Disquesorteo: un Bababum vol.2… do verán á cociña!

bababum2

Lembras Bababum? Si, falamos dese caderno de vacacións diferente, para nenos e nenas cool, que hai cousa de ano e medio chegou para roubarnos o corazón a base de moitas propostas creativas e unha xenial banda sonora. Era normal quedar con ganas de máis, e os seus propios creadores decidiron que había que continuar coa proposta de “educar mentres os nenos se divirten”. Así, desde hai un par de semanas está xa á venda Bababum vol. 2, ‘Pepa e Rufo na cociña’. Porque si, desta vez temos un libro de receitas!

Carlos Pereiro, Carlangas, un dos impulsores destes cadernos, cóntanos que fan en realidade “os libros que a nós nos gustaría ter”. E agora que vai frío e que as cicloxéneses explosivas están empezando, que mellor que “pasar as tardes de inverno dando os primeiros pasos na cociña, mentres pasas un rato divertido e por riba aprendes un montón de cousas…?”. Non hai plan mellor.

Por suposto, igual que o primeiro Bababum era máis que un caderno de vacacións, este é moito máis que un libro de receitas. “Metémonos de cheo no mundo da gastronomía, a alimentación, o consumo responsable e a ecoloxía“, explica Carlangas, que conta que o libro está dividido en tres bloques: unha primeira unidade na que se repasa a pirámide alimenticia, os grupos de alimentos e o vocabulario e consellos básicos para empezar a cociñar (“Todos sabemos que non se poden meter os dedos no nariz nin esbirrar enriba da comida, verdade?”); unha segunda con 10 receitas e un apartado extra de receitas segredas que os nenos teñen que “recopilar entre os seus achegados e apuntar no caderno”; e un terceiro con actividades para repasar todos os contidos: crucigramas, adiviñas, debuxos para colorear, recortar, etc. E iso non é todo: o libro vén con sementes de leituga para que os nenos empecen a súa propia horta!

As receitas, propostas por un asesor gastronómico, divídense en varios niveis de dificultade, e hai algunhas feitas para ‘Pepa e Rufo na cociña’ por cociñeiros de renome como Javier Olleros de Culler de Pau, Marcelo Tejedor de Casa Marcelo e Marta Álvarez de Granxa Maruxa.

bababum2-1

Este segundo volume de Bababum leva xa unhas semanas á venda e Carlangas asegura que están abraiados polo éxito. “Imaxinabamos que a todos os nenos e nenas lles ía gustar mancharse facendo croquetas, comezando unha horta ou deseñando un menú saudable, pero non tiñamos constancia da paixón que mostran na cociña os rapaces”, conta.

E agora, claro, chega a promesa do título deste post: o sorteo! Temos un Bababum vol.2 Pepa e Rufo na cociña para algún de vós… Participar é sinxelo: deixa un comentario nesta entrada contándonos cal é a primeira receita que lembras ter preparado ou que era o que máis te fascinaba de pequeno cando vías a papá ou mamá ou aos avós cociñando… ou calquera lembranza que una infancia e cociña! Tes ata o vindeiro venres 23 de xaneiro ás 23:59 para participar. Faremos o sorteo durante a fin de semana e o luns 26 contactaremos co gañador.

Sorte!

Shares

28 comentarios

  • andrea di:

    Eu recordo lamber a culler de pau coa que mesturabamos a masa do queique antes de metela no forno. Normalmente facíamolo “axudando” a miña nai nas tardes de inverno que ía mal tempo, como agora. Tamén, as rosquillas de anís e as orellas de Entroido na aldea, as papas de arroz… Aínda que sempre fun máis de salgado que de doce, así que onde se puxera un bo pepinillo podían quitarme de diante todo o sucre do mundo!

  • Angela Rivas di:

    Yo recuerdo mi primera receta !! debia de tener 9-10 años y me encantaba el flan que se hacia con flaning por que adoraba comerme a cucharadas lo que quedaba en la pota :). Asi que un dia y para dar una sorpresa a mis padres , me puse a hacerlo con mi hermana 4 años mas pequeña ! me acuerdo de la tension por que no cuajaba , el preguntarle a mi hermana si la leche hervia asi o si era normal que fuera tan blanquecino.

    No paso la prueba de ” arrepañar ” la pota y acabo por el vater, pero el subidon de prepararlo me engancho para empezar a preparar un monton de recetillas esta vez con final feliz :)

  • Juan di:

    Recordo as canas recheas de crema…..o momento de relamer os restos da crema na pota, era o millor!!!

