Hoxe tocan unha desas vacas sagradas. Relativamente, claro. Un clásico recente. Aínda que envolvidos xa de certa fama e recoñecemento, o inmenso ‘Halcyon Digest’ supuxo para Deerhunter un salto tanto cualitativo como cuantitativo (en canto ao segundo, ben grande) na repercusión da banda dentro da música do rock alternativo. Para os que non os coñezades de antes, que imaxino que seredes poucos, Deerhunter é un quinteto estadounidense que, coas caralladas, levan xa máis dunha década nisto de gravar discos e dar concertos, pero que dende hai tres anos xogan entre os meirandes desta lea. É precisamente aí onde cobra especial importancia ‘Monomania’ (4AD, 2013), o que xa é sexto disco da formación.
Por establecer comparacións inmediatas, ‘Monomania’ é o irmán pequeno malo, se ‘Halcyon Digest’ é ese neno exemplar. Moito máis noise, algo máis psicodélico e menos amable que o predecesor. Como ese do que falas menos cando presumes coas colegas de oficina, pero ao que os amigos lle temos ben de agarimo. Neste senso, Neon Junkyard engana algo. Aínda que as distorsións aparecen, non chegan aos niveis atopados noutros temas, e de seguido Leather Jacket II nos amosa un camiño a seguir. Atractiva e fascinante, caótica e ruidosa. Adaptando oídos non acostumados ao desorde. En todo caso, “Monomania” non é unha desmostración constante de irritación. Hai de todo, e na meirande parte dos casos, bastante bo. Deerhunter sempre amosan unha cara máis amable, máis delicada e preciosista, e The Missing pode ser o paradigma neste disco deste lado da moeda máis luminoso.
Insistimos no eclecticismo como norma, mesmo dentro dun rock máis clásico e algo canalla, nun deses cortes que serven para que un se tome menos en serio a si mesmo, e, de paso, os oíntes nos namoremos un chisco máis. Pensacola cumpre esa función, máis axeitada aos momentos previos a unha festa na praia da zona que dá nome á canción, e que continúa fórmula con Dream Captain. Pero, ademais deste conto do ruído, da pausa, do hedonismo, da presunción e todo iso, faláramos ao comezo de psicodelia. E se ben esta está presente durante toda a metraxe, Sleepwalking podería dar clases universitarias de como misturar esencia pop e rock con espirais de cores chegas de fantasía. Unha canción brillante. E sen saír moito deste marco, pero con esencia británica indubidable, aparece Back to the Middle, posiblemente a canción que máis resoa na túa cabeza nas horas seguintes a escoitar ‘Monomania’.
Pero algo malo tiña que haber neste disco. Haino, evidentemente. Está ben iso do noise, da psicodelia, de xogar coa paciencia do fan. Pero o último cuarto de disco, é dicir, o trío formado pola propia Monomania, Nitebike e Punk (La vie antérieure) resulta de excesiva dificultade mastigatoria. Moita distorsión e moi pouco discurso, polo que non arriscaredes nada se, á altura do corte nove, decidides premer stop e volver comezar. Esa é a pega, o contra, o motivo polo que ‘Monomania’ é un paso atrás con respecto a ‘Halcyon Digest’ (sempre esas odiosas comparacións). Un paso atrás, en todo caso, non demasiado grande, e con ingredientes suficientes para que Deerhunter sexan os novos favoritos desta semana.