Pasiño a pasiño imos achegándonos á data, o 20 de abril, día no que as tendas de discos de moitos lugares do mundo encheranse de xente e de concertos acústicos. Aquí teremos o Record Store Day Galicia, organizado por Desconcierto Cultural, que terá lugar en cinco cidades: cada unha cunha tenda de discos (ou máis) e un concerto. Os representantes de Compostela son Grampoder, o grupo dos Homens LeRoi e Martin Wu, e como xa viñemos facendo con outros dos representantes (de momento Musel, Os Amigos dos Músicos e Szentes), tocaba entrevista. Desta vez tivo que ser por correo electrónico (disquerredactora ocupada), contestado por Martin Wu.
– Como naceu Grampoder?
LeRoi e máis eu empezamos con Grampoder no 2011, cando The Homens, o grupo no que tocabamos, decidimos facer unha parada técnica. Cos Homens pasamos seis anos intensísimos, dando centos de concertos, gravando catro discos e escribindo cancións, así que supoño que non soubemos parar… Intentámolo e durante uns meses logramos nin sequera pensar na música, pero logo volvimos ao rego.
– Quen formades Grampoder? De onde vén cada un de vós?
Grampoder somos LeRoi e Martin Wu, e, como dicía, fomos a metade de The Homens durante moitos anos. Antes tocáramos noutras bandas, LeRoi en Stay Pretty, eu en Fame Neghra, por exemplo. Temos backgrounds moi distintos (LeRoi yeyé, eu hardcoreta, LeRoi elegante, eu zarrapastroso, LeRoi baixista, eu mal trompetista, LeRoi de Boston, eu de California), pero levámonos ben e a mestura suma.
– Como funcionades como grupo? Quen escribe, como é o proceso? Que vos inspira?
Despois de tantos anos funcionamos por telepatía. Grampoder permítenos ademais non darlle moitas voltas ás cancións, son cousas sinxelas que van saíndo mentres enredamos no local de ensaio. As letras normalmente fágoas eu (Wu), por unha cuestión de pudor, e inspírame sobre todo a mala baba e o odio de clase.
– A que/quen credes que soades -e a que/quen vos gustaría soar, ademais de a vós mesmos? (si, a clásica pregunta das influencias)
Polo formato que levamos, ultimamente escoitamos moita música que se fai con poucos elementos, tamén moi variada: Yo La Tengo, Gruff Rhys, The Shins, canción popular, Michel Cloup Duo, Pete Seeger e o seu banjo, Aries, Deerhunter, psicodelias varias… Logo soar soamos como podemos!
– Que acollida está a ter a banda polo de agora? Estades contentos ou queredes máis?
De momento levamos poucos concertos, pero estiveron moi ben. Ademais, xa temos outros cantos apalabrados, o que quere dicir que polo menos hai certa expectación. Estamos contentos porque sabemos quen somos, o que facemos e o que hai aí fóra, así que só aspiramos a seguir facendo cancións e poder xuntar os cartos para gravalas de vez en cando, que non é fácil.
– Que plans de futuro tendes?
Primeiro, sacar o noso primeiro disco, ‘Golf Whiskey’, que editaremos en Discos da Máquina en maio; segundo, facer todos os concertos que nos deixen para presentalo; e terceiro, e non menos importante, pagar as débedas que nos deixou a gravación.
– Coñecíades o proxecto do Record Store Day antes da chamada de Desconcierto? De que?
Coñeciámolo como fenómeno anglosaxón. De feito, somos moi fans dos vídeos dos nosos grupos ruidosos favoritos reinterpretando as súas cancións en acústico nas tendas de discos.
– E como todo isto ten que ver con tendas de discos… cal é a vosa relación “vital” con elas? (lembranzas de infancias/adolescencias, a que tendas íades ou ides, descubrimentos realizados en tendas de discos… -si, é unha pregunta moi aberta)
Bueno, nós medramos nunha época na que as únicas maneiras de escoitar música eran comprala nas tendas ou que cha prestasen. LeRoi, que vivía na cidade (Boston, ou Vigo, non sei) seguro que xa daquela era asiduo; eu, que son de paila (California, ou A Mariña, tanto ten), tiña que conformarme cos catálogos de DelSur, Músicas de Régimen, Münster e cousas así. As primeiras cinta que comprei nunha tenda foi ‘The final countdown’, de Europe, e ‘Alchemy: Live’ dos Dire Straits (reclamacións en grampoder@gmail.com), e o primeiro vinilo, o ‘Parrús’ dos Diplomáticos. Xa en Santiago fun moi asiduo de Disco Láser, Gong, a tenda de Lixo Urbano nas Rodas, e agora gústannos moito Miranda, a tenda da Reixa, etc.
– Por que son necesarias as tendas de discos de toda a vida? (supoñendo que pensedes que o son, que supoñemos que si) Teñen esperanza contra Internet? Como poderían facer para sobrevivir?
As tendas, ou mellor dito os tendeiros, os bos, seguen sendo o mellor filtro para a vaga de información e de morralla musical que hai en Internet. Seguen sendo os que mellores discos recomendan e, ademais, tal e como está o panorama, son personaxes case románticos.
Fotos | Grampoder
2 comentarios