Pois si. Low saca disco hoxe. Xa sei que todos o escoitaches hai xa catro meses, e que isto das filtracións cada vez nos milla máis de imprevisto… pero o conto é que ‘The Invisible Way’ (Sub Pop, 2013) sae hoxe ás tendas. E aínda que sexa case ridículo falar dun disco terriblemente actual pero que á vez se deixa escoitar dende finais de 2012, temos bastante claro que se Low saca disco, fálase del. Mesmo se, como é o caso, tampouco nos atopemos ante unha das obras magnas da súa discografía. Quizais é que (poñémonos en pé) Sparhawk e Parker deixaran o listón escandalosamente alto hai un par de anos con ‘C’Mon’, ou que xa se lle pide que a nota non baixe dun sobresaliente, pero a pesar de conter varias xoias, asunto este case de rigor, ‘The Invisible Way’ é un traballo que baixa a calidade media. Algo así como o que ‘Guns and Drums’ fora para ‘The Great Destroyer’.
Pero metámonos en fariña (evitemos chistes, sexamos serios). Sendo conscientes da realidade, ‘The Invisible Way’ son corenta minutos de música estupenda. Delicada, sensible, marabillosa, fráxil, emocionante, esgazada e cruenta. Son, resumindo, corenta minutos de música de Low. Da que o trío mormón agasalla case por inercia en cada traballo lanzado. De perfectas voces compartidas entre as guitarras e os acenos espasmódicos de Alan e percusións de Mimi. Acordes que enchen o espírito, moito máis divinos que humanos. Algo tan terriblemente sinxelo como Plastic Cup pode converterse, sen máis, sen un só ápice de arranxo innecesario, nunha canción fermosísima. Iso é Low. Foino sempre, e este novo traballo non trae nin unha soa novidade. Haberá quen castigue ao trío mormón por ese motivo, pero servidor está convencido que nada que se afastase da cadencia de Aymethist soaría auténtico. Para todo o demais, petade na porta do lado, na de Retribution Gospel Choir.
Iso non nega a Low a posibilidade de erguer o espírito a base de guitarrazos. É ben certo que ‘The Invisible Way’ non contén un Monkey, ou un Canada, pero se o que se busca é algunha ocasión para deixar algo afastadas as sutilezas, e incrementar a intensidade e as pulsacións, So Blue e Just Make Stop cumpren esa función como calquera novato da empresa interesado en agradar aos xefes. Puntuais, e obedientes. Sempre dispostos. Ao igual que a outra faceta de Low, como se esas dúas non fosen unha soa, a encarnada por Holy Ghost ou Waiting, no papel de poli bo, facendo de contrapunto das anteriores. Pero, insistimos, todo flue e remata misturando. A pausa e a tormenta, e aí está Clarence White para dar fe destas palabras.
‘The Invisible Way’ é o primeiro disco no que Jeff Tweedy, alma mater duns tales Wilco, exerce de produtor para Low. A man nótase, se ben a personalidade propia de Low é excesivamente grande como para que un produtor vaia botar unha capa de pintura que mude realmente a cara da banda. Insistimos en que falta algo, imaxino que non sempre se é excelso, pero preciosidades como Mother, unidas a todas as que comentamos antes, seguen estando ao nivel de moi poucos. Se separamos cada peza de ‘The Invisible Way’ como se grans de millo se tratasen, poucas mazarocas mellores se apañaron nos últimos meses. Incluímos en todo isto un fantástico fin de festa con On My Own desexándonos feliz onomástica, e con Mimi Parker encolléndonos o corazón na final To Our Knees. Bendita baixa forma.