Tras a segunda semifinal de onte, xa sabemos un por un quen vai participar na final de Eurovisión. E nós, como bos eurofans, xa temos a nosa quiniela ben formada e queremos compartila con todos vós. Os tres que máis nos gustan e os tres que non entendemos que fan na final do festival europeo da canción.
(Nota: Somos conscientes do noso efecto gafe que xa rematou con Portugal e con Bélxica, polo que queremos pedir perdón de forma anticipada aos nosos tres favoritos)
Os tres mellores:
Irlanda. Jedward – Lipstick. Os xemelgos John e Edward Grimes téñeno todo para gañar: unha canción pegadiza e bailable e unha posta en escena impecable, cos seus peiteados e traxes espaciais (definición deles mesmos). Lipstick xa é número 1 en Irlanda e posiblemente non tarde en soar en todas as discotecas europeas, gañen ou non.
Moldavia. Zdob si Zdub – So Lucky. Outra aposta que non deixará a ninguén indiferente. Entre os seus curiosos sombreiros (algo típico moldavo, segundo din, pero algo esaxerados para a ocasión) e a canción con claras reminiscencias a Franz Ferdinand (e non só polo de repetir lucky unha e outra vez), merecen quedar na parte alta da clasificación.
Rumanía. Hotel FM – Change. A sombra de Take That é moi longa, sabémolo, pero non importa copialos se copian os seus mellores momentos. Escoitade Change e a continuación Shine e dicídeme se non se vos parecen demasiado. Se os escoito sen velo, na miña mente canta Mark Owen. Nin sequera notaremos a diferencia no acento: o cantante é inglés.
Os tres peores:
Reino Unido. Blue – I Can. A forma de responder ao feito de que Rumanía copie (e o faga ben) a Take That debería ser levar aos mesmos Take That a representar ao Reino Unido. Pero non debían de estar dispoñibles, polo que houbo que rescatar a Blue. E Blue xa non son unha boy-band das que nos gustan. Demasiados golpiños no peito.
Grecia. Loucas Yiorkas feat. Stereo Mike – Watch My Dance. Grecia optou este ano pola estratexia. En primeiro lugar, escollendo a un cantante chipriota para representalos (votos chipriotas! vide a min!); e en segundo lugar, mesturando cánticos clásicos e rap nunha mesma canción, por iso de agradar a todo o mundo. O que non sabemos é se tantas estratexias son acertadas…
España. Lucía Pérez – Que me quiten lo bailao. De verdade que o intentamos, escoitamos a canción de todas as formas posibles para ver se cada vez nos gustaba máis. Pero non, o resultado é o contrario: cada vez nos gusta menos. Pero quizais grazas a esta valoración logre gañar, xa sabedes o efecto que teñen as nosas palabras sobre os participantes…
Foto | Eurovisión
A pobre Lucía defende o que lle puxeron…. Canto che costou escoller as peores?
Habiendo pasado a la final Finlandia o Lituania, que elijas Grecia entre los peores me parece más que ofensivo