‘Non podo crer que che guste Eurovisión’
Esta é unha das frases que temos que escoitar ano tras ano moitos dos fans confesos do festival europeo da canción. E entón temos que explicar (cun pequeno suspiro de suficiencia) que xa sabemos todo iso que nos vas dicir, xa sabemos que é algo rancio e hortera, que as cancións non destacan pola súa calidade e que as votacións finais son de todo menos xustas. Sabémolo moi ben: esas son precisamente as razóns polas que ano tras ano conectamos o televisor no día indicado.
E que mellor forma de empezar a semana eurovisiva que cun ranking (vivan os rankings!) dos participantes con propostas máis orixinais ao longo da historia do concurso. Aquí a tedes: o Top 10 de frikis na historia de Eurovisión.
10. Gipsy.cz – Aven Romale (República Checa, 2009). Gipsy.cz quedan no posto dez non porque lles falte frikismo, senón porque nunca chegaron á final: non conseguiron ningún punto na semifinal. Seica o público non estaba preparado para unha proposta tan atrevida: un grupo de hip hop xitano cun cantante vestido de superheroe. Non terían puntos en Eurovisión, pero tocaron en Glastonbury no 2007.
9. Laka – Pokušaj (Bosnia-Herzegovina, 2008). Debo dicir a título persoal que esta é a miña canción preferida do ranking (e da historia de Eurovisión en xeral). O estilista de Laka e compañía podería ter sido Tim Burton (e non negaredes o parecido de Mirela, a irmá de Laka –Elvir Lakovic– con Helena Bonham-Carter). Quedaron de décimos.
8. Fredi & Ystävät – Pump pump (Finlandia, 1976). Agora parécenos raro e risible, pero en realidade a maior parte dos participantes deses anos eran similares a estes. E, ao contrario que o resto dos que están nesta lista, facíano totalmente en serio. Fredi, non obstante, era humorista. Quizais un dos primeiros en decatarse da broma que era Eurovisión. Tiveron 3 puntos e quedaron no posto 12 (con 17 concursantes).
7. Marko Kon & Milan Nikolic – Cipela (Serbia, 2009). Foron uns dos primeiros prexudicados polo cambio no sistema de votacións que se fixo en 2008. Quedaron de décimos na semifinal, pero non foron escollidos polo xurado para chegar á final. No seu canto escolleron a Croacia, que quedara de 13. Unha mágoa, terían creado tendencia cos seus peiteados.
6. Homens da Luta – A luta é alegría (Portugal, 2011). Non chegaron á final. Homens da Luta parodian os cantantes protesta dos 70. E si, eles parodiarán, pero as súas cancións xa se cantan nas manifestacións.
5. Rodolfo Chikilicuatre – Baila El Chiki Chiki (España, 2008). A participación de Chikilicuatre en Eurovisión dividiu o país en dous grupos: os que colleron a broma e os que non. Os que dicían que era unha vergoña posiblemente non escoitaran as cancións que ano tras ano España ía presentando a Eurovisión. A de 2008 foi unha gran edición.
4. Datner & Kushnir – Shir habatlanim (Israel, 1987). O de que Israel participe en Eurovisión é un deses grandes misterios que xa aceptamos como algo natural. Para que preguntarse cousas se nos dan momentos tan bos como este? Segundo a Wikipedia, o ministro de Cultura israelí ameazou con dimitir se Datner & Kushnir representaban ao país no concurso. Por suposto non dimitiu, e Datner e Kushnir quedaron de oitavos coa súa interesante coreografía.
3. Guildo Horn & Die Orthopädischen Strümpfe – Guildo hat euch liebe (Alemaña, 1998). Guildo Horn e “as medias ortopédicas” deixaron ao público do concurso coa boca aberta en 1998, e non só por como baixou ata as butacas e toqueteou as cabezas de varias persoas, senón tamén pola súa escalada final a unha estrutura metálica. Quedou sétimo o ano que gañou Dana International.
2. Peter, Sue, Marc, Pfuri, Gorps & Kniri – Trödler und Co (Suíza, 1979). Cando ves a un participante de Eurovisión facer música con bolsas, tesoiras e demais instrumentos non habituais, sabes que estás ante unha gran candidatura. Quedaron décimos, aínda que nós cremos que merecían estar máis arriba.
1. Alf Poier – Weil der Mensch zählt (Austria, 2004). Quen non lembra o estado de shock no que nos deixou este señor austríaco que tocaba cun grupo de animais feitos de cartón e se movía de forma, digamos, curiosa? A de Alf Poier é unha das actuacións xa clásicas de Eurovisión, que non deixou a ninguén indiferente. E iso que nin sequera entendíamos o que dicía. O estado de shock tería sido aínda maior.
Foto | Eurovision.tv
Grandes os Homens da Luta!!! Aquí o vídeo comunicado do clube de fans galego!!! http://www.facebook.com/permalink.php?story_fbid=221951287818037&id=222620880121
A cita mañá en Santiago http://www.facebook.com/event.php?eid=201663586539716
” Quizais un dos primeiros en decatarse da broma que era Eurovisión.” Esta é a clave. Parabéns polo artigo ;) E engado á lista Ucraina 2007 http://www.youtube.com/watch?v=T9rJLtz64Hg (10 son poucos para listar frikis en Eurovisión :D)
E Les Fatal Picards!!! Aquel home con aquel gato negro cosido á chaqueta…
http://www.youtube.com/watch?v=P4VcSQE7DXg
Very big fan, nena! :D
O Pokusaj de Laka também é o meu top1 da Eurovisom em geral.
Esta ano torcemos polos Homens da Luta
O número 1 é incuestionable. E noraboa polo traballo de documentación, arriscando a saúde mental desa maneira… :D
JAJAJA, moi bo e currado, ainda que eu tivera metido os de S.A.G.A.P.O., o festival en sí, e os xiaeiros acérrimos xa son de feito suficiente frikada, eu pasoo mellor cos frikis que cos que sonan todos iguais e gañan…perduran máis na miña, cada vez escasa memoria….
http://www.youtube.com/watch?v=hiTOVNRS-vw&feature=related
Ana eu tamén confeso que son fan de Eurovisión,, de sempre desde que fai 23 anos que vivo en Galicia. encantame!!!!