8 razóns polas que este sábado tes que ver Eurovisión

Eurovision Dsq

Como cada ano, Ana debería ter escoitado todas as cancións de Eurovisión e feito os deberes. Artigos como este ou este ou sobre todo (é a súa obra mestra) este. Pero este ano declarouse en rebeldía (de traballo, non eurovisiva) e non fixo o que debía. Pero iso non debe quitarvos as ganas de ver Eurovisión, o festival máis trash da historia da canción mundial e por iso (molan tanto as cousas decadentes!) o mellor de todos. Se queredes ser uns bos modernos, deses que miran todo de forma irónica ou posirónica (o que sexa), xa sabedes onde tedes que estar o sábado. Se rir un bo anaco, tamén. E se non o tedes claro só tedes que ler. No punto 8 estaredes convencidos.

1. Francia. Se puidese escribir isto en Comic Sans ou nunha daquelas animacións chungas de Geocities para que quedase ben gravado no voso cerebro non o dubidaría. Francia este ano é DEUS! O deus da música polo menos. Vale. Eu amo dun xeito apaixonado e salvaxe Francia, tanto que se François Hollande chegase a coñecerme non só me daría a nacionalidade tamén polo menos a Lexión de Honra. Pero, con esta canción, vós tamén amaredes a Francia. E imposible non facelo. Moustache, do grupo Twin Twin, é unha crítica brutal e completa da nosa sociedade capitalista (pedídeme algún día que faga unha análise sobre a mensaxe de Bob Esponxa), na que non somos nunca felices co que temos e na que sempre nos falta algo. Hélas! A eles fáltalles o bigote.

E por suposto todo cheo de poesía e de rimas perfectas e estupendas. As miñas favoritas son “a min non me gusta mostrar as miñas emocións/ na sala de musculación” ou “teño incluso amigos / amigos que me queren”. O vídeo é mega low cost. E (isto destacarao Íñigo) din unha frase en castelán.

2. Ucraína vs Rusia. En teoría, Eurovisión é un concurso que está á marxe da política. Eurovisión é un resto dos tempos nos que as autoridades europeas querías ser como unha canción de catecismo, pero en televisión paneuropea. Xa sabedes: todos irmáns, moito amor, moita paz. Pero a realidade é máis complicada e a política (e o que non é o amor, a paz e a irmandade) acaban por tocar sempre ao concurso. Ás veces dan momentos emotivos, como cando Bosnia – Herzegovina votou dende o Saraievo cercado e tiñan problemas coas redes telefónicas (que posiblemente non recordemos realmente como recordo gardado na memoria, aínda que todos sabemos de que falamos porque é unha desas historias que sempre se repiten cando se fala da historia de Eurovisión. E en fin … temos YouTube)

Outros simplemente dan momentos moi polémicos (e iso que hai material para aínda máis polémica, porque non todos os países que participan respectan ese espírito democrático e igualitario que se supón que une todo isto). E a polémica deste ano vai ser Rusia vs Ucraína. As cantantes rusas foron abucinadas na semifinal (aínda que pasaron) e pode que iso se repita na final. E é que, como explica un completo artigo do The Atlantic, a crise ruso-ucraína tamén chegou ao festival.

3. Islandia. Son tres profesores de escola e un… parlamentario!!! Islandia mola. E van vestidos con cousas de cores. No seu videoclip sae un pirata.

4. San Marino. Sabedes colocar San Marino no mapa de Italia? Non, non sabedes. Eu tampouco o sabía ata que o comprobei na Wikipedia. O pequeno país é un deses lugares estraños en Europa do que no fondo non sabemos moito. Teñen pouco máis de 34.000 habitantes, unha universidade e non teñen nin literatura propia. E ata agora nunca conseguiran pasar máis alá das semifinais de Eurovisión. Este ano será a súa primeira vez na final. E si, é cunha canción mega aburrida. Unha canción sacada do pasado. Pero esperemos que sexan os vencederes. Sería o momento máis grande de toda a historia eurovisiva.

E nós fixemos esta incrible promesa

 

5. Unha ocasión para comer comida rara. É o que facemos na redacción de Disquecool mesmo cando non eramos a redacción de Disquecool. Cada uno de nós escolle un país, que será o seu país, e fai un prato dese país.

6. … e unha ocasión para rir… Recoñecemos que este ano son do máis coñazo, pero tamén haberá material para criticar. Ucraína leva a un home que da voltas por unha roda de hamster vestido, iso si, de negro ao estilo dos camareiros dos sitios que queren ser cool. E iso é só un exemplo.

7. … e unha festa por Europa! E Europa mola.

8. O noso directo. E por suposto tes que ver este ano Eurovisión para seguir como cada ano o noso directo. Aquí estaremos!

Foto Andres Putting (EBU)

Shares

Etiquetas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *