Tras dúas semanas de parón primaveral, retomamos o vello costume de recomendarvos un disco para que o mastiguedes e saboreedes minuciosamente ao longo desta semana. Apetece, aproveitando que o Sol ameaza con quedarse por fin durante uns cantos días na nosa vida, unha dose de hedonismo e diversión, polo que a pesar de que varios candidatos máis ben calmados e de espírito derrotista (entre os que destacaron na última quincena James Blake e Kurt Vile) merecían ocupar este espazo, o quinto disco da banda francesa Phoenix foi quen outorga tal cargo. A Phoenix xa os coñecedes, dende aquela preciosidade que foi ‘United’, o seu disco de debut, ou dende que ‘Wolfgang Amadeus Phoenix’, o seu derradeiro traballo de estudo, lles dera fama mundial. Se non o coñecedes por iso, os asiduos da prensa rosa indie coñecerán o romance que une a Thomas Mars, vocalista do grupo, con Sofia Coppola.
Datos imbéciles aparte, toca falar de ‘Bankrupt’ (Glassnote, 2013), que hoxe se lanza á captura dos melómanos do mundo, alimentado pola inercia de quen vén merecendo que cada traballo sexa considerado xa case un éxito sen saber aínda se o merece. Non vos enganarei, Phoenix non son o meu grupo de cabeceira, e poucas veces atopei neles un mérito máis aló do entretemento puntual, sen maior resonancia afectiva. Claro que un, moi a miúdo, busca precisamente iso. Se queredes un momento de desconexión, de beleza volátil, un momento no que afastar a amarga existencia dos miolos, de pensar que un pode ser feliz baixo os raios UVA de abril, a pesar de que ningún narco vos ofreza un paseo en barco, Phoenix acuden puntuais ao rescate. Ao voso servizo, inaugurando un disco con nome tan pouco prometedor cun tema porén tan bailable como Entertainment, que será unha das cancións que, en diante, máis escoitedes no voso bar favorito. Algo semellante ao que sucede con SOS in Bel-Air, xusto despois de que The Real Thing dea mostras de irregularidade, demasiado cedo quizais.
E é que cando antes vos dicía que Phoenix non é unha banda especialmente sobresaliente para quen vos escribe é, precisamente, por iso, pola irregularidade. Porque esa esencia divertida, esas bases danzarinas, como buscando ser a versión canalla dos seus compatriotas Air, ás veces resulta algo insulsa, e mistura temas dignos de enmarcar, como os anteriormente citados ou como Trying to be Cool, ou outros menores, bastante menores, véxase un aburrido Drakkar Noir, excesivamente predicible para estar a metade de disco. Maior encanto e elegancia, sen chegar a roubarche o corazón, ten Chloroform, unha peza suave e ben vestida, de novo máis na liña de Air que de Daft Punk.
‘Bankrupt’ volve ao camiño das pistas de baile no trío de temas que pecha os dez totais. Sabia decisión, xa que Phoenix se desvela moito máis hábil nese perfil que no das cancións de escoitar en sofá, onde tenden a naufragar. Don’t destápase como un dos cortes de maior encanto, das que si namora, e Bourgeois impacta menos, pero remata conseguindo non desentoar, por moito que fique lonxe do nivel que volve marcar Oblique City, para pechar un disco no que Phoenix volven estar moitísimo máis acertado cos singles e co nivel xeral, onde tendemos a atopar moito recheo entre a minutaxe. Iso si, se o que lles seguimos pedindo é que nos debuxen un sorriso, e nos inciten a querer poñernos guapos e gozar do Sol do que vos falaba ao comezo, volvemos ter que darlles unha palmada nas costas.