  • Mónica di:

    A min o que máis me gustaba facer cando era peque, era encher os petitsuisses ca crema pasteleira. Tiña que facelo cunha mangueira e ata que rebosaba por todos lados non paraba.
    A miña irmá se encargaba de “limpar” co dedo toda a crema que sobraba. Jeje.
    Ummm… a ver se convenzo a miña nai para que os volva facer ;)

  • Adri di:

    Recordo facer “creps”, bueno, para ser sinceira, axudaba a miña nai e avoa a facer “chulas” ou “filloas”. A pesar de que as que facía eu eran moito menos finas e perfectas, eran logo as que máis ilusión me facía comer. É unha receita xenial para facer con nenos.

  • Lupe di:

    Cando era pequena miña avoa cociñaba un polo guisado en cazola de barro que me fascinaba… ata que me contaron que en realidade era coello, que de nena como que lles tiña máis cariño que ós polos :(

  • Ana di:

    Lembro o meu primeiro libro de cociña “Mi primer libro de cocina” Foi un presente de nadal e nel viñan moitas receitas pero lembro afectuosamente a de bolechas, con forma de estrela, lúa e boneco, ainda manteño o libro!!!

  • Catherine di:

    Sen dúbida algunha: a Tortilla, con maiúsculas. Se hai un prato que se supón debemos saber preparar os da península, ese é a tortilla. Vale para todo: como menú salvavidas de domingo e como manxar gourmet para os colegas estranxeiros. Eu recordo que despois de “aprender” a fritir un ovo, o seguinte reto na cociña era o da tortilla. Neste caso, ao estilo da miña nai (esponxosa pero co ovo ben cociñado). Comecei facendo e perfeccionando á miña maneira esa forma de facela e despois funme adaptando ata o punto de poder cociñar a tortilla ao gusto do meu mozo (Betanzos style) e tamén ao gusto dos alérxicos ao ovo cru. A pedra angular dun almorzo nutritivo! :)

  • María di:

    Lembro sempre á miña avoa facendo filloas, preparando o almoado e botándoo na tixola previamente untada con touciño. Dáballe a volta cos seus dedos curtidos polo traballo de toda unha vida, valente e sen medo a queimarse. Encantábame verllas facer e ir coméndoas ao tempo sen deixar que medrara o montón no prato. Esa foi a primeira receita que aprendín.

  • Maria Rodriguez di:

    O primeiro recordo que teño relativo á cociña era acompañar á miña bisavoa a recoller os ovos do galiñeiro para despois facer unha tortilla ben grande. Iamos cunha cesta que, por suposto, levaba eu e sempre me dicía: coidado, que non che rompa ningún!
    Despois sentábase nunha silla no medio da cociña e poñíase a pelar patacas, moitas. Así a recordo, sentada e pelando patacas.

  • Belén di:

    Os meus primeiros recordos na cociña son os de untar a filloeira das miñas avoas ou bater os ovos que acabaramos de recoller. Seguidas moi de cerca polas tiras de touciño frito que preparaba e papaba co meu pai, a súa supersegreda salsa de churrasco (para a que só me deixaba ir polo perexel :) ) e polo caldo de miña nai.

    Coas miñas fillas á verdade non pasa dalgún biscoito…

  • Lucía di:

    Eu lembro a miña nai aprendéndome a facer cocadas nas tardes de fin de semana de inverno!

  • Sira di:

    Lembro a miña nai facendo yogures ca yogurtera e as papillas de Maicena como se fora hoxe,o que nos deixaba facer era meter o dedo na cacerola cando xa estaba fría e repasala ata non quedar nadiña…bendita infancia.

  • Mar Hermida di:

    Pois lembro a primeira vez que fixen arroz… chegoume a pota para toda a semana!!!! Agora cos meus peques cocinhamos o que lles gusta (e non tanto como me gustaría): pizza, tortitas, tequenhos, tortilla… O que máis me gusta é verlles as caras de goce e o tempo compartido xuntos.

  • Ramón di:

    A verdade é que non lembro cociñar ata chegar á universidade e, alí, sempre que podía, cambiaba a tarefa de cociñar pola de fregar. Pero á miña filla encántalle facer galletas coa nai!!

  • Noelia di:

    Eu teño o recordo de cativiña de algo que non sei nin se podería considerar receita. Un prato de galletas con plátano e bañados en zume de laranxa. Aínda escribindo isto podo lembrar aquel olor, de algo que non volvín comer (non queda ben nun adulto iso, non?). Pero, sen dúbida, o meu mellor prato é a lasaña que aprendín de miña tía. Na súa casa, no verán, era o único sitio onde a comía. Ata que decidín poñer as “mans na masa”!

  • Xosé Duncan di:

    A miña primeira receta custoume ter que agasallar ao meu pai no Nadal cunha botella de coñac francés durante varios anos. Unha fin de semana, na que estabamos sos na casa a miña irmá e máis eu, botamos man dunhas chuletas de porco que tiñan boa pinta pero que prometían ser un pouco secas de máis. Non se nos ocorreu outra cousa que ir até o moble-bar e ver que podiamos atopar aló para mellorar o sabor da carne. Ante os nosos ollos apareceu unha botella de Armagnac fermosísima, que o meu pai reservaba desde había moitos anos e que non dubidamos en abrir e botarlle por riba á devandita carne mentres se facía a fogo lento. Nin que dicir ten que as chuletas estaban de escándalo e que ao meu pai non lle sentou nada ben a nosa idea.

  • Iván Corral di:

    A primeira vez que me puxen mans á obra foi para facer un biscoito que tiña que levar ó colexio. Lembro que a miña nai se puxo ó meu carón para guiarme (e ter conta do temido forno) e que batir ovos resultoume a cousa máis complicada que fixera ata entón. Eso sí, o biscoito quedou para relamer os dedos (algo que fixen rechuchando os restos que quedaran no bol e que máis de vinte anos despóis sego a facer).
    Saúdos!

  • Luz di:

    Eu lembro a “sopa de patrón”, que vén sendo unha sopa ben feita, con substancia (normalmente polo). Supoño que cando chegaba o día do patrón botábase extra de carne. O caso é que a min aquela sopa parecíame marabillosa, doutro mundo. En realidade a miña nai non se reservaba só para os días de festa para facela. Por iso, cando me quería convencer de que a comera sempre me dicía: “Queres sopa? Hoxe é de “patrón”.
    Agora eu fágolle sopa ás miñas fillas pero, a verdade, é que non me sae igual!

  • Zita di:

    Eu o primeiro primeiriño que recordo, alá con 4 ou 5 aniños, é axudar a miña avoa a amasar o pan antes de cocelo… E despois deixábame un pouco de masa para facer uns “tortos” que cocía enriba da chapa da cociña de leña, sobre un trociño de papel de aluminio. E qué bos estaban!

  • Encántanme as filloas. Na miña casa sempre que as facía a miña nai, aló tiña que ir axudala. Ovos, fariña, leite… remexe, filliño, remexe! A tixola non chegou ata que medrei, e daquela xa non me facía falta a súa axuda.
    Ela é cociñeira e non sei como se amaña agora que xa non lle axudo ;)

  • Marta di:

    Eu sempre me lembrarei de cando lle axudaba a miña avoa María a facer as torrijas… sempre acababa coa roupa chea de ovo! E de como me metía na cociña para roubarlle patacas fritidas mentras non chegaban meus pais a comer! A verdade é que ó final conseguiu meterme o gusto pola cociña!

  • sabela di:

    O mellor era mételo dedo na mistura de biscoito, Ummmmm! :)

  • Iriolinhas di:

    A miña primeira creación culinaria foron os bocadillos de xamón cocido con nocilla, que se me ocorreron para poder merendar nocilla nos días que tocaba e tamén nos que tiña que comer xamón!

  • Vanesa di:

    Eu recordo facer coa miña avoa rosquillas de anís e chulas!! ñam!!

  • Brizna di:

    Eu son do pobo do bonito, de Burela, e lembro que me encantaba o rolo de bonito que facía miña avoa… penso que foi das primeiras receitas que me atrevín a probar, e o certo é que quedou… mmmm! boísimo! :)
    P.D: Grazas polo sorteo! ^^

  • Maria di:

    Eu lembro o pan torrado(no forno da cociña de leña) con manteiga procedente do leite das nosas vacas, acompañado de chocolate nas mañáns de inverno.

  • Olalla Piñeiro Pena di:

    A primeira receta que lembro ter preparado con 6 ou 7 anos, foi a mítica “tarta de galletas e chocolate” coa axuda do meu irmán pequeno. Era a tarta imprescindible nos cumpleanos, a que disfrutabamos os nenos, pasando das pomposas tartas de merengue…os cativ@s íamos ao grano:CHOCOLATE. Así que a pesar de non estar de aniversario o meu irmán maís eu decidimos poñernos mans á obra. O resultado foi unha sopa de leite con ColaCao e galletas. Eso sí, comímola enteira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *