Fagot y Popota: “Traballamos en forma de cadáver exquisito”

Fagot y Popota

O Record Store Day está xa case aquí: este sábado 20 de abril as tendas de discos de moitos países encheránse de xente e de concertos. E si, como xa vos vimos contando desde hai unhas semanas, en Galicia tamén haberá RSD. A iniciativa de Desconcierto Cultural escolleu a cinco grupos para tocar en cinco tendas (aínda que ao final son moitas máis) en cinco cidades, e nós levamos xa un tempo entrevistando a cada unha das bandas para saber un pouco quen son e que opinan das tendas de discos. Tras Musel, Os Amigos dos Músicos, Szentes e Grampoder, chegamos ao final cos coruñeses Fagot y Popota. Dicir que son un grupo de música sería quedarse só na punta do iceberg. Falamos con eles (por mail outra vez, maldita vida ocupada) para explorar un pouco máis todo ese bloque de xeo que en realidade é simplemente arte.

– Como naceu Fagot y Popota? Cando? Sodes un proxecto bastante diferente, máis alá dun simple grupo de música. Como naceron todas esas historias e mitoloxías?

Diego: Rober e máis eu formamos Fagot y Popota en 2009 no contexto de conversas que xiraban arredor da idea de traballar xuntos nalgún tipo de actividade de carácter creativo.

Hai moitos elementos narrativos no noso traballo porque en realidade nunca pretendemos ser necesariamente un grupo de música. A música é sen máis outro medio de creación, persoalmente sempre considero a creación dos temas musicais como se fosen obras de arte, nunca penso en términos rigorosamente musicais, senón que me vexo a integridade e o fundamento existencial da peza. Rober traballa moito os aspectos narrativos e de todo isto procede o imaxinario.

Non nos centramos na categoría da obra, senón que temos unha idea e escollemos desenvolvela no ámbito musical.

Roberto: Como di Diego, Fagot y Popota nace no 2009. A principios dese ano é cando, tras unha lectura de Bulgakov, aparecen eses nomes nos nosos cadernos. Lembro que en 2008, cando nos coñecemos, empezamos a traballar nunha revisión do mito de Orfeo, era un traballo de reconstrución literaria que ademais queriamos facer en imaxes. E se vos digo a verdade, é un moi afastado futuro traballo musical de FyP. É curioso que na pregunta xurda un “todas esas historias e mitoloxías”, a nós dános a impresión de que está todo sen contar. Fagot y Popota son seres feéricos, son pequenos demos da imaxinación, tivemos a sorte de que desde o primeiro momento en que os nomeamos teñan vivido, é o que querería todo escritor, personaxes aos que observas coma nun teatro. Entran nas historias nas que por algún motivo nos fixamos e fan das súas.

– Quen formades Fagot y Popota? De onde vén cada un, musicalmente falando?

D: Somos Roberto Casteleiro Bouza e Diego Lamas López. Con respecto ás influencias musicais, persoalmente nunca fun un gran consumidor de música… escoitaba o típico: Smashing, Nine Inch Nails, Sepultura, Radiohead e todos eses grupos herdeiros da gran hostia que nos deron as culturas británica e estadounidense nos sesenta. En todo caso, a min nunca me interesou facer a música que escoitaba, e en realidade as miñas influencias non son estritamente musicais. Atópanse máis ben no terreo da arte contemporánea e a literatura clásica. Penso que os coñecementos de distintas esferas enriquecen a outras.

Con respecto aos diversos proxectos, eu procedo do ámbito das belas artes e gústame prensar en min mesmo máis como ilustrador que como músico. 

R: Eu son educador social e o meu traballo sempre estivo preto do mundo da pedagoxía artística e a xestión cultural. O que pasa é que canto máis tempo estou no paro, máis tempo lle adico á música, e ultimamente estou a tope. Hai oito anos ou así empecei a tocar o baixo, estaba nunha banda de hardcore aquí en A Coruña. Despois cuns amigos montamos en Ferrol unha especie de grupo de grunge, aínda que o primeiro grupo foi un moi tolo de black metal uns anos antes (é verdade!). Pero todo iso durou pouco. Despois esquecín todas esas cousas ata que apareceu Diego e empezamos a tocar na guitarra acústica temas que fixera el había tempo. Desde a mesma época en que botou a andar FyP, empecei a facer composicións como Koroiev. Despois viu Korokati, Primrose e Federico Flesfa. Todos en activo e con concertos… unha loucura… necesito un manager!

– Como funcionades como grupo? Que vos inspira para as vosas letras?

D: Traballamos en forma de cadáver exquisito. Non temos unha formación musical ao uso. Estamos afeitos a que algún de nós conforme un núcleo musical, un pequeno conxunto con entidade total que se poida desenvolver cara adiante ou cara atrás. Isto envíaselle ao outro, quen traballa sobre o recibido.

R: Tal cal, pasámonos algo co que consideramos que o outro pode traballar e así imos facendo os temas. Ou ás veces pasa que un só fai o tema enteiro e despois o outro fai arranxos ou novas letras ou o deixa como está. E iso en modo electrónico, que cando estamos ensaiando tampouco pasamos pouco tempo cantando en duelo de acústicas e de aí saen cousas. Pero nese sentido remítome ao que dixo Diego noutra pregunta, pensamos na integridade da obra, cantas partes, que está dito, que queda por dicir, que paisaxe hai que debuxar, cantas árbores se ven, se teñen follas, se son frutais, etc.

– Que acollida están a ter as vosas creacións?

D: A miña impresión é que normalmente teñen boa acollida, creo que conseguimos transmitir certa idea de beleza, que é sempre o fundamento do noso traballo e o combustible da nosa vontade.

R: É unha pregunta realmente estraña, se se refire á acollida persoal, a poder chegar á emoción da xente, ao seu gozo por parte dos demais. Estou con Diego, a escoita de FyP tende a sorprender e ser agradable, e así se nos fai saber a través de comentarios ou mail. Pero se se refire a unha acollida pública ou a unha acollida por parte dos medios musicais, non sei, somos uns descoñecidos, non podería valoralo. Téñennos pasado cousas moi interesantes aínda sen ter unha longa traxectoria, é verdade, pero aínda estamos a facernos visibles.

O que si, polo tema que nos toca, boto en falta que os medios especializados falen máis de música; non dos grupos, senón da súa música, da súa aporta, do que din ou non din. Quizais así habería unha acollida significativa de música interesante, ás veces está todo demasiado cheo de etiquetas, de referencias, do que mola e non mola, de lugares comúns, de trens que tes que coller. Pode que o público así en abstracto estea a buscar un produto e flipe por como foi gravado e con que lles digas que ten unhas letras transgresoras ou arriscadas, vale, pero que? que hai alí? Pode que comentar ou narras as cousas de forma diferente sexa difícil, pode que eu non teña nin idea do que pretendo falar, pode que empece a guerra do subxectivismo e o obxectivismo, pero eu xa estou canso do culto á forma espectacular.

– Que planes de futuro tendes? 

D: Tomamos a decisión de dar visibilidade ao proxecto, dar concertos e todo iso… pero sen obsesionarnos. Tendo claro que non imos entrar nunha dinámica de amor á arte. É dicir, que ten que haber unha compensación ao final do camiño que vaia máis alá da experiencia vital. Se chegado o momento non é posible esa compensación non teremos ningunha mágoa en repregar o proxecto de novo á esfera privada.

R: A miña última palabra: especular. Pois iso, eu pretendo eliminar a especulación da miña vida. Mmm… aínda que agora estou a pensar en dúas cousas:

a) que se te refires a se temos pensado dar concertos e gravar e esas cousas, efectivamente si, aproxímanse concertos para maio e esperamos que conten con nós no verán nalgún sitio. E queremos gravar moitas cousas: para empezar Murphy e outras historias pendentes, pero sen présa, temos todo o ciclo vital por diante.

b) se é unha pregunta sobre os soños dun grupo de música, eu quero soñar que podo soñar que non teño que soñar falsos soños musicais.

– Coñeciades o proxecto Record Store Day antes da chamada de Desconcierto?

D: Eu non o coñecía, pero a verdade é que son un gran descoñecedor da “escena” en xeral.

R: Nin idea. Despois investiguei e vin a magnitude do proxecto noutros países. Menos mal que as ideas non só se van, senón que tamén veñen. Desconcierto está a currar moito.

– E como se trata de falar de tendas de discos… cal é a vosa relación “vital” con elas?

D: Poucas e afastadas experiencias… pero lembro como descubrín marabillado nunha tenda de discos de Santiago cuxo nome non lembro e xa desaparecida o ‘Fragile’ de NIN.

R: Eu vou aumentando a miña colección de vinilos pouco a pouco, pero non son un gran consumidor. Lembro que en Ferrol pecharon as poucas que había e agora vivindo en Coruña aínda vexo resistir a unhas cantas. A verdade é que sempre é gozoso ir pasando os vinilos e atopar unha vella gloria e alucinalo coa portada, o interior e demais. Pasoume con ‘Cosmonauta’ de Agua Viva ou con algún de Black Sabbath.

– Por que credes que son necesarias as tendas de discos de toda a vida? É posible salvalas de ser comidas por Internet?

D: A pregunta é algo tramposa porque hai implícito un posicionamento previo que é susceptible de ser discutido. É un debate maior, imposible de definir no contexto dunha entrevista, así que me absteño.

Como en case todo, non se trata dun único factor, “internet” neste caso. Hai problemas que resolver en moitas esferas sociais. Problemas relacionados coa noción de cultura, o consumo e a expresión cultural na adolescencia, a diversidade das expresións da cultura, a cultura no contexto do capitalismo… moito antes de chegar á “salvación” das tendas. De feito, penso que antes habería que falar da salvación dos artistas. Demasiados ofrecendo a súa música gratis, demasiados dando concertos gratis ou aceptando migallas pola oportunidade de saír reflexados nos medios, ou aceptando determinadas condicións pola promesa dunha proxección futura. Cando se trata de gravar un disco ninguén cuestiona que hai que pagar aos señores da imprenta, ou incluso a un eventual deseñador, ou ao clásico colaborador nos arranxos. Pero ao artista, que xa fixo o seu traballo, creando a música, pasado tempo incontable traballando letras, arranxos, etc, esíxeselle moito máis alá da creación. Ao artista, que é a orixe da maquinaria, en demasiadas ocasións se lle paga co esplendor de ter pasado por esa marabillosa experiencia.

R: Si, hai moitos factores, evidentemente eu posiciónome co pequeno comercio e o trato humano, pero Internet xa case é un dereito, ou iso parece. En todo caso creo que nos posicionaremos… e despois o concello construirá tres centros comerciais. Creo realmente que Internet ten axudado á expansión da música e que a industria musical, máis alá de grandes grupos corporativos, na actualidade está chea de pequenos selos, discográficas ou persoas que realmente fan disto algo vivo. Coma nos libros, a música está máis alá dos mercados, sobrevivirán, quizais poucas ou non coa forma actual, igual se volven errantes, igual teñen que perder ou gañar algunha batalla. En todo caso, dependerá do valor da música na cultura e, aínda que aos concertos sempre imos os mesmos, hai algo incorruptible nese valor.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *