O disco da semana: Modern Vampires of the City, de Vampire Weekend

Vampire-Weekend-Modern-Vampires-Of-The-City Pois si, estivemos tentados a pasar de escribir sobre o disco este, entre outras cousas porque non fai falla que nós o recomendemos para que rematedes escoitándoo, pero ben, aquí estamos. O promiscuo Mikal Cronin estivo a piques de protagonizar este espazo esta semana, co seu fantástico ‘MCII’, que recomendamos tanto como o disco do que si falaremos. En definitiva, ás veces un déixase levar pola corrente. E no caso de Vampire Weekend, máis que corrente, isto converteuse nunha catarata de loanzas, boas críticas e apertas dos fans. Entre eses fans habituais da banda non me atopaba eu. Cómpre dicilo, porque aínda que isto só sexa importante a nivel persoal, un grupo que tiña apartado por desidia e desinterese, conquistoume á terceira tentativa. Vouvos falar, pois, de ‘Modern Vampires of the City’ (XL Records, 2013), o mellor disco na carreira dos neoiorquinos.

Se ‘Modern Vampires of the City’ supón un paso adiante na carreira dos de Ezra Koenig non é porque o seu son evolucione, nin porque sexa un disco máis complexo, máis orquestrado, ou porque de súpeto as letras subisen moito o nivel. Non. Vampire Weekend fai bo aquelo de menos é máis, e abandona en gran parte esa carga barroca de discos previos, os sons africanos, e sinxelamente fai un disco de pop-rock. Así dito probablemente soe decepcionante. Pero é que o disco en cuestión é estupendo, e non por achegarse máis a unha liña menos persoal, máis habitual, hai que deixar de recoñecerlle méritos. Temos temas máis preto do perfil radiofriendly ca nunca, e mesmo se destapan con algún single que convida a bailar como nunca antes o fixera a banda.

O fío argumental de ‘Modern Vampires of the City’ consiste en tres actos, ou quizais non precisamente nos tres que le servidor, pero como me toca escribir sobre el, isto é o que escoito. En primeiro lugar, esa declaración de intencións. Somos un grupo de pop. Non sei se xa o eramos antes, pero agora non quedan dúbidas. Ese precioso tema titulado Obvious Bycicle dá boa fe do que contamos, e axuda a que eses cortes tan amigables dos que antes falabamos entren dende a primeira escoita. Fantásticos neste caso Unbelievers (ignoro se o título ten certo chiste) e Diane Young, convidando a un baile frenético. Entre medias, unha calmada Step, que case sen querer namora, unha canción con maiúsculas. Probablemente, o mellor deste álbum. Don’t lie, con ese imperceptible crescendo, pecha este primeiro acto. O máis sinxelo, e, de paso, o mellor de ‘Modern Vampires of the City’.

Hannah Hunt e Everlasting Arms abren momentos máis sosegados. Algo máis de piano e menos decibelios, unha cara máis doce e acústica, só rota por ese ritmo de marcha militar da aterradora (léase isto dende o agarimo) Worship You, e algo previamente co convite a xogar no xardín de infancia, durante tres breves minutos de recreo que nos dá Finger Back. Para rematar, un terceiro acto no que só Ya Hey destaca, ademais de engadir o encanto dun vídeo fermosísimo, onde a propia cidade se fai protagonista, co eterno Chrysler Building de fondo. Menos atractivo presenta a tamén neoiorquina Hudson, e Young Lion, se ben a esta última hai que outorgarlle se acaso o cartel de epílogo sen maior pretensión. En definitiva, ‘Modern Vampires of the City’ gustará a quen xa era fan da banda, e servirá, ademais, para que moitos nos subamos ao carro. Máis vale tarde.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *