Que necesitades saber de Szentes? Son vigueses e non húngaros, levan moi pouquiños concertos e lanzaron a súa primeira maqueta, ademais de en Bandcamp, en casete. Os amantes do garage, a psicodelia, as producións lo-fi e o underground en xeral deberíades ir apuntando o seu nome. Szentes son, ademais, os representantes de Vigo para o Record Store Day Galicia, así que tocou entrevistalos (a Óscar, Martín e José, faltaba Pablo, teclista) para ver de onde veñen, onde están e cara onde van. E para aprender novas formas de coleccionismo de discos: a colección comunitaria e a especulativa.
– Como empezou Szentes?
Martín: De forma improvisada. Ao principio estabamos en Pontevedra Óscar, unha amiga e máis eu, e íamos a un local de ensaio que nos daba gratis o concello. E tras moito tempo e moitos temas collidos polos pelos logramos darlle un pouco de forma. Despois uniuse José para darnos un pouco de apoio no grupo. E tras un concerto e pouca estima do grupo por parte da teclista, decidimos cambiala por Pablo.
José: Con esa formación demos un concerto, coa orixinal de só eles tres nunca houbo. Pedíronme que entrase para o concerto! Despois gravamos a maqueta e xa dimos algún outro concerto.
Óscar: O nome saíu dunha experiencia que tivo Martín nunha cidade húngara chamada Szentes.
M: Unha vila, máis ben.
– Que experiencia? Se se pode preguntar…
(risas xeralizadas)
M: Nada, estiven por vicisitudes da vida traballando explotado nunha fábrica de pezas de cerámica. Despois de estar alí durante un tempo e coñecer a xente e esas cousas quedou marcado e pareceunos un bo nome.
– E cando empezou todo?
M: Levamos ensaiando desde hai tres anos coa formación orixinal…
Ó: Pero realmente non ía en serio. Pódese contar desde hai un ano, que foi cando empezamos a consolidarnos coa formación actual.
M: Si, cando empezamos a pensar en dar o primeiro concerto.
– Que tal foi ese primeiro concerto?
Ó: Ben e mal. Dentro do posible cumprimos. Pero eu tiven bastantes problemas en soltarme, era o meu primeiro concerto á guitarra e á voz.
M: Igual, estabamos todos bastante tensos.
J: Pero bueno, eu paseino ben, foi no Liceo Mutante e nunca estivera, tratáronnos moi ben e había bastante xente.
M: Si, Óscar e máis eu logramos atraer a bastante xente da Facultade de Belas Artes.
J: Pero había xente que non coñeciamos… claro que tocamos con Zan Hoffman, igual iso tivo algo que ver.
– Como é o voso proceso de composición? Facedes os temas entre todos, por separado…?
Ó: As letras fágoas eu, pero tampouco é que lles adique demasiado tempo. Digamos que nos temas residen nun plano secundario, polo menos de momento. Non son demasiado trascendentes… De feito ao principio chapurreaba un inglés inventado.
– A Sigur Ros non lles vai mal así…
J: Direi na nosa defensa que algunhas letras si son trascendentes, como a de Apu… Hai un riff sacado dunha das pelis da triloxía de ‘Apu’, da banda sonora. O resto non ten moito que ver, non creo que nos demanden por dereitos de autor…
Ó: A letra si que se inspira un pouco na peli.
M: De feito vale perfectamente como videoclip, se pos o tema con imaxes da peli queda moi ben.
– De onde saídes musicalmente, que música escoitades -ou escoitabades-?
J: Escoitamos de todo, dentro do que é música… quizais en Szentes sexamos máis pop, pero un pop máis alternativo. Non é un pop comercial. Ademais dese estilo escoitamos todo tipo de música, dependendo de cada etapa da vida.
– Falemos da etapa importante, da adolescencia!
Ó: Aí houbo moito grunge…
J: Si, cousas como Nirvana
Ó: Os Strokes…
J: Rock dos 70 como Led Zeppelin e Deep Purple.
Ó: Martín e máis eu eramos dous heavies de pura cepa. Suavizámonos co tempo.
M: Aínda gardo unha camiseta de Cannibal Corpse!
J: Eu iso non, como moito Metallica!
– A vosa maqueta saíu en casete! Por que?
Ó: É un formato que nos chama moito a atención, está a volver un pouco. Ademais parecíanos que sacalo en CD non tiña moito encanto e ía quedar esteticamente máis cutre, CDs virxes co nome escrito con rotu.
M: E non sei, para ser un primeiro traballo e téndoo en descarga directa gratuíta en Internet, a primeira tanda para a xente que coñecemos en casete tiña sentido.
J: E a xente di que soa mellor en casete. De feito propuxéronnos (e fixémolo) que pasásemos ao ordenador as cancións da casete, temos a versión en Bandcamp.
– Que tal a gravación do Record Store Day Galicia?
Ó: Pois moi guay, foi unha boa experiencia. Nunca graváramos así todos xuntos en directo, e moi ben, moi cómodos. Sorprendéronse un pouco de que tocásemos sen baixo e sen bombo, que metese tanto reverb á voz, pero se adaptaron. Alegrounos bastante a chamada de Desconcierto e a proposta en si, que está moi ben.
J: Ademais o vinilo é moi caro de facer, e se cho fan, aínda que sexa só un tema, pois perfecto.
– E cal é a vosa relación vital coas tendas de discos?
Ó: Eu son máis de pedir por Internet. Antes si, ía a Honky Tonk, pero máis a mirar que a comprar. Non tiña reprodutor de vinilos. Pero Internet é máis cómodo e fai sempre máis ilusión que cheguen as cousas a casa, baixar ao buzón…
J: Eu intento coleccionar algo pero non o consigo, nunca teño suficientes cartos para comprar nada. Sempre estou aforrando para mercar algo grande, tipo un pedal para a guitarra ou así. Aínda que de cando en vez si que me permito algún luxo. Si que me gustaría ter unha colección… ademais é algo que dentro duns anos podes vender por moitos cartos! (risas)
– Ti o que queres é especular!
J: Cando teña 80 anos e non teña pensión…
M: Eu ao principio si que ía a Elepé a ver os discos, pero a cousa foise substituíndo por cómics, tebeos… Aínda que nos últimos meses grazas a un reprodutor de vinilo que ten un amigo no seu sótano facemos ingresos para pillar vinilos que nos interesen en común.
– E iso despois de quen é? Cando vos separedes que pasará cos vinilos?
M: Decidirémolo no momento… Somos tres, pero somos moi bos amigos, non creo que haxa problemas e que os discos sexan os que paguen!
– Para rematar… que plans de futuro tendes?
Ó: Pois ademais da actuación en Honky Tonk polo do do RSD temos algún concerto máis, en Santiago, en Lugo, no festival de Seara Records aquí en Vigo.
– E gravar máis?
Ó: De momento non. Estamos a escribir máis temas, supoño que quizais algo no verán, un EP ou algo máis longo.
J: É bastante accesible para nós. Compartimos o local de ensaio con Munich, e o baixista ten aí a súa mesa de gravación, sería fácil facelo.