“A nosa canción ou ámase ou ódiase”

Witloof Bay son os representantes belga en Eurovisión este ano, e eles considéranse a si mesmos un pouco outsiders; probablemente por iso, Disquecool votará por eles na final (se chegan, que cremos que si).

Por ser diferentes, por ser especiais, por mostrar que é posible innovar en Eurovisión tamén desde a seriedade (o que é, se cabe, máis orixinal que facelo desde a broma) e porque con só a súa voz conseguen algo que a maioría non: ser divertidos!

Porque este grupo fai música a capella e ata os instrumentos son recreados mediante a voz (técnica que se denomina beatboxing). Pero para poder gañar a final terán que pasar a semifinal esta noite. Estade atentos!

Mentres tanto, para quentar motores, déixovos aquí a entrevista que Disquecool lle fíxo a Nicolas Dorian, o tenor de Witloof Bay:

Disquecool: Como fostes escollidos para participar en Eurovisión? Que sentistes ao saber que iades ser os representantes de Bélxica?

Witloof Bay:  Este ano había unha competición en aberto na páxina web AKA Music, e nós inscribímonos. Alí, a xente  tiña a posibilidade de elixir a que artista quería enviar a Eurovisión, tiñan que pór cartos para producir esa canción, e as cancións que conseguisen un mínimo de 5000 euros,  eran seleccionadas para unha semifinal na radio, e por último unha final na televisión. A xente votounos masivamente, e así foi como fomos elixidos para participar en Eurovisión, e foi bastante especial, no senso de que a xente tiña que pór cartos , e é bonito saber que máis de 400 persoas apostaron co seu diñeiro por nós.

A verdade é que foi unha sorpresa, unha bela aventura, porque non pensábamos que podíamos gañar cun estilo como a capella, chamar a atención si, pero gañar parecíanos imposible.

D: A vosa música é moi diferente ao que fan a maioría dos grupos. Credes que iso xogará a favor ou en contra vosa no concurso de Eurovisión?

W.B.:  Iso é imposible sabelo, incluso despois dos primeiros ensaios que xa fixemos en Düsseldorf… É difícil sabelo porque a nosa canción, ou ámase ou ódiase. Pero nós queremos mostrar que é posible acudir a Eurovisión cunha proposta diferente, e esperamos poder seducir á xente coa nosa canción.

D:  Cantar a capella soe ser concibido como algo clásico e incluso aburrido, pero non é o voso caso. Hai máis grupos coma vós? Por que non os coñecemos?

W.B:  Non é realmente que sexa aburrido ou demasiado clásico, é que realmente é unha rama aparte, máis vinculada ao mundo coral ou do jazz, e efectivamente é un pouco especial e non moi coñecido polo gran público. Pero disciplinas como o beatboxing, que é o que fai Roxor Loops no grupo, son máis urbanas, conectadas co hip hop, e están facendo o canto a capella máis accesible e abordable. E iso é o que temos ganas de facer,  mostrar que é posible facer pop a capella, e en parte, tamén por iso nos presentamos ao concurso, para dicir,  nós facemos pop a capella, nós  facémolo todo coa voz, e, en xeral, recibimos unha boa acollida por parte do público, que nos di que parece imposible que esteamos facendo esa música sen instrumentos. Queremos romper o clixé de que a música a capella é algo aburrido.

D: A vosa canción esixe unha grande virtuosidade musical, e iso nun momento en que todo o mundo crítica que en Eurovisión o espectáculo está gañando o espazo da voz e da música. Cal é a vosa opinión sobre isto?

W.B: Efectivamente, Eurovisión é un concurso musical que cos anos vólvese máis ben un concurso de performances, con vestiarios incribles, bailaríns acróbatas, decorados chamativos… e si, eu encontro que cada vez trata menos sobre “ a voz”, ademais que agora xa non se canta con orquestra, é o cantante sobre un disco,  e iso restoulle, ao meu parecer, encanto a Eurovisión.  Nós esperamos que a xente se dea de conta de que o que facemos non é precisamente fácil, que evidentemente nunha canción o importante non é que sexa ou non difícil de cantar, senón que a canción resulte agradable e guste, pero gustaríanos que os espectadores valorasen o feito de que nós o facemos todo todo todo coa voz.

D: E como será o voso espectáculo? Prestades atención á roupa e as coreografías?

W.B. Si,  falamos moito deste tema e pedimos consello para preparar unha pequena posta en escena, pero en Eurovisión é complicado porque nós non eramos os únicos que tiñamos algo que dicir sobre o noso look, por exemplo, senón que estabamos xestionados polos produtores, a tele belga, a web AKA Music,  e a imaxe que levaremos en Eurovisión , non é forzosamente a nosa, levaremos a que aparece no videoclip, e que se corresponde co que o realizador do videoclip e a estilista tiñan na cabeza.

D: Cal considerades o adversario máis perigoso na semifinal? E na final?

W.B:  E difícil de dicir, non hai adversarios dos que realmente teñamos medo, hai cancións moi boas e hai outras que o son menos,  e hai países que teñen máis posibilidades de gañar e outros que son menos mainstream, e nós creo que somos un pouco outsiders, o que en parte está ben, porque non temos adversarios directos, con isto non quero dicir que vaiamos gañar, pero si que temos máis posibilidades de sorprender.

Foto | Eurovisión

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará