Lisa Hannigan, Little Scream e Holly Miranda no Voces Femeninas 2012

Agora que xa nos coñecemos todos bastante ben seguro que ides notando de que pés coxeamos. No caso da música, no meu caso, teño certos favoritismos persoais que é inútil esconder. O amor a Neil Hannon e a Jarvis Cocker, a debilidade por Emmy the Great e Sharon Van Etten, a felicidade de festivais en illas. E despois está o Festival Voces Femeninas que cada ano organizan desde Coconut Producciones. Só hai que botar unha ollada a nomes doutros anos para entender por que é dos meus favoritos. Pero deixemos de vivir no pasado. Xa sabemos quen vén este ano.

Si, amigos, en pequena exclusiva para Disquecool (e non sabemos se para máis medios, pero a nós gústanos sentirnos especiais), os nomes do Voces Femeninas 2012 chegaron onte á noite ao noso correo. E ao abrilo fomos moi felices.

Empecemos polo nome grande: Lisa Hannigan. ‘Passenger’ é un dos meus discos preferidos do ano pasado, a canción Little Bird está nalgún deses mix-CD que aínda fago (vintage!) e houbo un par de meses nos que Knots soaba un montón polas mañás en Radio 3. E ten todo moito sentido: esta irlandesa empezou á sombra de Damien Rice, pero cando a súa relación (amorosa, si) rompeu, ela empezou a voar soa. Non podemos estar máis contentos.

Lisa Hannigan chegará ao festival Voces Femeninas moi ben acompañada. Outra das artistas que actuará é Little Scream, como se fai chamar Laurel Sprengelmeyer, nacida en Iowa pero crecida musicalmente en Montreal. No seu currículo figuran nomes como The National (fixo coros en ‘High Violet’) ou Arcade Fire (Richard Perry é coproductor do seu disco ‘The Golden Record’), ademais de xiras con Beirut, Owen Pallett ou Sharon Van Etten. A súa música é folk dese un pouco delicado, un pouco eléctrico, un pouco arty, e moi moi emocionante.

E Holly Miranda. Holly Miranda ten unha voz desas que nos trasladan a outras épocas, a aquel momento no que o soul, o blues e o rock se atoparon e todo empezou a ir mellor. As cancións de Holly, que naceu en Michigan e aos 16 anos fuxiu a Nova York, son perfectas para escoitar en noites de estraña calma que auguran tormenta. Hai algo universal na súa música, algo que xa fixo que xente tan variopinta como Kanye West, Scarlett Johansson ou The XX se fixase nela. E é imposible non escoitala sen pensar que en realidade é a versión feminina de Jeff Buckley.

* Cando? Onde? O 22 de novembro en Ourense e o 24 de novembro en Vigo. E, para os que andades por Madrid, este ano tamén hai Voces Femeninas aí: será o 20 de novembro.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará