Eurovisión
Eurovisión era unha inclusión máis que esperable neste listado. É como unha festa patronal para a redacción de Disquecool. Despois de ver as cancións que participan este ano podemos adiantar que será unha edición das aburridas (onde están esas cancións e eses artistas que nos gustan?), pero unha festa patronal é unha festa patronal. O día 12 estaremos sentadas fronte ao televisor. E vós esperamos que tamén.
Día das Letras Galegas
Outro clásico do mes de maio, que ademais este ano esta dedicado a unha escritora, María Victoria Moreno (albricias! milagre!!). E como toda festa literaria é unha escusa máis para mercar libros e para ler, o que sempre está moi ben. Será o 17, como ben sabedes, pero as actividades relacionadas irán enchendo as axendas xa durante os próximos días. Ademais das clásicas actividades de todos os anos neste maio hai algunhas propostas diferentes. En Celanova pecharán a súa Semana das Letras cunha maratón de lectura (será o 18 de maio na praza Andrés de Prada) e en Santiago queren que saquemos os nosos libros á vista (dende xa e ata o 17).
Fotografía en Santiago
Nin unha nin dúas, tres son as exposicións de fotografía que se poden ver en Santiago durante este mes de maio e que poden dar para facer un día temático.
Coa que non podedes procrastinar é coa de Joaquín García Portela “Costiña”, no Museo do Pobo Galego, xa que só estará ata mediados de xuño. Costiña foi un fotógrafo de principios do século XX na Guarda e os seus arquivos son unha memoria visual da Guarda e o Baixo Miño. Ademais de fotos, tamén deixou gravacións sobre A Guarda nos anos 20.
O outro fotógrafo galego con exposición en Santiago é Baldomero Pestana, galego emigrado en Hispanoamérica e que é considerado un dos nomes máis relevantes da fotografía nesa rexión (a pesar de que hoxe sexa un descoñecido). Traballou para varias revistas de primeiro nivel, como Life ou Squire. Estará na Cidade da Cultura ata o 2 de setembro.
O trío de exposicións de fotografía remata con Català-Roca, no Auditorio. Neste caso non é un fotógrafo galego, pero si un que capturou a Galicia dos anos 50 a 70. As imaxes estaban destinadas aos catálogos e libros para turistas da época. Ata outubro.
Día do Cómic Gratis
Editoriais y librerías dedican un día á banda deseñada. É o 12 de maio e durante toda a xornada (e só por achegarse a algunha das librerías que participan na iniciativa) os lectores recibirán un cómic gratis. A iniciativa busca poñer en valor a banda deseñada e o papel das librerías independentes. Buscade a librería máis próxima na súa web.
Fotos | Andres Putting (Eurovisión, foto de apertura) Baldomero Pestana