Primavera Sound 2012: 10 artistas que non nos perderemos

Un ano máis, volvemos a estar nerviosos. Un pouco menos que o ano pasado (non hai posibilidades de encontrarse de súpeto cara a cara con Jarvis Cocker), pero coa mesma sensación de felicidade anticipada. Gústanos ir a festivais e hai tempo que decidimos abandonar a cantidade pola calidade, pero polo Primavera Sound facemos unha pequena excepción.

A situación deste ano é ademais algo distinta: nós iremos a Barcelona, pero sabemos que a edición de Porto conta con moitos máis adeptos entre os galegos nestes tempos de crise. Que dez artistas recomendar? Esta é a nosa selección: algúns tocan en ambos festivais, algúns só en Barcelona e uns só en Porto. Imprimide horarios e a sufrir.

10. Suede. É que hai que ir sempre de moderno? Temos que apostar sempre polo máis innovador, por eses grupos que nunca vimos? Non sempre. En Disquecool gústanos tamén coidar moito da nosa adolescencia e Suede significa sinxelamente iso. Se aos 15 anos cantabas Trash como se non houbese mañá, aos 30 seguirás a facelo. E sentirás algo que todos eses grupos bos e de culto que escoitas agora non lograrán facerte sentir nunca. Só para os de Porto, os de Barcelona quedamos sen adolescencia britpopeira este ano. Palco Optimus, 7 de xuño, 22:45 (Porto)

9. Girls. Din os que os teñen visto en directo que son impactantes. Algo que non sorprende se escoitamos os seus dous fantásticos discos con atención e se miramos a Christopher Owens e pensamos que se criou nunha seita. Girls tocarán só na edición barcelonesa. Escenario Mini, 1 de xuño, 20:15 (Barcelona). 

8. Kings of Convenience. Hai algo sempre máxico nos concertos de Kings of Convenience, aínda que sabemos que o escenario festivaleiro non é o que mellor lles senta. Pero se che gusta a súa música (se es dos que pensa que son aburridos, nin te aproximes a eles) e na túa relación amor-odio con Erlend Oye gaña o amor (sabemos que non sempre é así), non deixes pasar a oportunidade de velos. En Porto e en Barcelona. Escenario San Miguel, 2 de xuño, 20:30 (Barcelona); Palco Optimus, 9 de xuño, 23:00 (Porto).

7. Beirut. Como non querer ver a Zach Condon e os seus, con todo o seu despregue de instrumentos en principio non tradicionais no mundo do pop? Estamos desexando escoitar como se traslada ao directo a viaxe pola Europa do leste dos seus dous primeiros discos e o fantástico ‘The Rip Tide’ do ano pasado. Só tocan en Barcelona (razón 1 pola que decidimos deixar a Porto de lado). Escenario Mini, 31 de maio, 23:15 (Barcelona).

6. The Cure. Quizais sexa mala idea querer repetir momentos máxicos da nosa historia, pero entón pensamos en Robert Smith e sabemos que podemos confiar nel. Ver a The Cure en directo é sempre unha oportunidade case única para ser felices, sexamos ou non fans. O dos momentos máxicos da historia ten que ver con aquel concerto de The Cure no Monte do Gozo en Santiago. A organización do Primavera xa dixo que lles van a deixar tocar dúas horas. Todos sabemos que Robert Smith é un tipo xeneroso. The Cure tocan en Barcelona. Escenario San Miguel, 1 de xuño, 22:10 (Barcelona).

5. Rufus Wainwright. Agora que tras aquel soporífero ‘Songs For Lulu’, Rufus Wainwright volve a ser el mesmo, temos moitísimas ganas de velo en directo. Virá con banda, o seu último álbum está bastante ben e, o máis importante, sempre rescata grandes éxitos da súa discografía. Como non querer ir a ver ao bo de Rufus? En Porto e en Barcelona. Escenario San Miguel, 1 de xuño, 19:50 (Barcelona); Palco Optimus, 8 de xuño, 20:15 (Porto).

4. Beach House. Temos tamén moitísimas ganas de ver como se traducen en directo ‘Teenage Dream’ e ‘Bloom’, os dous fantásticos albumes que nos teñen regalado Beach House nos últimos anos. Iso si, os que vaiamos a Barcelona teremos que tomar moitas decisións difíciles: Beach House toca á vez que Dominique A, Real Estate, The Olivia Tremor Control e, ai, Josh T. Pearson. Escenario Mini, 2 de xuño, 21:45 (Barcelona); Palco Club, 8 de xuño, 1:00 (Porto).

3. Josh T. Pearson. Quen é este tipo ao que poñemos tan arriba na lista? É un señor barbudo que o ano pasado publicou ‘Last of the Country Gentlemen’, un dos discos máis fermosos (e tristes) de 2011. E a súa actuación no Primavera promete ser máxica: a música de Josh T. Pearson é de todo menos festivaleira, por iso tocará no Auditori Rockdelux, onde a acústica é simplemente perfecta. Se logramos entrar, deixaremos a Beach House de lado. É a razón 2 pola que escollemos Barcelona. Auditori Rockdelux, 2 de xuño, 22:00 (Barcelona).

2. Sharon Van Etten. Que dicir de Sharon Van Etten? O seu último disco, ‘Tramp’, e simplemente marabilloso (e enfermizo, avisamos). Está producido por Aaron Dressner de The National e conta con Zach Condon entre os seus colaboradores. Somos fans de Sharon Van Etten desde o día no que descubrimos A Crime e non puidemos deixar de escoitala durante horas. É a razón 1 pola que nos decidimos por Barcelona, xa que non toca en Porto. En Barcelona fará o concerto normal e un acústico máis familiar que non nos pensamos perder. Escenario San Miguel, 2 de xuño, 18:10 (Barcelona).

1. Jeff Mangum. Que dicir de Jeff Mangum? O do líder de Neutral Milk Hotel é un dos concertos máis esperados deste Primavera Sound por iso de ternos feito esperar case unha década para poder dicirlle que é un xenio. En Barcelona toca no Auditori e sabemos que as colas para conseguir ticket (hai que pagar 2 euros máis!) serán longas e cheas de drama. Estamos desexando, se logramos entrar, averiguar se a xente cala en In The Aeroplane Over The Sea ou hai un fermoso momento karaoke. Auditori Rockdelux, 1 de xuño, 18:30; 2 de xuño, 19:00 (Barcelona); Casa da Música, 10 de xuño, ás 16:00 e ás 22:00 (Porto).

Shares

4 comentarios

  • Vane di:

    Que envidia!!!!!! Sí, la verdad que tendreis que tomar dificiles decisiones… todos son muy buenos. Aunque Josh T. Pearson es una apuesta segura y en el auditorio de una manera más intimista ni perderselo. Tendreis muchos momentos peliculas, series…como si estuvieseis en una. Ya nos contareis, ya nos contareis la experiencia !!

  • xose di:

    Hei, isto é para o “SM” Primaveira Sound… Ides facer tamén un especial para o “O” Primaveira Sound?

  • xose di:

    Hum, bueno, eu non teño moi investigado o ‘rooster’ de Barcelona, pero coma moitos grupos repiten, pois podo engadir un pequeno comentario de cousas que son interesantes, por se algún lector lle interesa ter máis pistas.

    – Black Lips (veñen de sacar un disco moi xeitoso, ainda que teñen o problema que farán seguramente un concerto lamentable, ou excelente según se vexa)

    – Spiritualized ( o seu novo disco é un pouco aburrido, pero o seu directo actual – pódese escoitar en Internet un concerto seu enteiro de hai 3 semanas – é sinxelamente abrumador )

    – Thee Oh Sees ( levan coma 3 discos impresionantes en choio de este de revival garaxeiro, e son o típico grupo que se non o vedes no Primaveira non o veredes nunca de xira porque non xiraron nunca por España e seguramente non veñan por si mesmos )

    – Veronica Falls ( se vos gusta o twee e o indiepop e tal, esto é o mellor que saiu o ano pasado)

    – Wavves regresa a BCN logo de ter feito un concerto horrible en 2009 (estaba endrogado), pode que desta vez tente resarcirse e facelo ben. Non sei.

    Hum e un par máis:

    – M83 non me chistan moito, pero logo de escoitalo conciencudamente intercalado co resto do que ven a tocar, coido que pode facer o mellor concerto do festival. En serio, a súa música está feita para stade pop ou algo así. Ten que soar moi ben o aire libre.

    – I Break Horses, para quenes gusten do shoegaze electrónico, poden ser desde ben ruidosos ata moi dreamy

  • Fotografía de avatar Ana di:

    Graciñas! A nosa selección é un pouco de ambos, pero é certo que moitos tocan só en Barcelona. O que si faremos é fixarnos nos que máis nos gusten e vaian tamén a Porto para poder facer unha nova lista ;)

    Os que mencionas están tamén entre os nosos favoritos, a ver a cantos deles conseguimos ver (sempre parece que todos tocan á mesma hora en sitios distintos…).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *