O disco da semana: ‘Tinieblas, por fin’ de The New Raemon

Tralas grandes louvanzas que mereceu ‘Libre asociación’, ata a pasada semana última referencia discográfica de Ramón Rodríguez, o músico decidiu retorcer algo máis a rosca, e pegar unha volta na súa xa veterana carreira en solitario, máis aló das sombras de Madee, e abandonou BCore Records, a súa compañía discográfica de toda a vida, para deixarse abrazar por Marxophone e, máis concretamente, polos seus ben queridos Nacho Vegas e Fernando Alfaro, xefes deste novo apousento. Aquí se animou a lanzar unha nova referencia, cando apenas pasara un ano daquel precioso traballo.

Nace así, pois, ‘Tinieblas, por fin’ (Marxophone, 2012), onde The New Raemon segue coa estela marcada polo anterior traballo, obedecendo á máxima de non trocar ao equipo que vai gañando. Por buscar algún punto de diferencia, poderiamos dicir que ‘Tinieblas, por fin’ busca un perfil máis próximo ás letras de contido social, como principalmente na magnífica canción que dá nome ao disco, e que apenas chega aos dous minutos de tormenta perfecta. Esas melodías tormentosas que son o fío condutor do disco. Un disco que, digámolo xa, se fai curto. Nove cancións que fan ver que Ramón Rodríguez quixo aproveitar ese momento de especial inspiración que está atravesando, pero que pensamos que, quizais, tería dado un par de novos irmáns cara comezos de 2013, que transformarían o traballo dun notable, a un brillante.

E se calquera disco de nove cancións, que apenas acada os 37 minutos se fai curto, a sensación faise maior (a de brevidade) cando a maioría deses cortes son tan fascinantes. Risas enlatadas abre ese torrencial, “condenados a soportarnos con agresividad, ignorarlo nos crea más molestias, hay que ceder”, nunhas primeiras frases que amosan que non se vai pasar polas tebras sen arriscarse a profundar nunhas letras incómodas. Nese mesmo punto, tras unha Galatea do mais prescindible da minutaxe, La ofensa volve contraatacar, lanzando o puño con forza indiscriminada contra a mesa. Contundencia absoluta, xa tan só repetida a nivel semellante en Marathon Man, o temazo indiscutible de “Tinieblas, por fin”.

Casa abandonada troca o perfil de escurantismo de volume con exceso de decibelios, e múdao por calafríos contidos, dos que case asustan máis. O mesmo ton que mantén Grupo de danza epiléptica, mentres Devoción pecha un novo disco magnífico, outro a sumar na traxectoria que xa se comezara cos malogrados Madee, hai xa unha década, e que volve a lembrarnos aos cataláns. Mentres se manteña o nivel, encantados estaremos de que The New Raemon manteña a periodicidade da entrega anual.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *