Houbo un día o ano pasado no que A Estrada se encheu de xente do máis vario pinta e estraña. Había un festival no que estaba Nacho Vegas, polo que non faltaban modernos. Pero había algo máis. O ambiente indie fora tamén tomado polo espírito circense, e non era por Nacho Vegas cantando Miss Carrusel, non. O cartel do festival tiña tamén a Leo Bassi. Porque Rock & Clown é tan importante a parte musical coma a dos pallasos, e tras o éxito do ano pasado, este sábado 14 de maio o festival volve a A Estrada. Cun cartel aínda máis impresionante.
Vaiamos por partes, empecemos polo rock. Este ano os organizadores do festival acudiron á meca do pop bonito e ben feito, ao país que viu nacer (e crecer) a ABBA e a Jens Lekman, para traer a The Soundtrack of our Lives a A Estrada. Pero a parte nacional tampouco deixa nada que desexar: Vinila Von Bismark & The Lucky Dados para todos os amantes do burlesque, Maika Makovski para os cren que non hai vida máis alá de Russian Red, Dinero para os que gusten do indie rock máis clásico, e John Deeres para os que sexan máis de hard que de soft rock.
O lado clown do festival tampouco deixa nada que desexar. Parecería difícil superar a aparición de Leo Bassi do ano pasado, pero non o é: tan só hai que darlle ao propio Bassi a batuta do festival, como fará este ano exercendo de mestre de cerimonias. Claro que non estará só, xa que o Rock & Clown 2011 contará tamén coa presencia de Jango Edwards, o outro clown por excelencia do panorama internacional.
En realidade deberiamos deixar de escribir xa, porque o cartel debería bastar para querer ir ao festival. Pero é que o Rock & Clown é moito máis ca iso. O Rock & Clown non se limita a un escenario, senón que tomará as rúas de A Estrada con diversas actividades: graffiti, bodypainting e, o que máis nos gusta, Flash Clowns, unha adaptación dos flashmobs ao espírito irreverente do festival que sorprenderán aos transeúntes en máis dunha ocasión.
O prezo, ademais, é tamén bastante popular (non tanto coma o ano pasado, que de tan popular era gratis), xa que as entradas custan tan só 10 euros (anticipadas, 15 se esperas ata o último momento). E si, sabémolo, coincide co outro gran evento desta fin de semana (Eurovisión!), pero seguro que podes atopar a forma de cadrar horarios e axenda. (E agora que o penso, Eurovisión podería tamén chamarse Rock & Clown sen ter que cambiar moitas cousas… pero A Estrada está máis preto que Dusseldorf).
Foto | Rock & Clown