O disco da semana: Shields, de Grizzly Bear

Preséntovos. Son Grizzly Bear. Grizzly Bear son de Brooklyn. Son catro, e recuperaron para o pop ese son coral tan característico dos Beach Boys, pero con máis delicadeza, e menos hedonista. Xuntiños gravaron hai tres anos ‘Veckatimest’, un dos mellores discos da década pasada (si, dígoo así e fico tan ancho), se ben o contido pouco enérxico daqueles temas, ben preto do pop-folk, non axudou a convertelos nese grupo de masas que encabeza carteis de festivais de alta liñaxe. Namoraron, pero , se se me permite, non tanto como mereceron. Veredes, chegados a estas alturas, que o disco da semana de hoxe é un deses que, para quen escribe, estaba case decidido de antemán. Agora ben, case superou as espectativas agardadas.

E precisamente esa fe cega a unha banda que, por outro lado, aínda quizais non fixera mérito para tanta confianza, comezou a meterme medo nas últimas semanas. E se ao final me decepcionaba? E se non era o que prometía ser? Vamos, as típicas preguntas que se responden soas con Sleeping Ute, o primeiro tema de ‘Shields’ (Warp Recods, 2012). Sandeces. Estes tipos son algo máis que artistas pop. Son putos virtuosos do tema. Ben capaces de xerar un himno con coros naquel glorioso Two Weeks, ou de tirar dunha ambiciosa e barroca instrumentación en Sun in Your Eyes, o tremendo tema que pecha este disco. Un disco que ten de todo, dende sons que despertan na túa memoria a Radiohead, a música de cámara, ou a momentos que Rufus Wainwright leva buscando dende hai case un lustro sen conseguir atopar. Falamos do que a bo seguro será un dos mellores discos de 2012.

É igual a onde mires en ‘Shields’, é unha moeda lanzada ao aire na que sempre sae cara. Sería ordenar os títulos das cancións de un en un, e buscar un dicionario de sinónimos da palabra “fantástico”. O arranque de guitarra final de Speak in Rounds, desgarrador, ou o single perfecto no que remata converténdose Yet Again. A orquestración case barroca de A Simple Answer, no exemplo perfecto do que antes dicía que Wainwright busca ser agora de maior. Ou a exploración de mundos máis escuros e mestos con The Hunt e What’s Wrong, absolutamente precisas no conxunto, aínda que quizais do máis frouxo se extraes, peza por peza, os compoñentes da perfecta dentadura de ‘Shields’. Ou a recuperación dos coros (aínda que presente en varias cancións), máis patente en Gun-Shy, o abecé dunha peza de pop tan sinxela como encantadora.

Unha vez esgotados os sinónimos, pechamos o dicionario e tirámolo pola ventá. Para denominar o conxunto final que conforman, da man, Half Gate e Sun in Your Eyes, a un só se lle ocorren exabruptos que non pasarei a escribir, por aquilo de non reducir ao vulgar unha obra de arte, e porque xa antes os liderados por Daniel e Ed me fixeron perder as boas formas. Porque con ‘Shields’ un pode pórse todo o estupendo que lle dea a gana, e erguelo á altura dos mellores pintores, escultores ou modistos da actualidade. Hai que collelo e deixalo posto no reprodutor, premendo unha e outra vez o botón que leve a un reinicio, a unha tarde perfecta.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *