantar, é máis doce… o castelán ten máis arestas.

E de directos como ides?

Ós: De momento demos dous concertos, e moi ben. Moi nerviosos, pero ben. Foron en Lugo, un teloneando a Betunizer e outro no Festiblas, no San Froilán, con Disco Las Palmeras! Agora queremos montar os temas con Omar, o novo batería, e ver se antes do verán xa podemos volver a dar máis concertos.

Ol: Polo menos temos un seguro para o Record Store Day! Nós tocamos en Santiago.

Coñeciades a iniciativa internacional do Record Store Day antes disto?

Ós: A min soábame, pero non lle prestara moita atención… Pero é algo moi guay, todo o que sexa apoiar ás tendas de discos é básico. Podes comprar por Internet, pero ir a curiosear a unha tenda mola moito e están a cerrar todas. Todo o que sexa darlles visibilidade, que a xente vaia, está moi ben.

Ol: E ademais o propio formato do concerto nas tendas é moi interesante. En Santiago, por exemplo, vai haber varias tendas, podes facer como unha ruta… iso está moi ben. É moi romántico: curiosear dunha tenda a outra, escoitar un concerto acústico…

Cal é a vosa relación coas tendas de discos, algunha lembranza de infancia?

Ol: Eu son de Lugo e téñoo moi difícil, non hai moitas tendas. Nunca houbo moita tradición alí de que a xente mercara moita música…

Ós: Eu son de Coruña, e cando tiña doce anos abriu a tenda Virgin. Ía alí a escoitar os discos de Ace of Base porque non tiña CD aínda na casa. Sabía que os Reis Magos ían a traerme un reprodutor de CD e comprei os discos de Ace of Base antes de ter con que escoitalos!

Ol: Eu cando abriron o Carrefour si que ía alí a escoitar discos.

Ós: Si, despois descubrín Sonic Youth e ía a comprar as series medias ao Carrefour.

E como se chega de Ace of Base a Sonic Youth?

Ós: Pois por La Polla Records, Eskorbuto… (risas)

Ol: Eu non! Eu só Ace of Base, a morte. Pero non tiven esa etapa tan rockeira. Pasei de vinte mil merdas ás cousas máis tolas, pero de infancia Ace of Base. Cando nos fixemos amigos e saíu ese tema foi moi divertido!

Omar: Eu ía a unha tenda de discos que era moi pequena, de dous metros cadrados, e sacaba os discos como duns caixóns, aproveitaba as paredes para meter os discos. O primeiro disco que merquei alí era o ‘Ten’ de Pearl Jam, ou o ‘Nevermind’ de Nirvana. Era moi grunge, os meus primos tiñan vinte anos nesa época e poñíanme cancións de Nirvana, que me flipaban!

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *