Lembra as festas da túa vila. Quizais non teñas que facer moito esforzo, quizais sigas indo. Ou tamén pode ser que a túa última visita a unha destas clásicas celebracións do verán galego fose hai xa anos. Non soubeches apreciar o encanto das atraccións de feira das que cada vez tes máis medo, non quixeches aceptar as mensaxes que chegaban pola megafonía de cada posto, non soubeches emocionarte ante a posibilidade de conseguir un peluche disparando a algo en movemento e, sobre todo, fuxiches cando a orquestra empezou a tocar.
E non podes nin dicilo por aí. Atrévete a criticar a elección musical das festas da vila: serás un snob, non terás sentido do humor, e quen diaños vai a ir a unha festa se toca algún deses grupos raros que te gusta? Xa, asentes. Marchas coa cabeza baixa. Ou así era ata agora: este ano podes volver ás festas das que fuxiches por razóns musicais. Galicia on the Road é a valente proposta que pretende darlle un xiro ao que soa na praza do concello cando celebra o seu patrón (ou a súa especialidade gastronómica).
A idea é innovadora e arriscada: Galicia on the Road ofrecen aos concellos montar de arriba abaixo un espectáculo musical de catro horas para darlle un aire distinto ás festas. Eles ofrecen unha lista de bandas galegas de todo estilo e condición (Niño y Pistola, Dios Ke Te Crew, Novedades Carminha, O Sonoro Maxín, Terbutalina, Falperrys, The Cornelius, Holywater, Sés, Dakidarría, Familia Caamagno, Igloo…), da que o concello en cuestión escolle catro. E xa está, todo queda en mans do equipo de Galicia on the Road. Eles xestionan as contratacións, o escenario, o son, a iluminación, a promoción…
Como xurdiu unha idea así? Desde a organización danlle un xiro á nosa pregunta. “O importante é preguntarse: ‘como non facelo?'”, reflexionan. “Había un gran público que viña demandando unha proposta desta magnitude desde hai tempo”, explican, engadindo que “debido ao tipo de programación que se adoita utilizar nas festas”, hai un público ao que se lle negou “a posibilidade de coñecer unha proposta coma esta, a posibilidade de ver de primeira man os mellores artistas do panorama actual”.
E que pasa cos fans da verbena? Quedan condenados a ver a bandas “de verdade” que non tocan o Vals das Mariposas? Non xerará polémica un concello coa programación de Galicia on the Road? “Unha boa festa sempre ten unha boa acollida e Galicia on the Road garántea”, explícannos desde a organización. E non temades, verbena-fans, “por suposto que hai sitio para ambas as dúas propostas”. A idea de Galicia on the Road é “sumar”, poñendo aos creadores “enriba do escenario” e dando ao público a oportunidade de ver algo máis que “simples intérpretes das cancións doutros”. “Con Galicia on the Road, ademais de armar unha boa troula, tamén queremos darlle o sentido que pensamos que ten que ter a música en directo: músicos facendo a súa música”.
De momento desde a organización de Galicia on the Road aseguran que a acollida está a ser “xenial” e que grazas a que eles ofrecen “unha xestión integral” facilitan tamén que os concellos se decidan a contratalos. Cando? Onde? Que festas van a dar este xiro cool? Aínda non hai datas públicas, pero a organización de Galicia on the Road asegura que dentro de pouco anunciarán cal será o percorrido da “xira”. Mentres esperamos, nós aproveitamos para facer a nosa pequena proposta para non enfadar aos fans da verbena: que as bandas se atrevan con algún tema clásico das orquestras das festas. Empezade a ensaiar!