O Sinsal San Simón xoga ás adiviñas

“No oeste Estados Unidos -ou Canadá-; no norte Noruega; no leste o Líbano; e no sur Sudáfrica. Son os puntos cardinais da banda sonora do Festival Sinsal San Simón 2012”.

Iso é todo o que saberá este ano todo o que embarque rumbo a San Simón os vindeiros 24 e 25 de xullo para o noso festival favorito: o Sinsal San Simón. Un evento que este ano decide romper coa tradición festivaleira de atraer á xente anunciando no cartel que artistas tocarán e deixa que todo sexa unha sorpresa. O simple pensamento de subirse a un barco cara unha illa na que seremos sorprendidos con música de todo o mundo fai que desexemos estar xa aí!

E é que, efectivamente, nun festival como o Sinsal San Simón o cartel é o de menos. Temos o selo de garantía Sinsal de que vai a ser bo (e non dan nomes, pero xa adiantaron que é de luxo) e temos todo o que significa poder ver concertos nunha illa, tranquilos e relaxados polo limitadísimo aforo, lonxe de todo estrés urbano.

Sabemos algo máis do Sinsal San Simón deste ano máis alá dos puntos cardinais? Temos outro pequeno dato: o cartel final está formado por oito artistas internacionais e dous nacionais. Ademais, sabemos tamén que todos eles tocarán os dous días. É dicir, para que máis xente poida desfrutar do festival sen ter que encher a illa, poderemos escoller que día queremos ir. Saberán manter o segredo do cartel os do primeiro día para que a segunda quenda aínda poida chegar na máis completa ignorancia?

Desde aquí só confiamos en que a estratexia de non anunciar cartel poida chegar ata o final sen sufrir filtracións (que xa as hai: nós atopamos un par de spoilers en forma de datas de concertos en webs de artistas ou produtoras… Non imos a desvelar nada, máis alá de que o que atopamos ata agora é efectivamente de luxo e estamos moi emocionados!).

Pecha os ollos e non intentes saltar ata o final para ver como acaba este libro. Espera ata o 24 ou o 25 de xullo para sabelo. E atento ás entradas: voarán en canto saian á venda.

Fotos | Andrés Fraga 

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *