Bababum, un caderno e disco de vacacións para os nenos (e pais) máis cool

bababum2Antes de nada entra neste Bandcamp. Dalle ao play. Estás a escoitar unha exclusiva! Agora podes seguir lendo.

Intenta retroceder no tempo na túa memoria vinte anos. Onde estás? No cole, xa pensando no preto que están as vacacións (ou quizais non, vivíamos de nenos tan centrados nas vacacións como facemos agora?). Eses días longos, eses meses case eternos de sol, bo tempo, ver a tele polas mañás, xogar ao aire libre, ir á praia… nos veráns da nosa infancia nunca chovía. Non facer nada e á vez facelo todo, antes de que os sentimentos de culpa da vida adulta ou adolescente chegasen a nós (agora escoitade todos A Summer Wasting de Belle and Sebastian). Despois estaban os cadernos de vacacións: cadernos con actividades para non esquecer o aprendido durante o curso. Empezábamos con ganas. Nunca chegábamos nin á metade. Con Bababum Vacacións todo sería diferente.

Para empezar, porque dicir que Bababum é un simple caderno de vacacións é quedarse moi curto. É, segundo os propios creadores, “unha proposta musical, educativa e de ocio para pais e nenos, que ofrece contidos orientados a estimular as aptitudes artístico-creativas dos máis pequenos”. Os impulsores son Carlos Pereiro (si, Carlangas, a quen coñeceredes de Novedades Carminha) e a ilustradora Cinta Arribas, encargados un da parte musical e a outra de todo o nivel gráfico do proxecto (está ilustrado tamén por María Ramos). Bababum non é un caderno que tirarás ao rematar o verán: pretende ser algo para gardar, un libro que repasar e un disco que escoitar con frecuencia.

Vaiamos por partes, empezando polo libro en si. Que tipo de actividades contén? Carlangas cóntanos que a idea é “desenvolver o lado artístico-creativo dos rapaces á vez que se divirten”, nun libro temático centrado no “mundo das vacacións”. Así, no caderno “podes colorear, debuxar, recortar, relacionar ideas, crear escenarios cos elementos recortables, unir puntos, pasear por labirintos para chegar a un punto, etc”. No libro, en galego, castelán e inglés, hai ademais moitas actividades pensadas para que os pais poidan participar activamente (sabemos que o estades desexando) e despois está o disco. Ese que estades a escoitar.

E é que a parte musical de Bababum é tan importante coma a do libro. Oito cancións de oito artistas (seis galegos, dous de fóra), todas centradas no tema das vacacións. Aries, Grampoder, Wild Balbina, Musel, Álex Casanova e Javi Pretty crearon cancións orixinais para o proxecto, mentres que Montañas e Sacramento cederon outras que xa foran editadas (pero en “pequenas tiradas de vinilo”). E non, todos estes artistas non fixeron de súpeto terribles cancións infantís. “Bababum non considera a música infantil un xénero en si mesmo e a través das tendencias musicais do momento como son o pop, o rock, o punk, a música electrónica ou o folk, adaptadas aos intereses capacidades dos máis pequenos, intentamos despertar o seu gusto pola arte e a música”.

bababum

Agora o que tes que estar a sentir son ganas de facerte con Bababum e poñerte a cubrilo cos teus pequenos (e si, tamén estamos os que non temos fillos e queremos xogar co Bababum!). É normal. “Realmente está feito para desfrutar xuntos e compartir o gusto pola música, a ilustración e a creatividade en xeral. Podes pasar un bo rato entretido facendo as actividades e escoitando o disco e despois compartilo. Eu xa estou rematando o caderno de actividades e o disco gústame tanto que será o que teña no coche para ir á praia”, conta Carlangas.

Pero isto non é todo. Bababum terá tamén unha parte social, unha parte de saír á rúa para atoparse con outros nenos e outros pais e seguir compartindo arte e diversión. Así, haberá un espectáculo “repleto de contidos musicais e non musicais” no que, entre outras cousas, se repasarán en directo “as novas tendencias musicais, que van dende o pop á música electrónica, pasando polo folk ou o rock and roll, sempre fomentando a participación do público”. Si, é exactamente o que estás a pensar: un espectáculo para fillos modernos de pais modernos! De momento só teñen confirmada unha data na Romaría Pop en Compostela (o vindeiro 15 de xuño), pero haberá máis.

Que facer agora con tanta información? De momento só podes ir ao Bandcamp e darlle outra vez ao play para escoitar as cancións vacacionais. A finais de mes xa poderás atopar Bababum en librarías e tendas de discos. Ou podes directamente mercalo online. Oh, e quizais, repetimos, quizais, en Disquecool haxa un sorteo. Pero xa vos falaremos diso máis adiante. Agora empeza a aprender Malditas Fanecas, Xeado de limón ou Chámame en verán. Só con títulos coma estes o disco de Bababum teno todo para estar entre os nosos imprescindibles de praia. Ai, a praia.

* Visita o Bandcamp e o Facebook de Bababum!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *