Lucía Pérez, unha galega á conquista de Eurovisión

Para uns Eurovisión é unha das cousas máis demodée que existe. Para outros é tan retro que xa é outra vez moderno. Amado ou denostado, Eurovisión é un dos acontecementos populacheiros que xeran máis interese no primeiro semestre do ano.

Se sacamos a Verónica Codesal, unha cantante belga de orixes galegos, e a Julio Iglesias, que algunhas veces bota man de Papuchi para facer gala de galeguidade, pouca ten sido a presencia made in Galicia en Eurovisión. Nunca unha galega representara a España no festival da canción máis europeísta que existe. Lucía Pérez será a primeira, con Que me quiten lo bailao. Entre actuación, acto de promoción e viaxes, Lucía Pérez respóndenos por email a unhas cantas preguntas sobre a súa candidatura a raíña da canción europea.

-Ao principio a canción non che convencía moito, xa te sentes máis cómoda con ela?

Agora síntome moi cómoda. Pouco a pouco fun facéndoa máis miña e descubríndoa e estou moi convencida con ela.

-Lola González, a coreógrafa, dicía non hai moito nunha entrevista que a coreografía que iades levar a Dusseldorf está chea de enerxía, ledicia e positividade. Que tipo de sorpresas podemos agardar no escenario?

Pouco vos podo dicir máis; so que todos os que imos estar no escenario imos transmitir moita alegría, frescura e positividade.

-Tamén se dicía que ías levar moda galega: podemos ter algunhas pistas sobre como irás vestida?

Jejeje. Cada vez estou máis cerca de dicir de quen vou vestida, como vai ser… Pero de momento so podo dicir que será algo que vai moito coa canción e comigo. E que oxalá sexa moda galega!!!.

Lucía, cos seus bailaríns

 

Preparar Eurovisión require moito esforzo, moitos viaxes e tempo. Canto de tolos están sendo os teus días ultimamente?

A verdade é que isto é un corre corre pero estou desfrutando a tope todo o que estou facendo. Isto forma parte do traballo e son primordiais as viaxes, a promo…

-Estaste a converter nunha celebridade en Galicia. Haberá disco en galego en breve?

Iso é moito dicir…!! En canto a un disco en galego, a verdade é que hai pouco máis dun ano que editei un que se chama ‘Dígocho en galego’, así que aínda é pronto. Aínda que o que si estreno é disco a nivel nacional, que edita Warner Music e que se chama “Cruzo los dedos”. Agora é o momento de darse a coñecer fóra de Galicia.

-E xa por último… A quen ves como o rival máis forte de todos os teus competidores?

Todos son fortes. A verdade é que destacaría a grande calidade das cancións e intérpretes. Dáme gusto estar en todo ese grupo. De todos os xeitos, Reino Unido parécenme fortes competidores. Gústame Suíza, Islandia… A ver que pasa! Aínda que pase o que pase…que me quiten o bailao!!

Fotos | TVE

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *