O disco da semana: Fear Fun, de Father John Misty

Dado que cada vez o home este comeza a pórse máis de moda, manadas de fans se amontoaban ás portas da nosa redacción reclamando unha crítica do seu disco pancarta en man. Ata aí, ía soportando a presión, pero os instintos que J. Tillman desperta na nosa redactora xefe da sección musical, comezaban a facer insoportable o mobbing ao que servidor estaba sendo sometido. O primeiro que cabería dicir é que ‘Fear Fun’ (Sub Pop Records, 2012), é un disco claramente atípico. Estamos fartos de coñecer a membros de grupos que se fan un solitario para soltar as paranoias que teñen na cabeza, e gozar (ou non) dos seus experimentos por libre, habitualmente moito máis bizarros que os da banda nai.

J. Tillman foi ao contraataque. Father John Misty debuta (cun longa duración, enténdase, xa coñeciamos algún EP previo) cun disco moito máis “normal” do que se saca da manga cos Fleet Foxes. E agora que ninguén me confunda “normal” con “aburrido”, porque ‘Fear Fun’ non é o disco do ano, case nin do mes, pero son tres cuartos de hora do máis entretidos. Pílulas de pop clásico, de folk radical, de rock sinxelo e de ambiente sucio. Ese lixo envólveo todo, aínda que a fantástica Hollywood Forever Cementery Sings, de longo o hitazo do disco, resume a sensación de perversión á perfección. A sensación de que un non ten que darlle moitas voltas á vida para ser malo e sentirse sexy e algo pervertido.

Ese country ten en Writing a Novel ou no pedal steel dos primeiros acordes de Misty Nightmares 1 & 2 os máximos actores principais, como xogando a coquetear coa última Feist. Dúas pezas preciosas e, principalmente no segundo caso, trazadas cunha precisión milimétrica aparentemente casual, pero perfectamente estudada e plasmada. Outra das mellores delicias do traballo. Previamente, nada máis comezar o disco Fun Times in Babylon nos amosara que os Father John Misty ían tratarnos con delicadeza (si, antes sucidade, agora delicadeza). Ían mexer o berce no que antes nos deitaran, e a taparnos con todo o agarimo do mundo. Only Son of the Ladies’ Man arrisca moito menos, achégase aos Fleet Foxes como ningunha outra no disco, e un chega a preguntarse se non por bonita é estritamente precisa.

Máis intelixible é o aroma clásico do rock feito con tres elementos, o de This is Sally Hatchet, pouco antes de retomar ese acento do sur mentres o disco vai preparando a súa morte, con Now I’m Learning to Love the War como exemplo máis sobresaliente, dos momentos máis álxidos do traballo, dende a calma e a serenidade. Esa que retoma xusto na desembocadura, retomando un nivel altísimo que custou acadar en varios momentos, pero que volve xurdir enérxico en Every Man Needs a Companion, que deixa un sabor de boca soberbio e decadente. O das barbas desaliñadas abandonadas ao alcol, o de quedarse durmido sobre unha barra da que queren botarte dende hai unha hora, ou, sinxelamente, o de sentarte na casa con gañas de estar triste. Tan só iso, nada menos.

Shares

1 comentario

  • gabihey di:

    Vou facer un exercicio de autocrítica. Partindo da base de que hai unhas semanas eu tiña clarísimo que este disco era más dun 7,5. O certo é que actualmente:
    1) Gustoume máis do que me gusta.
    2) “Hollywood forever cemetery sings” é das mellores cancións do ano.
    3) O “Síndrome do Hype” está aquí, existe, é real. E é unha verdadeira putada cando escoitas un disco tres veces e dis “buaah, qué chulada” e na cuarta ou quinta escoita a cousa empeza a decaer.
    Conclusión: hoxe non pasa do 6,9 nin de palo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará