O disco da semana: If You Leave, de Daughter

Daughter-If-You-Leave-ArtworkImparcialidade cero. Obxectividade nula. Dentro da disquerredacción as ganas de poder escoitar o disco de debut da banda londiniense Daughter eran tales, que sabiamos que esta semana serían o disco destacado case por decreto lei. Daughter é o proxecto que a preciosa voz de Elena Tonra creou hai tres anos, e se completou en xeito de trío posteriormente. Xa nos deixaran un par de Ep’s fascinantes, e merecedores da ansiedade que se sentía ante o lanzamento do seu primeiro longo. Chegou ese día. Chegou o día no que ‘If You Leave’ (4AD, 2013) se lanza, e, de paso, o día no que Daughter se convirte nun deses nomes que teremos que ter sempre en conta. Misturando temas inéditos con algún xa presente neses Ep’s previos, ‘If You Leave’ é un traballo fantástico. A palabra sería fermoso. Non potente, non histórico, non magnífico, non épico. Tan só un deses momentos absolutamente fermosos. Delicados e preciosos.

E toda esa beleza de fina estampa se reflexa nos tres primeiros temas. Discretísimos, deses que che deixan o corpo absolutamente frío sen que sequera te deses conta de que entraran nel. Winter é ideal para estes días, de frío en abril. Con esa orquestración tan sinxela, e coas bases electrónicas entrando de cara á segunda metade do tema, coa voz de Elena erguéndose de xeito moi pouco habitual no resto. Smother xoga a semellar canción escandinava, por aquilo da aura de fantasía perfecta, de bosques húmidos e cores frías, e Youth, tema xa coñecido do Ep ‘The Wild Youth’ (tamén Smother estaba xa editada) é, directamente, unha das cancións máis bonitas que escoitei nos últimos meses. Doses perfectamente medidas de emoción e eficiencia. Voz marabillosa, cordas case testemuñais pero perfectas, e algún xiro do destino que semella guillotina. Tres temas dos que ben poderiamos dicir, caendo en topicazos, que ben valen o disco enteiro.

Evidentemente, ‘If You Leave’ é moito máis. A partir de aquí, enlazamos con cancións de perfil moito máis intimista, que servidor pode sinalar que funcionan fantasticamente en directo, pero que na versión en estudo poden semellarse moito entre elas. Still non destaca, a pesar de ser unha das candidatas a single, e quen si o fai é Lifeforms, conmovedora e emocionante, un choro rabioso que mesmo chega a ter un leve coqueteo co post-rock nos intres finais. Poderiamos dicir que repite fórmula Tomorrow, algo menos escura, máis próxima (ou cando menos, o máis próxima posible, tendo en conta a diferenza de estilos) a Florence & the Machine. E tras ese amago de épica doméstica, o pop chega a ‘If You Leave’ da man de Human, achegándose xa a último treito dun traballo espectacular.

Os tiróns de orellas veñen a chegar nesta última parte, onde Touch e Amsterdam xogan co experimental e se fan pezas de difícil dixestión, principalmente a primeira, algo máis doada no caso de Amsterdam. ‘If You Leave’ remata cun corte que se achega aos sete minutos, case exclusivamente acústico, algo así como unha canción de berce titulada Swallow que resume á perfección os puntos fortes do trío: proximidade, voz persoalísima e melodías sinxelas e fermosas. En definitiva, Daughter teñen todo o preciso para ser un deses grupos que gustan si ou si. Non direi aquilo de “o voso novo grupo favorito”, porque me estaría pasando considerablemente, pero si que me xogo o salario mensual de Disquecool a que ninguén que se anime a darlle unha oportunidade a este disco se arrepentirá. Xa mo agradeceredes.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *