Os festivais que veñen: xullo 2012

Positivus FestivalCalor, horario de verán (os que teñan sorte), vacacións… e praias ateigadas. O malo do verán, cando o tempo decide acompañar, é que as nosas praias deixan de selo e hai que compartilas con moita (demasiada) xente. E, xa postos a estar nunha multitude, por que non cambiar a praia por un festival? En xullo a oferta é enorme, pero para iso estamos nós, para dárvolo todo xa ben mastigado.

– En Galicia. Sinsal San Simón. Illa de San Simón (Pontevedra), 24 ou 25 de xullo. Xa vos dixemos nalgunha ocasión que este é o noso festival favorito, por permitirnos desfrutar dunha selección musical sempre boa sentados na herba coa brisa e o son do mar de fondo. Quen toca este ano? Non se sabe. Será unha das sorpresas que teremos ao desembarcar na illa. Mención especial tamén en xullo en Galicia para Portamérica (imaxina que o Vigo Transforma se traslada ao Val Miñor e engade unha feira de ideas innovadoras). Os máis clásicos tedes tamén a opción de Ortigueira.

– En España. Low Cost Festival. Benidorm (Alicante), 27, 28 e 29 de xullo. Se despois de San Simón necesitas volver a ir a un festival deses de verdade (con risco de esmagamento), podes correr ata Benidorm a pasar calor e odiar á xente. O cartel deste ano ten un par de cabezas de cartel que provocan déjà vus (Suede e Placebo, en que ano estamos?), pero tamén artistas máis “actuais”: Kasabian, Kakkmaddafakka, Fanfarlo, The New Raemon, Anni B Sweet

– No estranxeiro. Positivus Festival. Salacgrīva (Letonia), 20 e 21 de xullo. Na web do evento din que o Positivus é “o festival de música e arte máis grande e importante dos Países Bálticos”, e destacan que este ano seguen a crecer e teñen xa tres escenarios! Esa é a clase de masificación que nos gusta. Ademais, o Positivus ten lugar na costa, o que sempre é un plus. (E, que diaños, é en Letonia, que queres máis exótico?). O cartel? Cheo de grandes nomes como Keane, os Manic Street Preachers, The Vaccines, Niki and The Dove ou Friendly Fires. E un montón de grupos bálticos que seguro que paga a pena descubrir.

Foto | Positivus Festival

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *