Si, sabémolo, aínda falta unha semana, pero nós xa estamos a prepararnos o acontecemento musical do ano (hai algo máis importante?) vendo o que envía cada país e escollendo favoritos. Tras o top 10 friki da historia de Eurovisión de hai dous anos e a decisión seria e intelixente do ano pasado (todos os países que ían á final), este ano decidimos facelo todo antes dos crueis descartes das semifinais, nos que moitas veces deixan fóra aos nosos favoritos.
Moitos dos incluídos nesta lista posiblemente non cheguen á final, pero quedarán sempre coa alegría de ter sido escollidos por un tribunal tan prestixioso coma o de Disquecool. Nós si valoramos o esforzo que supón o humor (intencional ou involuntario), os estilismos imposibles ou acadar ese difícil punto no que algo é tan hortera que xa é cool. Pero deixémonos de tonterías. Aquí van os nosos preferidos (e algún favorito popular, para que saibades de que falar coa xente) dos participantes no Festival Europeo da Canción este ano. Avisamos, a segunda semifinal é a que vai molar.
(Son moitos? Si. Deixamos fóra só as baladas aburridas e os países que van directos á final porque cremos que non están á altura. E si, Reino Unido leva a Bonnie Tyler, pero sen cantar It’s a Heartache. Irlanda segue sen levar a Neil Hannon, non sabemos en que pensan).
– Croacia. Klapa s mora – Mižerja (1ª semifinal). Un pouco aburridos, si, pero somos moi fans do sentimento que lle poñen. Ademais cantan en croata unha klapa, que é un tipo de música vocal dálmata declarada pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade.
– Dinamarca. Emmelie De Forest – Only teardrops (1ª semifinal). Esta rapaza de 20 anos é a gran favorita deste ano, pero nós cremos que buscar o éxito saíndo descalza como fixo Loreen o ano pasado non é un método lícito. Ademais, Loreen non gañou por iso, gañou polo seu paso do cangrexo. Iso si, ten o elemento celta (esa flautiña) que é un dos segredos de Neil Hannon para a canción de Eurovisión perfecta.
– Países Baixos. Anouk – Birds (1ª semifinal). Anouk é tan famosa e ten tanto prestixio no seu país que pode enviar como vídeo oficial da súa canción a Eurovisión un vídeo sacado co móvil. Á marxe diso, ten unha voz bastante especial e está tamén entre as favoritas.
– Montenegro. Who See – Igranka (1ª semifinal). Por fin algo diferente! Aínda que só sexa porque un pasa os primeiros segundos crendo que a Pamela Anderson que inicia o vídeo é a representante de Montenegro deste ano en Eurovisión. Despois descubres que non, que son os rapaces vestidos de capitán Pescanova que cantan hip hop. Non sabemos se no escenario levarán tamén a mulleres en bikini para que pelexen ao seu redor.
– Lituania. Andrius Pojavis – Something (1ª semifinal). Non cremos que este rapaz teña moitas posibilidades de chegar á final, por iso queremos destacalo agora. Pola súa canción? A súa voz? A súa roupa? Non: por ser o participante de Eurovisión máis feliz deste ano e por levantar moito as cellas! Debería superar a semifinal só pola ilusión que lle fai participar.
– Moldavia. Aliona Moon – O Mie (1ª semifinal). Credes que está nesta lista polo seu peiteado (e si, un pouco tamén), pero en realidade é só polo que ocorre co seu vestido durante a canción: pasa do xeo e á neve a unha tormenta, ao fogo e, por último, ás cinzas. Hai mensaxe oculta?
– Suíza. Takasa – You and me (2ª semifinal). Un grupo formado por seis persoas con idades que van entre os 21 e os 95 (si, o participante máis vello da historia de Eurovisión!) anos ten que caer ben. O certo é que a canción promete máis do que dá (o principio cos “heys” fai pensar que vai molar moito), pero van vestidos de revisores de tren e iso tamén mola.
– Letonia. PeR – Here we go (2ª semifinal). Estes letóns inspiran tenrura cos seus traxes de purpurina, a súa marcha e os seus intentos por animar a un público que non o está a pasar tan ben coma eles. Os chimpos e a enerxía fannos pensar en Jedward (pero máis quixeran…). E eles mesmos cren que Eurovisión é cada vez máis hortera e que non son fans do que o festival é, senón “do que podería chegar a ser”. Grazas a eles, supoñemos.
– Macedonia. Esma & Lozano – Pred Da Se Radzeni (2ª semifinal). “O fillo de Jorge Javier e un cruce entre Carmen de Mairena e Falete”, dixo unha malvada disquerredactora cuxa identidade non vou a destapar. Pero si, tedes que esperar no vídeo a que saia ela para entendelo todo ben.
– Finlandia. Krista Siegfrids – Marry me (2ª semifinal). Se tes unha canción que se chama Marry me o propio é saír vestida de noiva, e a representante finlandesa non decepciona. A canción é dance divertido (Katie Perry?) sen posibilidades, pero polo menos non é unha desas baladas aburridas que moitos países levan ao festival ano tras ano. Pero queridos fineses, lembrade que fostes gañadores con Lordi. Reflexionade.
– Malta. Gianluca Bezzina – Tomorrow. Hai un ukelele! Hai un ukelele! Podes estar entre os que vomitan co seu se cadra algo excesivo buenrollismo ou podes estar entre os que ven como o seu corazón é quentado pola colección de sorrisos de Gianluca (isto din na web de Eurovisión). Ai, pero mirádeo, ganas de darlle unha aperta si que entran, non? E é médico e unha sorte de misioneiro (O_O).
– Bulgaria. Elitsa & Stoyan – Samo Shampioni. Levan a un gaiteiro! E á marxe dese detalle gañador, hai moita percusión, ritmos tribais, ritmos balcánicos, e ata unha pequena loita usando as baquetas coma espadas. Viva!
– Grecia. Koza Mostra & Agathon Iakovidis – Alcohol is free. Os favoritos da disquerredacción e non só polo nome da súa canción. Un grupo de gregos con saias escocesas que fan ska! Unidos ademais a Agathon Iakovidis, un clásico da música grega que só toca rebetiko.
– Israel. Moran Mazor – Rak Bishvilo. Acabamos de ler que ten 21 anos. Xa antes de sabelo pensabamos que algo no seu estilismo xeral non funcionaba.
– Hungría. ByeAlex – KedVesem. Non sabemos como é el, pero mirade que vídeo máis bonitiño ten, cheo de debuxos. E podemos ata intentar cantar en húngaro. E que canción tan mona. Entón descubrimos que ByeAlex é xornalista e filósofo. E que pensa cantar en húngaro porque sería un insulto para os seus votantes non facelo. Non latexan os vosos corazóns algo máis forte?
– Romanía. Cezar – It’s my life. Aínda estás esperando a que saque un coello dun sombreiro cando fai unha maxia distinta e saca un impresionante falsete. Bravísimo! Pero nós sabemos que el en realidade quería ser mago.
Que? Marcámonos unha disque festa eurovisiva?